Administración Local

Municipal

Cabanas

Prezo público actividades culturais, deportivas e recreativas

EDICTO.

Non presentándose alegación durante o prazo de exposición ao público, queda elevado a definitivo o acordo do Pleno do Concello adoptado en data 28 de setembro de 2011, sobre modificación do prezo público pola prestación do servizo de actividades, culturais deportivas e recreativas, así como da correspondente ordenanza fiscal reguladora, cuxo texto íntegro faise público no cumprimento do establecido no artigo 17.4 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

Contra a aprobación definitiva poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo nos termos establecidos na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

ORDENANZA FISCAL NUMERO 20 REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POR PARTICIPACIÓN EN ACTIVIDADES CULTURAIS, DEPORTIVAS E RECREATIVAS.

Artigo 1. Fundamento e natureza.

De conformidade co previsto no artigo 127 en relación co 41 do Texto Refundido da Ley reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece o prezo público pola prestación do servicio de actividades culturais, deportivas e recreativas que se rexerá polo disposto no referido TRLRFL e na presente ordenanza.

Artigo 2. Concepto.

O prezo público regulado nesta ordenanza constitúe un ingreso de dereito público que se satisfará polos usuarios que voluntariamente soliciten os servizos culturais, deportivos ou recreativos prestados polo concello de Cabanas.

Artigo 3. Obrigados ó pagamento.

Están obrigados ó pagamento do prezo público regulado nesta ordenanza, en concepto de suxeitos pasivos, aquelas persoas que se beneficien dos servicios culturais, deportivos ou recreativos prestados polo concello de Cabanas ós que se refire a presente ordenanza.

Artigo 4. Contía.

A contía do prezo público regulado nesta Ordenanza será o fixado na seguinte tarifa:

A). Actividades socio-culturais:

- Participación en talleres culturais: palilleiras, artesanía, debuxo, bordado, restauración e outros, 20 euros/persoa/mes.

B). Escola de música: Clase colectiva 30 euros/persoa/mes.

Clase individual 40 euros/persoa/mes.

C) Actividades deportivas e recreativas:

- Participación en actividades: aerobic, ximnasia, bailes salón, balomán, predeporte, xudo, e outros, 20 euros/persoa/mes.

- Tenis e pádel, 25 euros/persoa/mes.

D). Cursos e obradoiros:

- Cursos de informática: Ata 15 horas, 30 euros/persoa/curso.

Máis de 15 horas, 40 euros/persoa/curso.

- Cursos de vela, 60,00 euros/persoa/curso.

- Ludoteca, campamento urbán e outros, 65 euros/persoa/curso.

Cando sexa necesario material para o desenvolvemento dalgunha actividade ou curso, os participantes terán que achega-lo mesmo pola súa conta segundo se especifique no momento da inscrición, xa que non se inclúe no prezo establecido.

Artigo 5. Obrigación de pagamento.

A obriga de pagamento do prezo público regulado nesta ordenanza, nace dende o día en que se inicie a prestación dos servicios ou actividades relacionados no artigo anterior, mediante a solicitude de participación nos cursos ou actividades sinalados.

Cando por causas non imputables ao obrigado ó pagamento do prezo público, o servizo ou a actividade non se preste ou se desenvolva, procederá a devolución do importe correspondente.

O pagamento do referido prezo público efectuarase da seguinte forma: a) para as actividades, no momento de efectua-la inscrición aboarase a primeira mensua-lidade e as seguintes mensualmente dentro dos cinco primeiros días do mes; b) no caso de cursos o pagamento realizarase nunha soa vez no momento de formaliza-la inscrición no curso correspondente. O pagamento desta taxa realizarase preferentemente mediante domiciliación bancaria.

Artigo 6. Exencións e bonificacións.

6.1. De conformidade co disposto no artigo 9 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, non se recoñece beneficio tributario algún, agás os que sexan consecuencia do establecido nos tratados ou acordos internacionais, ou os previstos expresamente en normas con rango de Lei, así como os establecidos nesta ordenanza.

6.2. Non obstante, de acordo co sinalado no artigo 44.2 do referido Texto refundido, tendo en conta a existencia de razóns sociais, benéficas, culturais e de interese público que así o aconsellan, establecénse as seguintes exencións e bonificacións:

a)Estarán exentos do pagamento deste prezo público, os escolares dos centros de ensino do municipio que participen nas actividades escolares organizadas polo Concello de forma específica para os mesmos.

b) Para as persoas empadroadas neste Concello que participen nas actividades mencionadas nos epígrafes A) e C) do artigo 4, establécense sobre a contía sinalada, as seguintes bonificacións:

- Con carácter xeral unha bonificación do 30 por 100 por estar empadroados no concello de Cabanas.

- Unha bonificación do 10 por 100 para os participantes que sexan membros de familia numerosa.

- Unha bonificación do 10 por 100 para os participantes membros de unidade familiar na que os ingresos per cápita non acadenb o salario mínimo interprofesional. A estes efectos entenderase como unidade familiar a composta por tódalas persoas que figuren inscritas na mesma folla padroal.

- Unha bonificación do 10 por 100 do prezo público cando participen tres ou máis membros da mesma unidade familiar.

c) Establécese unha bonificación do 10 por 100 da contía do prezo público de cursos de informática para persoas con carnet xoven.

6.3. En casos excepcionais a Xunta de Goberno Local, previo informe dos servizos sociais, poderá acordar a bonificación total ou parcial da contía do prezo público.

Artigo 7. Requisitos.

O Concello poderá establecer condicións ou requisitos que deben reuni-los participantes para asegura-los riscos inherentes a realización de actividades da desenvolver, así como, as normas de desenvolvemento das actividades aplicando a suspensión temporal ou definitiva ós participantes que as incumpran segundo a gravidade do incumprimento.

Artigo 8. Normas de xestión.

8.1. O pagamento do referido prezo público efectuarase da seguinte forma:

- Para as actividades, no momento de efectua-la inscrición aboarase a primeira mensualidade e as seguintes mensualidades dentro dos cinco primeiros días de cada mes.

- No caso de cursos o pagamento realizarase nunha soa vez no momento de formaliza-la inscrición no curso correspondente.

- O pagamento deste prezo público realizarase preferentemente mediante domiciliación bancaria.

8.2. Para aplicación das bonificacións establecidas no artigo 5 os interesados deberán formular a correspondente solicitude no momento de realiza-la inscrición achegando os xustificantes acreditativos de inscrición padronal, ingresos unidade familiar ou inscricións, segundo corresponda.

8.3. No caso de existir varias solicitudes que superen o número de participantes a admitir, darase preferencia aos empadroados no concello de Cabanas, e no caso de entidades ás que teñan a sede social no Concello.

8.4. As débedas polos prezos públicos desta ordenanza poderán esixirse polo procedemento de constrinximento.

Artigo 9. Delegación na Xunta de Goberno Local.

No suposto de que o servizo ou actividade cultural ou deportiva a prestar polo Concello, non se encontre tarifada na presente Ordenanza ou resulte necesaria a modificación ou actualización das contías, delégase na Xunta de Goberno Local, conforme os artigos 47 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, e 23.2.b) da Lei 7/1985, do 2 de abril, o establecemento da contía ou a actualización da mesma segundo o IPC, a proposta do servizo técnico correspondente co previo informe do Interventor municipal.

Disposición final.

A presente Ordenanza, aprobada polo Pleno da Corporación en sesión realizada o 28 de setembro de dous mil once, entrará en vigor despois da aprobación definitiva, o día seguinte de publicada no Boletín Oficial da Provincia, e será de aplicación a partir da súa entrada en vigor, continuando vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación.

Disposición derrogatoria.

A partir da data de entrada en vigor desta Ordenanza fiscal, queda derrogada a anterior Ordenanza fiscal número 20, reguladora do prezo público por participación en actividades culturais, deportivas e recreativas, aprobada polo Pleno da Corporación en sesión do día 4 de setembro de 2008 e publicada no B.O.P. nº 254 do 4 de novembro de 2008.

Cabanas, 29 de decembro de 2011.

O Alcalde.

Asdo. Germán Castrillón Permuy

2011/17199