Administración Local

Municipal

Cabanas

Aprobación ordenanza fiscal nº 11 Taxa por aproveitamento escpecial do dominio público local

EDICTO

O Pleno da Corporación na sesión extraordinaria realizada o día 13 de novembro de 2009 acordou:

1º. Aprobar provisionalmente a modificación do tributo local, así como da correspondente ordenanza fiscal reguladora: taxa por aproveitamento especial do dominio público local a favor de empresas explotadoras de servizos de subministracións de interese xeral.

2º. Someter a información pública o referido acordo e o texto da ordenanza reguladora, polo prazo de trinta días, publicando a tal efecto anuncio no B.O.P. e no Taboleiro de anuncios da Casa do Concello.

3º. No caso de que non se presentaren reclamacións no prazo anterior, o acordo adoptado entenderase definitivamente aprobado.

O que se fai público no cumprimento no disposto no artigo 17 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, incluíndose como Anexo ó presente Edicto o Texto das Ordenanzas mencionadas no apartado 1º.

Cabanas, 16 de novembro de 2009.

O Alcalde,

Asdo. Germán Castrillón Permuy.

ORDENANZA FISCAL Nº 11. REGULADORA DA TAXA POR APROVEITAMENTO ESPECIAL DO DOMINIO PÚBLICO LOCAL, A FAVOR DE EMPRESAS EXPLOTADORAS DE SERVIZOS DE SUBMINISTRACIÓNS DE INTERESE XERAL.

Artigo 1º. Fundamento e natureza

Ao abeiro do previsto nos artigos 57, 20 e 24.1 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece a taxa por utilización privativa ou aproveitamentos especiais constituídos no solo, subsolo ou voo das vías públicas municipais, a favor de empresas explotadoras de servizos de subministracións que resulten de interese xeral ou afecten á xeneralidade ou a unha parte importante da veciñanza, que se rexerá pola presente Ordenanza fiscal.

Artigo 2º. Feito impoñible

1.Constitúe o feito impoñible da taxa o desfrute da utilización privativa, ou os aproveitamentos especiais constituídos no solo, subsolo ou voo das vías públicas municipais, a favor de empresas ou entidades que utilizan o dominio público para prestar os servizos de subministracións que resulten de interese xeral ou afecten á xeneralidade ou unha parte importante da veciñanza.

2. O aproveitamento especial do dominio público producirase sempre que para a prestación do servizo de subministración se deban utilizar antenas, instalacións ou redes que materialmente ocupan o solo, subsolo ou voo das vías públicas municipais, con independencia de quen sexa o titular daquelas.

3. En particular, comprenderanse entre os servizos referidos nos apartados anteriores, as subministracións de auga, gas, electricidade, telefonía fixa, telefonía móbil e outros medios de comunicación, que se presten, total ou parcialmente, a través de redes e antenas fixas que ocupan o dominio público municipal.

4. O pagamento da taxa regulada nesta Ordenanza supón a exclusión expresa da exacción doutras taxas derivadas da utilización privativa ou o aproveitamento especial constituído no solo, subsolo ou voo das vías públicas municipais, necesarios para a prestación dos servizos de subministracións de interese xeral.

Artigo 3º. Suxeitos pasivos

1. Son suxeitos pasivos as empresas ou entidades explotadoras de servizos de subministración que resulten de interese xeral ou afecten á xeneralidade ou a unha parte importante da veciñanza, tales como os de abastecemento de auga, subministración de gas, electricidade, telefonía (fixa ou móbil) e outros análogos, así como tamén as empresas que explotan a rede de comunicación mediante sistemas de fibra óptica, televisión por cable ou calquera outra técnica, independentemente do seu carácter público ou privado.

Para estes efectos, inclúense entre as empresas explotadoras dos devanditos servizos as empresas distribuidoras e comercializadoras destes.

2. Teñen a consideración de suxeitos pasivos as empresas ou entidades explotadoras a que se refire o apartado anterior, tanto se son titulares das correspondentes redes a través das cales se efectúen as subministracións coma se, non sendo titulares das devanditas redes, o son de dereitos de uso, acceso ou interconexión a estas.

3. Tamén serán suxeitos pasivos da taxa as empresas e entidades, públicas ou privadas, que presten servizos, ou exploten unha rede de comunicación no mercado, conforme ao previsto nos artigos 6 e concordantes da Lei 32/2003, de 3 novembro, xeral de telecomunicacións.

4. As empresas titulares das redes físicas, ás cales non lles resulte aplicable o que se prevé nos apartados anteriores, están suxeitas á taxa por ocupacións do solo, o subsolo e o voo da vía pública, regulada na Ordenanza fiscal correspondente.

Artigo 4º. Sucesores e responsables.

1. As obrigas tributarias pendentes das sociedades e entidades con personalidade xurídica disoltas e liquidadas transmitiranse aos socios, copartícipes ou cotitulares, que quedarán obrigados solidariamente ata os límites seguintes:

a) Cando non exista limitación de responsabilidade patrimonial, a contía íntegra das débedas pendentes.

b) Cando legalmente se limitase a responsabilidade, o valor da cota de liquidación que lles corresponda.

Poderán transmitirse as débedas devengadas na data de extinción da personalidade xurídica da sociedade ou entidade, aínda que non estean liquidadas.

2. As obrigas tributarias pendentes das sociedades mercantís, en supostos de extinción ou disolución sen liquidación, transmitiranse ás persoas ou entidades que sucedan, ou sexan beneficiarios da operación.

3. As obrigas tributarias pendentes das fundacións, ou entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral Tributaria, no caso de disolución destas, transmitiranse aos destinatarios dos bens e dereitos das fundacións, ou aos partícipes ou cotitulares das devanditas entidades.

4. As sancións que procedan polas infraccións cometidas polas sociedades e entidades ás cales se refiren os apartados anteriores esixiranse aos sucesores daquelas, ata o límite do valor da cota de liquidación que lles corresponda.

5. Responderán solidariamente da débeda tributaria as persoas ou entidades seguintes:

a) As que sexan causantes ou colaboren activamente na realización dunha infracción tributaria. A súa responsabilidade esténdese á sanción.

b) Os partícipes ou cotitulares das entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral Tributaria, en proporción ás súas respectivas participacións.

c) Os que sucedan por calquera concepto na titularidade de explotacións económicas, polas obrigas tributarias contraídas polo anterior titular e derivadas do seu exercicio.

Exceptúanse de responsabilidade as adquisicións efectuadas nun procedemento concursal.

6. Responderán subsidiariamente da débeda tributaria:

a) os administradores de feito ou de dereito das persoas xurídicas que non tivesen realizado os actos necesarios da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas tributarias ata os límites seguintes:

- Cando se cometeron infraccións tributarias responderán da débeda tributaria pendente e das sancións.

- En supostos de cesamento das actividades, polas obrigas tributarias percibidas, que se encontren pendentes na data de cesamento, sempre que non tivesen feito o necesario para o seu pagamento ou tiveran tomado medidas causantes da falta de pagamento.

b) Os integrantes da administración concursal e os liquidadores de sociedades e entidades que non tivesen realizado as xestións necesarias para o cumprimento das obrigas tributarias devengadas con anterioridade.

7. A responsabilidade esixirase en todo caso nos termos e de acordo co procedemento previsto na Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5º - Servizo de telefonía móbil - Base impoñible e cota tributaria.

1. Para determina-la contía da taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público municipal por parte dos servizos de telefonía móbil, que precisan utilizar a rede de telefonía fixa instalada neste Municipio, aplicaranse as seguintes fórmulas de cálculo:

a) Base impoñible.

A base impoñible, deducida da estimación do aproveitamento especial do dominio público polo servizo de telefonía móbil calcúlase:

Bl = Cmf * Nt + (NH * Cmm)

Sendo:

Cmf = consumo telefónico medio estimado, en liñas de telefonía fixa, por chamadas procedentes de teléfonos móbiles. O seu importe para o exercicio 2010 é de 58,9 euros/ano.

Nt = Nº de teléfonos fixos instalados no Municipio, no ano 2008, que é de 1.418

NH = 95% do número de habitantes empadroados no Municipio. En 2008: 3.123

Cmm = Consumo medio telefónico, estimado por teléfono móbil por chamadas de móbil a móbil. O seu importe para 2010 é de 279,1 euros/ano.

b) Cota básica

A cota básica global determínase aplicando o 1,4 por 100 á base impoñible;

QB = 1,4% s/Bl

Cota tributaria/operador = CE * QB

Sendo:

CE = coeficiente atribuíble a cada operador, segundo a súa cota de participación no mercado, incluíndo as modalidades de pospago e prepago.

O valor da cota básica (QB) para 2010 é de 13.370,73 euros.

c) Imputación por operador

Para 2010 o valor de CE e a cota trimestral a satisfacer por cada operador son os seguintes:

CE

Cota trimestral

Movistar

48,87%

1.633,57 €

Vodafone

33,10%

1.106,43 €

Orange

16,58%

554,22 €

Yoigo

0,71%

23,73 €

Outros

0,76%

25,40 €

As cotas trimestrais a satisfacer polos operadores relacionados son a cuarta parte do importe que resulta de aplicar o coeficiente CE á cota básica establecida no apartado b) deste artigo.

Para os efectos de determinar o coeficiente CE, os suxeitos pasivos poderán probar ante o concello que o coeficiente real de participación no exercicio anterior ao de devengo da taxa foi inferior. Neste caso, as autoliquidacións trimestrais axustaranse aplicando o coeficiente acreditado polo obrigado tributario.

Artigo 6 - Outros servizos diferentes da telefonía móbil - Base impoñible e cota tributaria

1. Cando o suxeito pasivo sexa titular da rede que ocupa o solo, subsolo ou voo das vías públicas, mediante a cal prodúcese o desfrute do aproveitamento especial do dominio público local, a base impoñible está constituída pola cifra de ingresos brutos procedentes da facturación que obteñan anualmente no termo municipal as empresas ou entidades sinaladas no artigo 3 desta Ordenanza.

2. Cando para o desfrute do aproveitamento especial a que se refire o apartado anterior, o suxeito pasivo utilizase redes alleas, a base impoñible da taxa está constituída pola cifra de ingresos brutos obtidos anualmente no termo municipal minorada nas cantidades que deba aboar ao titular da rede, polo uso desta.

3. Para os efectos dos apartados anteriores, teñen a consideración de ingresos brutos procedentes da facturación aqueles que, sendo imputables a cada entidade, fosen obtidos por esta como contraprestación polos servizos prestados neste termo municipal, en desenvolvemento da actividade ordinaria; só se excluirán os ingresos orixinados por feitos ou actividades extraordinarias.

A título enunciativo, teñen a consideración de ingresos brutos as facturacións polos conceptos seguintes:

a) Subministracións ou servizos de interese xeral, propios da actividade da empresa, que corresponden a consumos dos aboados efectuados no Municipio.

b) Servizos prestados aos consumidores necesarios para a recepción da subministración ou servizo de interese xeral propio do obxecto da empresa, incluíndo os enlaces na rede, posta en marcha, conservación, modificación, conexión, desconexión e substitución dos contadores ou instalacións propiedade da empresa.

c) Alugueres, canons, ou dereitos de interconexión percibidos doutras empresas subministradoras de servizos que utilicen a rede da entidade que ten a condición de suxeito pasivo.

d) Alugueres que teñen que pagar os consumidores polo uso dos contadores, ou outros medios utilizados na prestación da subministración ou servizo.

e) Outros ingresos que se facturen polos servizos resultantes da actividade propia das empresas subministradoras.

4. Non se incluirán entre os ingresos brutos, para estes efectos, os impostos indirectos que gravan os servizos prestados nin as partidas ou cantidades cobradas por conta de terceiros que non constitúan un ingreso propio da entidade que é suxeito pasivo da taxa.

5. Non teñen a consideración de ingresos brutos procedentes da facturación os conceptos seguintes:

a) As subvencións de explotación ou de capital que as empresas poidan recibir.

b) As indemnizacións esixidas por danos e prexuízos, a menos que sexan compensación ou contraprestación por cantidades non cobradas que se han incluirán nos ingresos brutos definidos no apartado 3.

c) Os ingresos financeiros, como xuros, dividendos e calquera outros de natureza análoga.

d) Os traballos realizados pola empresa para o seu inmobilizado.

e) As cantidades procedentes de alleamento de bens e dereitos que forman parte do seu patrimonio.

6. As taxas reguladas nesta Ordenanza esixibles ás empresas ou entidades sinaladas no artigo 3 desta Ordenanza, son compatibles con outras taxas establecidas, ou que poida establecer o Concello, pola prestación de servizos ou realización de actividades de competencia local, das que as mencionadas empresas sexan suxeitos pasivos.

7. A contía da taxa determínase aplicando o 1,5 por 100 á base impoñible definida neste artigo.

Artigo 7 – Período impositivo e devengo da taxa

1 . O período impositivo coincide co ano natural agás os supostos de inicio ou cese na utilización ou aproveitamento especial do dominio público local necesario para a prestación do subministro ou servizo, casos nos que procederá aplicar o rateo trimestral, conforme ás seguintes regras:

a) Nos supostos de altas por inicio de actividade, liquidarase a cota correspondente aos trimestres que restan para finalizar o exercicio, incluíndo o trimestre en que ten lugar a alta.

b) No caso de baixas por cese de actividade, liquidarase a cota que corresponda aos trimestres transcorridos dende o inicio do exercicio incluíndo aquel no se orixina o cese.

2. A obriga de pagamento da taxa regulada nesta Ordenanza nace nos momentos seguintes:

a) Cando se trata de concesións ou autorizacións de novos aproveitamentos, no momento de solicitar a licenza correspondente.

b) Cando o desfrute do aproveitamento especial a que se refire o artigo 1 desta ordenanza non requira licenza ou autorización, dende o momento en que se iniciou o citado aproveitamento. Para tal efecto, enténdese que comezou o aproveitamento especial cando se inicia a prestación de servizos aos usuarios que o soliciten.

3. Cando os aproveitamentos especiais do solo, subsolo ou voo das vías públicas se prolongan durante varios exercicios, o devengo da taxa terá lugar o 1 de xaneiro de cada ano e o período impositivo comprenderá o ano natural.

Artigo 8º. Réxime de declaración e de ingreso - Servizos de telefonía móbil

1. As empresas operadoras de servizos de telefonía móbil relacionadas no artigo 5 desta Ordenanza deberán presentar a autoliquidación e efectuar o ingreso da cuarta parte resultante do que establece o devandito artigo nos meses de abril, xullo, outubro e decembro

2. Outras empresas prestadoras de servizos de telefonía móbil presentarán a súa declaración sobre a base dos parámetros establecidos no artigo 5 e tendo en conta o período de prestación efectiva dos servizos durante o ano 2010.

3. Unha vez concluído o exercicio 2010 os suxeitos pasivos que probaran, en base de datos oficiais, que a súa participación neste período tivese diferido da porcentaxe aplicada para os efectos do cómputo da taxa regulada na presente ordenanza, poderán solicitar a regularización procedente.

Artigo 9º. Réxime de declaración e ingreso - Outros servizos.

1. Respecto aos servizos de subministración regulados no artigo 6º desta Ordenanza, establécese o réxime de autoliquidación para cada tipo de subministración, que terá periodicidade trimestral e comprenderá a totalidade dos ingresos brutos facturados no trimestre natural ao que se refira. O cesamento na prestación de calquera subministración ou servizo de interese xeral, comporta a obriga de facer constar esta circunstancia na autoliquidación do trimestre correspondente así como a data de finalización.

2. Poderase presentar a declaración final o último día do mes seguinte ou o inmediato hábil posterior a cada trimestre natural. Presentarase ao Concello unha autoliquidación para cada tipo de subministración efectuada no termo municipal, especificando o volume de ingresos percibidos por cada un dos grupos integrantes da base impoñible, segundo detalle do artigo 6.3 desta Ordenanza. A especificación referida ao concepto previsto na letra c) do mencionado artigo, incluirá a identificación da empresa ou empresas subministradoras de servizos as que se facturase cantidades en concepto de peaxe.

A contía total de ingresos declarados polas subministracións a que se refire o apartado a) do mencionado artigo 6.3 non poderá ser inferior á suma dos consumos rexistrados en contadores, ou outros instrumentos de medida, instalados neste Municipio.

3. As empresas que utilicen redes alleas deberán acreditar a cantidade satisfeita aos titulares das redes co fin de xustificar a minoración de ingresos a que se refire o artigo 6.2 da presente Ordenanza. Esta acreditación acompañarase da identificación da empresa ou entidade propietaria da rede utilizada.

4. Expedirase un documento de ingreso para o interesado, que lle permitirá satisfacer a cota nos lugares e prazos de pagamento que se indiquen.

5. Por razóns de custo e eficacia, cando da declaración trimestral dos ingresos brutos se derive unha liquidación de cota inferior a 6 euros, acumularase á seguinte. A presentación das autoliquidacións despois do prazo fixado no punto 2 deste artigo comportará a esixencia de recargos extemporáneos, segundo o que prevé o artigo 27 da Lei Xeral Tributaria.

6. A empresa “Telefónica de España,S.A.U.. “ á cal cedeu Telefónica S.A. os diferentes títulos habilitantes relativos a servizos de telecomunicacións básicas en España, non deberá satisface-la taxa porque o seu importe queda englobado na compensación do 1,9% dos seus ingresos brutos que abona a este Concello.

As restantes empresas do “Grupo Telefónica”, están suxeitas ao pagamento da taxa regulada nesta ordenanza. En particular, Telefónica Móviles España S.A. esta suxeita á taxa, nos termos regulados no artigo 5 da presente ordenanza.

Artigo 10º. Infraccións e sancións.

1. A falta de ingreso da débeda tributaria que resulta da autoliquidación correcta da taxa dentro dos prazos establecidos nesta ordenanza, constitúe infracción tributaria tipificada no artigo 191 da Lei Xeral Tributaria, que se cualificará e sancionará segundo dispón o mencionado artigo.

2. O resto de infraccións tributarias que se poidan cometer nos procedementos de xestión, inspección e recadación desta taxa tipificaranse e sancionarán de acordo co que se prevé na Lei Xeral Tributaria, no Regulamento Xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributarias, aprobado por Real Decreto 1065/2007 e na Ordenanza Xeral de Xestión, Inspección e Recadación dos ingresos de dereito Público municipais.

3. A falta de presentación de forma completa e correcta das declaracións e documentos necesarios para que se poida practicar a liquidación desta taxa constitúe unha infracción tributaria tipificada no artigo 192 da Lei Xeral Tributaria, que se cualificará e sancionará segundo dispón o mencionado artigo.

Disposición adicional 1ª - Actualización dos parámetros do artigo 5º.

As ordenanzas fiscais dos exercicios futuros poderán modificar o valor dos parámetros Cmf, Cmm, NH, Nt, NH, si así procede.

Se non se modifica a presente ordenanza, continuarán sendo de aplicación os parámetros establecidos para o exercicio 2010.

Se a presente ordenanza debe ser aplicada despois de 2010, as referencias a este ano, contidas nos artigos 5 e 8, deben entenderse realizadas respecto a cada un dos exercicios en que se aplique a ordenanza.

Disposición adicional 2ª. Modificación dos preceptos da ordenanza e das referencias que fai á normativa vixente, con motivo da promulgación de normas posteriores.

Os preceptos desta Ordenanza fiscal que, por razóns sistemáticas reproduzan aspectos da lexislación vixente e outras normas de desenvolvemento, e aquelas en que se fagan remisións a preceptos desta, entenderase que son automaticamente modificados e/ou substituídos, no momento en que se produza a modificación dos preceptos legais e regulamentarios de que traen causa.

Disposición final.

A presente Ordenanza fiscal, aprobada provisionalmente polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o trece de novembro de 2009 e que quedou definitivamente aprobada en data...., entrará en vigor a partir da publicación da aprobación definitiva no Boletín oficial da Provincia, sendo de aplicación dende o día 1 de xaneiro de 2010 e permanecendo vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa.

2009/17134