Administración Local

Municipal

Cabanas

Ordenanza municipal para a protección e tenza de animais

E D I C T O

O pleno da Corporación na sesión realizado o 14 de novembro de 2011, aprobou inicialmente a ordenanza municipal para a protección e tenza de animais. Transcorrido o prazo de información pública sen que se presentasen alegacións, o devandito acordo elévase a definitivo, en virtude do disposto no apartado terceiro do artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril e procédese á publicación da devandita ordenanza.

ORDENANZA MUNICIPAL PARA A PROTECCIÓN E TENZA DE ANIMAIS

INTRODUCCIÓN

TÍTULO I. Ámbito de aplicación

TÍTULO II. Sobre a tenza de animais

Capítulo 1: Da tenza en xeral

Capítulo 2: Das obrigas dos posuidores de animais domésticos

Capítulo 3: Dos cans ou outros animais vagabundos

Capítulo 4: Da protección dos animais

Capítulo 5: Censo e identificación

TÍTULO III. Dos animais potencialmente perigosos

Capítulo 1: Disposicións xerais

Capítulo 2: Da licenza municipal

Capítulo 3: Do rexistro municipal

TÍTULO IV. Das infraccións e sancións

INTRODUCCIÓN

Esta ordenanza ten por obxecto fixar unha serie de normas que regulen a tenza de animais no termo municipal de Cabanas e a súa interrelación coas persoas, tendo en conta os posibles riscos para a sanidade ambiental, así como a tranquilidade, saúde e seguridade da cidadanía e dos seus bens, todo elo sen prexuízo do disposto na lexislación vixente na materia.

Para iso establécese unha serie de atencións mínimas que teñen que recibir os animais de compaña en canto ó seu trato, hixiene e coidado, protección e transporte, sempre inspiradas no principio fundamental de posesión e tenza responsable, así como normas sobre a súa permanencia nos parques, praias e outros espazos públicos, especialmente os frecuentados por nenos.

Por outra parte, é necesario establecer unha regulación que permita controlar e delimitar o réxime da tenza de cans potencialmente perigosos, co fin de minimizar os riscos de futuras molestias e ataques a seres humanos, conxéneres ou outras especies animais. Limítanse as prácticas inadecuadas de adestramento para a pelexa ou ataque e outras actividades dirixidas ó fomento da súa agresividade.

TÍTULO I: ÁMBITO DE APLICACIÓN

Artigo 1.

1. A presente ordenanza ten por obxecto regular as condicións de tenza responsable de animais domésticos ou salvaxes en catividade, incluso os cualificados como potencialmente perigosos, de xeito que a súa utilización proveitosa polas persoas sexa compatible coa protección dos propios animais e a eliminación dos riscos que poidan derivarse para a vida, saúde e integridade física das persoas e demais animais e a seguridade dos bens, dentro do termo municipal.

2. Con tal finalidade, a ordenanza ten en conta tanto as molestias e perigos que poden ocasionar os animais como o valor da súa compañía para un gran número de persoas e a axuda que poden prestar polo adestramento e a dedicación, como no caso dos cans guía, dos traballos de salvamento e de todos os demais en que os animais domésticos proporcionan aos humanos satisfaccións deportivas e de lecer.

3.Quedan excluídos desta ordenanza, e estarán rexidos pola súa propia normativa:

a) A caza, (agás os cans destinados a esta actividade),

b) A pesca

c) A protección e a conservación da fauna silvestre no seu medio natural

d) Os touros e espectáculos taurinos tradicionais

e) A gandaría entendida como cría de animais con fins de abastos

f) Os animais destinados ó traballo, a proporcionar pel ou algún outro produto útil,

g) Cans e animais pertencentes ás forzas armadas, forzas e corpos de seguridade do estado, corpo de policía da comunidade autónoma, policía local e empresas de seguridade con autorización oficial,

h) Aqueles animais que son obxecto dunha regulación específica, como os criados para o aproveitamento da súa produción e os salvaxes,

i) Calquera outra que sexa obxecto de regulación específica no futuro

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta ordenanza enténdese por:

- Animais domésticos: os que pertenzan a especies que habitualmente se críen, reproduzan e convivan co ser humano.

- Animais de compañía: os animais domésticos das especies canina e felina, así como os doutras especies, que se críen, xeralmente no propio fogar, con obxecto de obter a súa compañía (subespecie de animal doméstico).

- Animais salvaxes en catividade: os que, aínda que sexan libres pola súa condición, sexan obxecto de captura no seu medio natural, se manteñan nun grao absoluto e permanente de dominación.

- Animais abandonados: os que circulan libremente aínda que estean provistos de identificación oficial, se no prazo de vinte días a partir da súa captura non son reclamados por alguén que acredite a súa propiedade.

- Animais potencialmente perigosos: considéranse animais potencialmente perigosos todos os que pertenzan á fauna salvaxe e son utilizados como animais domésticos ou de compañía, con independencia da súa agresividade, pertencen a especies ou razas que teñan a capacidade de causar a morte ou lesións ás persoas ou a outros animais e danos ás cousas.

Tamén terán a cualificación de potencialmente perigosos os animais domésticos ou de compañía que regulamentariamente se determinen, en particular, os pertencentes á especie canina, incluídos dentro dunha tipoloxía racial que, polo seu carácter agresivo, tamaño ou potencia de mandíbula, teñan a capacidade de causar a morte ou lesións a persoas ou a outros animais e danos ás cousas.

Artigo 3.

Sen prexuízo do esixido nas demais disposicións que sexan aplicables, estarán suxeitas á obtención da previa licenza ou da autorización municipal as actividades seguintes:

a) Os establecementos hípicos, sexan ou non de temporada con instalacións fixas ou non, que garden cabalos para a práctica da equitación con fins deportivos, recreativos e turísticos.

b) Os centros para animais de compañía e os destinados á reprodución, aloxamento temporal ou permanente e/ou subministración de animais para vivir domesticados nas casas, principalmente cans, gatos e aves e outros cánidos destinados á caza e ó deporte e que se dividen en:

- Lugares de cría: para a reprodución e subministración de animais a terceiros.

- Residencias: establecementos destinados ó aloxamento temporal.

- Canceiras deportivas: establecementos destinados á práctica do deporte en canódromos.

- Fatos. Establecementos destinados a gardar animais para a caza.

c) Centros ou agrupacións diversas non comprendidas entre os anteriores. Clasifícanse en:

- Tendas de paxaros: para a reprodución e/ou subministración de pequenos animais, principalmente pequenas aves, con destino ós domicilios.

- Provedores de laboratorios: para a produción e/ou subministración de animais con fins de experimentación científica.

- Zoos ambulantes, circos e entidades asimiladas.

- Comercios dedicados á venda de animais de acuario ou terrario, como peixes, arácnidos ou réptiles.

- Instalacións dedicadas á cría de animais para o aproveitamento das súas peles.

d) A celebración de todo tipo de eventos con participación de animais.

TÍTULO II. SOBRE A TENZA DE ANIMAIS

Capítulo 1. Da tenza en xeral.

Artigo 4.

1. O posuidor dun animal, sen prexuízo da responsabilidade civil subsidiaria do propietario, será responsable dos danos, prexuízos e molestias que ocasione, excepto nos casos de forza maior ou culpa exclusiva do damnificado.

2. Con carácter xeral autorízase a tenza de animais de compañía domésticos nos domicilios particulares situados no núcleo urbano. A tenza estará condicionada a que as circunstancias hixiénicas do seu aloxamento sexan óptimas, á ausencia de riscos no aspecto sanitario e á inexistencia de perigos ou molestias para a veciñanza ou para outras persoas.

3. Con tal finalidade prohíbese desde as 24.00 horas ata as 8.00 horas, deixar nos patios, terrazas, galerías e balcóns, aves e animais en xeral, que cos seus sons, berros ou cantos, desturben o descanso ou tranquilidade dos veciños. O resto do día, tamén deberán ser retirados dos lugares especificados polas ou polos seus propietarios cando, de xeito evidente, ocasionen molestias ós ocupantes do inmoble ou inmobles veciños

4. As persoas propietarias ou posuidoras de animais estarán obrigadas a proporcionarlles unha alimentación suficiente e adecuada ás características de cada animal.

5. A persoa propietaria ou posuidora dun animal estará obrigada a practicarlle as curas que precise e proporcionarlle os tratamentos preventivos de enfermidades e as medidas sanitarias preventivas, de ser o caso, que a autoridade municipal ou outros organismos competentes dispoñan.

6. Os animais afectados de enfermidades de declaración obrigatoria segundo a Lei de epizootías deberán ser illados, proporcionándolles o tratamento axeitado se este fose posible. No seu defecto, deberán ser sacrificados por métodos eutanásicos que impliquen o mínimo sufrimento e provoquen unha inmediata perda de consciencia. Este precepto seralles de aplicación tanto ós particulares como a aquelas entidades que lles ofrezan refuxio ós animais perdidos ou extraviados.

7. O número de animais que poidan aloxarse en cada domicilio ou inmoble poderao limitar a autoridade municipal, con base a informes técnicos razoados, que atinxen ás características da vivenda e á biomasa dos animais aloxados.

Artigo 5.

1. Quen posúa un animal salvaxe en catividade é responsable da súa protección e coidado, así como do cumprimento das obrigas previstas nesta ordenanza.

2. A tenza de animais en catividade procedentes de importación, precisará informe previo do organismo competente da Xunta de Galicia relativo ás súas condicións hixiénico-sanitarias.

3. Prohíbese a tenza de animais salvaxes perigosos para o ser humano fóra dos locais autorizados polo órgano competente da Xunta de Galicia. Tamén a súa circulación por lugares abertos ó público sen as medidas protectoras que se establezan, de acordo coas características de cada especie.

4. Ós animais salvaxes en catividade seranlles de aplicación as medidas sanitarias e hixiénicas previstas nesta ordenanza, así como as previstas no artigo 9 da Lei de Galicia 1/1993, do 13 de abril.

Artigo 6.

1. Queda absolutamente prohibida a entrada e permanencia de animais en toda clase de locais dedicados á fabricación, venda, almacenaxe ou manipulación de alimentos.

En restaurantes, bares, cafeterías e similares, a entrada e permanencia de animais estará condicionada ó criterio do dono do establecemento sempre e cando non supoña ningún tipo de incomodidade ou molestia para os concorrentes, sendo o propietario do animal o responsable dos seus actos.

2.a). Prohíbese a circulación e permanencia de cans, cabalos e outros animais nas praias do Concello e no piñeiral da Madalena no período estival, definido este como o comprendido entre o 1 de maio ó 30 de setembro. Con carácter xeral, o resto do ano, o acceso de cans estará permitido sempre e cando os propietarios/as dos cans procedan a recollida das deposicións e os animais estean provistos de cadea ou correa e colar, sen prexuízo do previsto para os animais potencialmente perigosos.

b). O concello exceptúa da prohibición de circulación e permanencia de cans no entorno da Madalena no período estival definido no punto 2,a) anterior, a zona de aparcamento do paseo da Madalena, entendéndose esta como a comprendida ente o paseo da Madalena e a vía do tren, dende a altura do apeadoiro do tren á rotonda da ola, na que estará permitido o acceso de cans durante todo o ano, sempre e cando os propietarios/as dos cans procedan a recollida das deposicións e os animais estean provistos de cadea ou correa e colar, sen prexuízo do previsto para os animais potencialmente perigosos.

3. Queda prohibida a entrada de animais en espectáculos públicos deportivos e culturais, así como en recintos de práctica de deportes e xogos infantís, en parques infantís ou naqueloutras zonas que o Concello determine atendendo ás súas dimensións ou réxime de usos, especialmente os frecuentados por nenos.

4. Autorízase o traslado de animais nos medios de transporte público, sempre que o traslado se efectúe nun transportador, cesta ou gaiola e nos servizos de taxi a criterio do/da condutor/a e sempre condicionado, en ambos os dous casos, a que sexan sostidos polos donos de xeito que non ocupen os asentadoiros.

5. O transporte de animais en vehículos particulares efectuarase de xeito que non poida ser perturbada a acción do/a condutor/a nin se comprometa a seguridade do tráfico de acordo coas normas previstas no Código de Circulación.

Artigo 7.

1. Nos establecementos hoteleiros e pousadas, sempre que o autorice a dirección do establecemento, a estanza de animais de compañía estará condicionada a unhas óptimas circunstancias hixiénicas de aloxamento e á inexistencia de calquera tipo de incomodidade ou molestia para os residentes. A propietaria ou propietario dos animais será o responsable dos seus actos e deberá presentar a identificación acreditativa ante calquera axente da autoridade que a requira.

2. O acceso e permanencia dos animais en lugares comunitarios privados ou nas súas dependencias, tales como sociedades culturais, recreativas ou similares, zonas de uso común de comunidades de veciños ou outras, estará suxeito ás normas que rexan nas ditas entidades.

Artigo 8. Cans guía

Quedan excluídos expresamente do preceptuado nos artigos 6 e 7 os cans guía que poderán circular libremente nos transportes públicos urbanos, así como acceder a calquera tipo de local, sempre que vaian acompañados do seu propietario ou propietaria e posúan as condicións hixiénico-sanitarias e de seguridade que se prevé na normativa sectorial de aplicación.

Artigo 9. Agresións a persoas

1. As persoas agredidas por animais daranlle inmediatamente conta do feito ás autoridades sanitarias municipais.

2. O propietario/a ou posuidor/a do animal agresor deberá presentarse no servizo municipal co documento de identificación e todos os datos que poidan servir de axuda á persoa ferida ou ós seus representantes e ás autoridades sanitarias que o soliciten.

3. O propietario/a ou posuidor/a do animal agresor responderá administrativamente por non adoptar as medidas de protección fixadas nesta ordenanza, e estará obrigado/a a asumir os gastos ocasionados pola agresión.

Artigo 10.

1. Os que observen a presenza dun animal morto na vía pública poden comunicarllo ó servizo municipal competente, co fin de proceder á retirada do cadáver nas condicións hixiénicas necesarias para tal operación.

2. Queda absolutamente prohibido o abandono na vía pública de cadáveres de calquera especie animal.

Capítulo 2. Das obrigas dos posuidores de animais domésticos

Artigo 11.

Quen posúa un animal doméstico é responsable da súa protección e coidado e máis de cumprir todas as obrigas contidas nesta ordenanza.

Artigo 12.

A Xunta de Galicia poderá ordenar a vacinación ou tratamento obrigatorio dos animais domésticos ou salvaxes en catividade que considere necesario por razóns sanitarias ou calquera outra.

Artigo 13.

1. Con carácter xeral, e sen prexuízo do previsto para os animais potencialmente perigosos, os cans circularán nas vías e espazos públicos provistos de cadea ou correa e colar. O uso do bozo será ordenado pola Autoridade municipal cando as circunstancias así o aconsellen e mentres duren estas. Non obstante o anterior, os cans potencialmente perigosos circularán sempre con bozo.

2. Exceptúanse do uso de correa ou doutro medio de suxeición, así como de bozo, os cans que se utilicen en tarefas agrícolas ou gandeiras mentres desenvolvan as súas actividades no ámbito rural ou aqueles que se empreguen na caza no tempo e forma legal; os que en compañía dunha persoa responsable circulen fóra dos núcleos urbanos por terreos agrícolas ou forestais sempre que non concorra a presenza de terceiras persoas así como os cans guía.

3. Os posuidores de animais de compañía teñen a obriga de adoptar as medidas necesarias para que o animal non poida acceder libremente ás vías e espazos públicos ou privados, así como impedir o seu libre acceso a persoas, animais ou cousas que se atopen neles.

4. Os posuidores de animais que se atopen en liberdade en fincas ou recintos deberán dispor os medios axeitados para evitar que poidan ocasionar danos ou molestias ós viandantes. Tamén procurarán que a circulación e transporte dos seus animais pola vía pública se leve a cabo coas adecuadas medidas de protección.

Artigo 14.

1. Queda absolutamente prohibido que as persoas propietarias ou posuidoras dos cans deixen as deposicións dos seus animais en parques ou xardíns de uso frecuente por parte de nenos/as, así como nas beirarrúas e zonas de paso de peóns e, en xeral, en toda a vía pública.

2. As deposicións que se produzan serán recollidas polos propietarios/as dos cans e colocaranse de xeito hixienicamente aceptable nos colectores de recollida de lixo. Queda prohibido depositalos nas entradas da rede de sumidoiros.

Artigo 15.

As persoas que empreguen cans para a vixilancia de parcelas, obras ou calquera outra propiedade, deberán procurarlles alimento, aloxamento, espazo e curas axeitadas, ademais de telos debidamente censados e identificados. Así mesmo deberán estar baixo a vixilancia e control do dono/a do inmoble de xeito que non lles poidan causar dano a persoas, outros animais ou cousas. Deberase advertir, nun lugar visible, a existencia dun can de garda.

Artigo 16.

1. Atínxelle á Alcaldía a responsabilidade superior da protección dos animais domésticos ou salvaxes en catividade no ámbito do seu termo municipal.

2. No caso de grave ou persistente incumprimento por parte dos propietarios/as ou posuidores/as de animais domésticos das obrigas establecidas nesta ordenanza, a autoridade municipal poderá dispor o traslado dos animais a un establecemento axeitado, con cargo a aqueles e adoptar calquera medida adicional que se estime imprescindible.

3. A autoridade municipal poderá ordenar o traslado a outro lugar axeitado dos animais que non cumpran as condicións establecidas nos artigos 4, 5 e 6 desta ordenanza.

Artigo 17.

Os propietarios/as ou posuidores/as de animais que non desexen continuar téndoos deberán entregarllos a unha sociedade protectora.

Capítulo 3. Dos cans ou outros animais abandonados

Artigo 18.

Queda absolutamente prohibido o abandono de toda clase de animais vivos, especialmente de cans, feito que se sancionará como risco para a saúde pública.

Artigo 19.

Consideraranse animais abandonados os que circulan libremente aínda que estean provistos de identificación oficial, se no prazo de vinte días a partir da súa captura non son reclamados por alguén que acredite a súa propiedade.

Artigo 20.

Queda prohibido facilitarlles alimento de xeito cotián ós animais abandonados.

Artigo 21.

1. O concello de Cabanas ou a asociación colaboradora, se fose o caso, actuando por iniciativa propia ou por denuncia dun cidadán, recollerán os animais abandonados e reteraos, co obxecto de localizar o seu dono.

2. Se o animal non está identificado reterase por un prazo máximo de 20 días, despois dos cales o Concello ou a asociación colaboradora poñerá ó animal a disposición de quen o solicite durante un prazo mínimo de tres días. Se finalmente ninguén reclama o animal poderá dárselle o destino máis conveniente, e só en último termo o sacrificio por procedementos autorizados baixo control veterinario.

3. Se o animal é identificado avisaráselle ó propietario/a de xeito inmediato, que disporá dun prazo de 10 días para recuperalo, unha vez aboados os gastos orixinados polo seu mantemento. Unha vez transcorrido este prazo, de non satisfacer o pagamento, procederase de acordo co disposto no punto anterior.

4. A retirada dos animais debe realizarse en horas de servizo, e de ser o caso, despois do pagamento das taxas e demais gastos de mantenza e coidado e da sanción correspondente que a Alcaldía lles impoña.

5. O Concello disporá de canceira, propia ou concertada, que cumpra as condicións sanitarias para o aloxamento dos animais recollidos mentres non sexan reclamados polos seus propietarios ou posuidores ou mantidos en período de observación.

Capítulo 4. Da protección dos animais.

Artigo 22.

Quedan prohibidas con carácter xeral e con respecto a todos os animais de compañía as seguintes condutas, estando facultados os axentes da autoridade para a confiscación dos espécimes ou dos seus restos de ser considerado necesario:

1. Causar a súa morte, excepto en caso de enfermidade incurable ou necesidade ineludible (co fin de evitar sufrimentos ó animal ante unha enfermidade incurable) e sempre baixo control veterinario.

2. Maltratar ou agredir de calquera xeito ós animais ou sometelos a calquera práctica que lles causase sufrimento ou dano non xustificado.

3. Desatendelos sen alimentalos axeitadamente, sen limpalos, sen sometelos a asistencia sanitaria, sen aloxalos de acordo coas súas esixencias naturais ou deixalos no interior de vehículos pechados.

4. Incitalos a asaltar as persoas ou a estragar as cousas.

5. Abandonalos, tanto na vía pública como en vivendas e noutros lugares pechados, desalugados, terreos e obras, na medida en que non sexan atendidos nestes lugares.

6. Utilizalos en espectáculos, loitas, festas populares e outras actividades se estas poden ocasionarlles sufrimento, ou sometelos a condicións non naturais, con exclusión dos espectáculos con regulamentación específica como resultan ser os taurinos.

7. Organizar pelexas entre animais ou incitalos a elas.

8. Exercer a venda ambulante de calquera animal, fóra dos recintos e datas expresamente legalizados, e en condicións de legalidade absoluta respecto a cada especie, segundo a súa regulamentación específica.

9. Exercer a venda non ambulante de animais, sen o cumprimento das condicións xerais sinaladas pola lei.

10. Calquera outra conduta degradante que teña como vítima ós animais.

11. Queda expresamente prohibido, de acordo coa vixente lexislación, a posesión, exhibición, venda, compra ou calquera outra manipulación con exemplares de fauna protexida, sexan vivos ou mortos.

CAPÍTULO 5.- Identificación e rexistro

Artigo 23. Identificación

1. As persoas propietarias ou posuidoras de cans están obrigados a recoñecelos por medio dun microchip ou transponder.

2. O implante electrónico deberá ter as seguintes características:

a) Deberá estar programado e non se poderá modificar.

b) O código alfanumérico estará formado por un número de díxitos que será único para cada animal, sen que poidan existir dous ou máis animais co mesmo código.

3. A implantación no animal do código establecido será efectuada por veterinario autorizado.

Artigo 24. Rexistro.

1. Todos os animais da especie canina, así como aqueles doutras especies que no futuro determine a Consellería competente nesta materia, deberán estar censados no municipio ben a través do Rexistro Municipal de animais de compañía do Concello de Cabanas ou a través de veterinarios colaboradores.

2. O rexistro conterá, polo menos, os seguintes datos:

a) Identificación do animal( raza, nome, sexo, data nacemento características e nº de microchip).

b) Identificación do propietario, posuidor ou persoa que asuma a responsabilidade (nome e DNI).

c) Domicilio e teléfono do posuidor.

Artigo 25. Baixas. Cambio de domicilio

1. As baixas definitivas (por morte dos animais censados, por cambio de concello de residencia do animal por período superior a tres meses continuando co mesmo propietario ou por cambio de concello de residencia do animal e cambio de propietario) deberán comunicárselle ó servizo municipal. En caso de falecemento a baixa deberá comunicárselle polo seu propietario ó servizo municipal

2. As baixas temporais, por desaparición dun animal censado, deberán comunicárselle ó servizo municipal, acompañando, de ser o caso, copia da denuncia da súa desaparición.

3. Os cambios de domicilio da persoa propietaria do animal deberán comunicárselle ó servizo municipal correspondente no menor prazo de tempo posible.

4. Os cambios de propietario ou propietaria do animal deberán comunicárselle ó servizo municipal acompañando datos do novo propietario ou propietaria e documentación veterinaria que acredite o cambio.

TÍTULO III. DOS ANIMAIS POTENCIALMENTE PERIGOSOS

Capítulo 1. Disposicións xerais

Artigo 26. Obxecto

1. É obxecto do presente título a regulación da concesión e renovación das licenzas administrativas para a tenza de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso, ós que se refire o Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a regulación do Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

2. Quedan excluídos da aplicación da presente ordenanza os cans e animais pertencentes ás Forzas Armadas, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Corpos da Policía das Comunidades Autónomas, Policía Local e empresas de seguridade con autorización oficial.

Artigo 27

1. Considéranse animais potencialmente perigosos todos os que pertencendo á fauna salvaxe, sendo utilizados como animais domésticos, ou de compañía, con independencia da súa agresividade, pertencen a especies ou razas que teñan capacidade de causar a morte ou lesións ás persoas ou a outros animais e danos a cousas.

2. En particular terán a cualificación de potencialmente perigosos os animais domésticos ou de compañía que regulamentariamente se determinen pola Comunidade Autónoma de Galicia, en particular os pertencentes ás especies caninas definidos no artigo 2.2 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos e de adestradores caninos. Terán esta consideración as seguintes razas:

a) Pit Bull Terrier

b) Staffordshire Bull Terrier

c) American Staffordshire Terrier

d) Rottweiler

e) Dobermann

f) Dogo Arxentino

g) Dogo de Bordeos

h) Dogo do Tíbet

i) Mastín Napolitano

j) Presa Canario

k) Presa Mallorquino

l) Fila Brasileiro

m) Tosa Inu

n) Akita Inu

o) Bullmastif.

p) Cruzamentos en primeira xeración destes, cruzamentos destas razas entre si ou cruzamentos destes con outras razas, obtendo unha tipoloxía similar ós anteriormente citados.

3. En todo caso, aqueles cans que manifesten unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento, malos tratos ou calquera outro medio. Esta agresividade será apreciada pola autoridade competente, de oficio, ou logo da notificación ou denuncia, e despois dun informe dun adestrador ou veterinario designado para o efecto.

Capítulo 2. Da licenza municipal

Artigo 28. Licenza municipal

1. A tenza no municipio de animais clasificados como potencialmente perigosos requirirá a obtención, con carácter previo á adquisición do animal, da correspondente licenza municipal.

2. Os propietarios de animais potencialmente perigosos non aveciñados neste municipio deberán acreditar, cando se encontren residindo temporalmente neste e mentres permaneza o animal no termo municipal, a tenza da licenza no municipio de orixe.

Artigo 29. Requisitos para a obtención da licenza

1. Para a obtención da licenza administrativa con destino á tenza de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade e non estar incapacitado para proporcionar os coidados necesarios ó animal.

b) Non ter sido condenados por delitos de homicidio, lesións, torturas contra liberdade ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, así como non estar privado por resolución xudicial do dereito á tenza de animais potencialmente perigosos. Se acreditará mediante certificado de antecedentes penitenciarios.

c) Non ter sido sancionado por infraccións graves ou moi graves con algunha das sancións accesorias das prevista no apartado 3 do artigo 13 da Lei 50/1999 de 23 de decembro, sobre o réxime xurídico de animais potencialmente perigosos. Non obstante, non será impedimento para a obtención ou, se é o caso, renovación da licenza, ter sido sancionado coa suspensión temporal desta, sempre que no momento da solicitude a sanción de suspensión anteriormente imposta fose cumprida integramente.

d) Dispoñer de certificado de aptitude psicolóxica e de capacidade física para a tenza de animais potencialmente perigosos.

e) Acreditar a formalización dun seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que poidan causar os seus animais na contía mínima de 125.000 euros.

2. Os requisitos esixidos deberán manterse vixentes durante todo o período da tenza do animal; a perda destes dará lugar á revisión da licenza.

3. No caso de que a licenza sexa para animais salvaxes en catividade, esixirase ademais do previsto no apartado 1 deste artigo, unha memoria descritiva das instalacións e medidas de seguridade utilizadas para impedir a fuxida dos animais conforme ó artigo 3.4 do Decreto 90/2002.

Artigo 30. Vixencia de licenzas

1. As licenzas terán unha vixencia de cinco anos, á finalización da que deberán ser obxecto de renovación, e deberá acreditarse en cada exercicio para o seu mantemento a subscrición do seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros.

2. A condena por calquera dos delitos recollidos no apartado b) do artigo anterior dará lugar á revisión da licenza polo Concello.

Artigo 31. Acreditación

1. A identificación da tenza da licenza municipal de animais potencialmente perigosos acreditarase mediante a entrega dunha certificación relativa a ela.

2. Por cada can que se posúa, expedirase unha tarxeta de identificación na que se fará constar os seguinte datos:

a) Número de licenza municipal.

b) Código de identificación do can.

c) Raza.

d) Titular da licenza e documento de identidade.

e) Número de Rexistro municipal.

Artigo 32. Documentación

1. Para a expedición da tarxeta de identificación de cada can requirirase a presentación dos seguintes datos:

a) Raza e sexo do animal.

b) Ano de nacemento.

c) Domicilio habitual do animal.

d) Especificación de se está destinado a convivir cos seres humanos ou, pola contra, se ten funcións distintas como a garda, protección ou outra que se indica.

e) Nome do propietario.

f) Domicilio do propietario.

g) Documento de identidade do propietario.

h) Nome ou razón social e domicilio do vendedor ou cedente.

i) Certificado de sanidade animal expedido pola autoridade competente, que acredite, con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou trastornos que o fagan especialmente perigoso.

j) Xustificante do aboamento da taxa por expedición da licenza municipal para a tenza de animais potencialmente perigosos, se é o seu caso.

k) Certificado sanitario de esterilización se efectuouse esta.

l) Facturas ou xustificante da adquisición.

Os citados datos e, de ser o caso, a documentación oportuna, deberá facilitala o adquirinte do animal no prazo de quince días, que se comezarán a contar desde a súa tenza efectiva.

2. O certificado de sanidade animal deberá ser expedido polos servizos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia ou por un veterinario colexiado.

3. Para a renovación da licenza municipal deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Solicitude de renovación.

b) Copia compulsada da renovación do seguro de responsabilidade civil.

c) Copia compulsada do certificado médico de sanidade animal efectuado nunha data non anterior a dous meses á da renovación da licenza.

d) Xustificante do aboamento da taxa municipal.

e) Certificado de capacidade física.

f) Certificado de aptitude psicolóxica.

Artigo 33. Órgano competente para a concesión das licenzas municipais

As licenzas municipais para a tenza de animais potencialmente perigosos, concederanse mediante unha resolución do órgano que teña atribuída a competencia en materia de licenzas, logo da acreditación da incorporación da documentación esixida na presente ordenanza.

Artigo 34. Revisión, perda de licenzas e depósito de animais

1. A perda de calquera dos requisitos esixidos no artigo 29 desta ordenanza dará lugar á revisión das licenzas municipais concedidas e á súa retirada despois da tramitación dun expediente contraditorio.

2. A retirada da licenza dará lugar á perda do dereito á tenza do animal e á obriga do interesado de proceder, no prazo máximo de dez días a contar desde a recepción do requirimento, a súa entrega e depósito no establecemento adecuado para o efecto ata a obtención da correspondente licenza, salvo que o animal sexa obxecto de entrega a outro propietario ou sacrificio nos termos establecidos nos artigos 58,59 e 60 do Decreto 153/1998 da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. En caso de incumprimento da obriga de depósito procederase a súa execución subsidiaria polo Concello, ou pola Comunidade Autónoma, a través dos seus servizos ou mediante unha empresa contratada, sendo os gastos que tal actuación comporta a cargo e conta do antigo titular da licenza.

4. O Concello poderá retirar dos espazos públicos e depositar de oficio en establecemento adecuado, sen necesidade de previo requirimento, aqueles animais potencialmente perigosos nos que se aprecie unha situación de abandono ou perigosidade para os usuarios das vías e espazos de uso común ou circulen por estes sen a debida protección ou control do seu propietario ou posuidor.

5. Igualmente o Concello poderá retirar e depositar en establecemento adecuado aqueles animais potencialmente perigosos que non dispoñan da correspondente tarxeta de identificación no municipio de orixe ata tanto se acredite tal circunstancia polo seu titular.

6. A falta de licenza municipal para a tenza de animais potencialmente perigosos dará lugar a un único requirimento municipal para a súa obtención no prazo de dez días e á retirada e depósito dos animais, nos termos establecidos neste artigo.

Capítulo III. Do rexistro municipal

Artigo 35. Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos

1. Créase o Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos, no que se fará constar con carácter obrigatorio de acordo con Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, da Comunidade Autónoma de Galicia, a seguinte documentación:

a) Código identificador do animal.

b) Zona de aplicación.

c) Especie.

d) Raza. En cruzamento de primeira xeración se especificará as razas de procedencia.

e) Sexo.

f) Descrición da capa.

g) Data de nacemento e nome do animal, se fora o caso.

h) Dirección habitual do animal.

i) Outros signos identificadores non definitivos (tales como unha tatuaxe ou un número de chapa se o animal foi censado nun censo municipal anteriormente).

j) Especificación de se o animal está destinado a convivir con seres humanos ou se teñen finalidades distintas como a garda, defensa ou outra que se indique.

k) Nome e apelidos do propietario do animal.

l) Dirección do propietario do animal.

m) Teléfonos de contacto do propietario do animal.

n) Documento de identidade do propietario do animal.

o) Nome, dirección, número de colexiado e número de veterinario colaborador que realiza a marcaxe.

p) Data na que se realiza a implantación da identificación e a entrega do documento ó propietario.

q) Data de alta no rexistro.

r) Certificado sanitario, expedido por un veterinario, que acredite con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou síntomas que poidan facer potencialmente perigoso, así como unha certificación de que o animal carece de lesións ou cicatrices que puidesen estar relacionadas coa utilización do animal en pelexas ou outras actividades prohibidas.

s) Cartilla sanitaria actualizada nos tratamentos preceptivos e preventivos propios da especie e idade. Na cartilla sanitaria figurará a catalogación de animal potencialmente perigoso.

t) Copia da licenza municipal de tenza de animais potencialmente perigosos, a nome do propietario. Acompañarase dunha copia da póliza que xustifique que se formalizou o seguro de responsabilidade civil.

u) Datos do centro de adestramento, de ser o caso.

v) Incidentes de agresión, de ser o caso.

2. Os propietarios dos animais serán os responsables de identificar os animais e de sufragar os gastos que este ocasione, independentemente do lugar de residencia das ditas persoas. A identificación definitiva suporá un requisito previo e obrigatorio para realizar calquera transacción do animal.

3. O rexistro municipal é un rexistro de carácter público, ó que terán acceso as administracións públicas e as autoridades competentes, así como aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos que figuran nel. Para estes efectos considerarase, en todo caso, interese lexítimo o que ostenta calquera persoa física ou xurídica que desexe adquirir un animal destas características, así como aquelas que sufriran calquera tipo de agresión polo animal e desexen exercer as accións correspondentes en calquera vía xurisdicional, para o que deberán acreditar previamente a interposición da correspondente denuncia.

4. En todo caso, o uso e tratamento dos datos contidos no Rexistro será de acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, de protección de datos persoais.

Artigo 36. Inscrición no rexistro

1. A inscrición no Rexistro de animais potencialmente perigosos será efectuada polo Concello a pedimento do interesado ou de oficio, de ser o caso, tras a concesión da licenza municipal regulada no artigo 28 da presente ordenanza.

2. Non obstante, será igualmente obrigatoria a instancia do interesado, a inscrición no rexistro municipal, en sección aberta para o efecto, cando se efectúe o traslado dun animal potencialmente perigoso a este municipio, sexa con carácter permanente ou por período superior a tres meses, e deberase proceder á inscrición no prazo máximo de dez días a contar desde o inicio da residencia no municipio.

3. Estimarase que se efectuou un traslado de animal potencialmente perigoso, salvo acreditación expresa en contrario polo interesado, nos casos de cambio de residencia do seu titular en cuxo caso será preciso a acreditación da obtención da licenza no municipio de orixe anterior, e procederase á renovación da licenza nos casos previstos na presente ordenanza.

4. Das inscricións que se efectúen no rexistro municipal de animais potencialmente perigosos daráselle traslado ó órgano correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Igualmente nos casos de cambio de residencia desde o municipio sen prexuízo da obriga do interesado de dar conta do traslado do animal, notificarase ó Concello do municipio de nova residencia a titularidade por parte do interesado dun animal potencialmente perigoso.

6. O Concello remitirá a información do Rexistro municipal ó Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente perigosos.

Artigo 37. Baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos

1. A baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos efectuarase por pedimento do interesado, logo da acreditación da venda, traspaso, cesión ou morte do animal.

2. Igualmente procederase á baixa no rexistro no caso de traslado da residencia do titular do animal a municipio distinto, salvo que o animal permaneza no Concello, e así quede acreditado xa sexa a instancia do interesado ou de oficio polo Concello.

Artigo 38. Medidas de seguridade dos posuidores de animais potencialmente perigosos

1. A presenza de animais potencialmente perigosos en lugares ou espazos públicos esixirá que a persoa que os conduza leve consigo a licenza administrativa referida no artigo anterior, así como o documento acreditativo da inscrición do animal no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

2. En lugares e espazos públicos, os cans potencialmente perigosos deberán:

a) Levar, obrigatoriamente, bozo apropiado segundo a tipoloxía racial de cada animal.

b) Ser conducidos e controlados con cadea ou correa non extensible de menos de 2 metros, sen que poida levarse máis dun destes cans por persoa e, en ningún caso, poderán ser conducidos por un menor de 16 anos.

3. Os animais potencialmente perigosos que se atopen nun predio, casa de campo, chalé, parcela, terraza, patio ou calquera outro lugar delimitado, estarán atados, a non ser que se dispoña dun habitáculo coa superficie, altura e adecuado peche para protexer as persoas ou animais que se acerquen. O recinto estará sinalizado coa advertencia de que se atopa no interior un animal potencialmente perigoso.

4. Quen críe, adestre e comercie con animais potencialmente perigosos terá que dispoñer de instalacións e medios adecuados para a súa tenza.

5. A subtracción ou perda do animal será comunicada polo seu titular ás autoridades policiais de forma inmediata e ó Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos nun prazo máximo de corenta e oito horas dende o coñecemento dos feitos.

TÍTULO IV. DAS INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 39

1. Os axentes da autoridade e cantas persoas precisen ou coñezan feitos contrarios ó establecido nesta ordenanza teñen o deber de denunciar aos infractores.

2. Os animais dos propietarios denunciados por causarlles sufrimento, por non os aloxaren en condicións hixiénicas e biolóxicas axeitadas, por desobedecer medidas ditadas pola autoridade municipal, por infraccións contra normas sanitarias ou por desprezo ás normas elementais de convivencia, poderán ser retirados polos axentes municipais.

Artigo 40. Infraccións

1. Para os efectos desta ordenanza será infracción administrativa o incumprimento das obrigas, das prohibicións e dos requisitos establecidos nela, así como o das condicións impostas nas autorizacións administrativas outorgadas ó seu abeiro.

2. As infraccións que se cometan contra o disposto nesta ordenanza clasifícanse en leves, graves e moi graves.

3. Son infraccións administrativas leves o incumprimento de calquera das obrigas establecidas nesta ordenanza, na Lei 50/1999, do 23 de decembro do Estado e na Lei 1/1993, do 13 de abril, da Comunidade Autónoma de Galicia cuxa competencia lle corresponda ó Concello, conforme ó previsto no artigo 20.3 a) do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, da Comunidade Autónoma de Galicia, que son as seguintes:

a) O maltrato dos animais que non lles cause dor.

b) A venda, doazón ou cesión de animais a menores de 14 anos ou incapacitados, sen autorización de que teña a súa patria potestade, tutela ou custodia.

c) A doazón de animais de compañía como premio.

d) Non manter o animal en boas condicións hixiénico-sanitarias.

e) Mantelos en instalacións inadecuadas.

f) Non facilitarlles a alimentación adecuada ás súas necesidades.

g) A utilización de animais en traballos que os inmobilice, causándolles dor.

h) Exercer a venda ambulante de animais fóra dos mercados e feiras autorizados.

i) A carencia ou tenza incompleta do arquivo de fichas clínicas dos animais obxecto de tratamento obrigatorio ou vacinación.

j) A posesión dun can non censado conforme o previsto no artigo 7º 3 da Lei 1/1993, de 13 de abril.

k) O sacrificio de animais en lugares públicos.

l) A non recollida inmediata dos excrementos evacuados por un animal de compañía na vía pública.

m) As molestias ocasionadas á veciñanza polo incumprimento do establecido no artigo 4 desta ordenanza.

n) A entrada e permanencia de animais en locais destinados á fabricación, venda, almacenaxe, transporte ou manipulación de alimentos.

o) A circulación e permanencia de animais en piscinas públicas durante a tempada de baño, así como nas praias durante o período estival.

p) Que o animal non circule suxeito por correa ou cadea con colar nas vías públicas.

q) O abandono de cadáveres de calquera especie animal.

r) Calquera outra actuación que vulnere o disposto nesta ordenanza e que non veña tipificada como infracción grave ou moi grave.

4. Terán a consideración de infraccións administrativas graves, as previstas no artigo 13.2 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, do Estado, así como as establecidas no artigo 21 da Lei 1/1993, do 13 de abril, da Comunidade Autónoma de Galicia, que son as seguintes:

a) Deixar ceibo un animal potencialmente perigoso ou non ter adoptado as medidas necesarias para evitar a súa fuxida ou extravío.

b) Incumprir a obriga de identificar o animal.

c) Omitir a inscrición no rexistro de animais potencialmente perigosos.

d) Atoparse o can potencialmente perigoso en lugares públicos sen buceira ou non suxeito con cadea.

e) O transporte de animais potencialmente perigosos con vulneración do disposto artigo 10 de Lei 50/1999, do 23 de decembro.

f) A negativa ou resistencia a subministrar datos ou facilitar a información requirida polas autoridades competentes ou os seus axentes, segundo o cumprimento de funcións establecidas na Lei 50/1999, do 23 de decembro, así como a subministración de información inexacta ou de documentación falsa.

g) O maltrato dos animais que lles cause dor ou lesións.

h) Mutilalos sen necesidade ou sen o adecuado control veterinario.

i) Abandonalos.

j) A venda ambulante, reiterada, de animais en xeral, fóra de establecementos, feiras ou mercados legalmente autorizados.

k) A venda de animais salvaxes en catividade fóra dos establecementos autorizados.

l) O incumprimento das obrigas sinaladas nos artigos 3º, 4º e 5º da Lei 1/1993, de 13 de abril, salvo o disposto no artigo 22º 1.b). m) A subministración de estimulantes non autorizados ou subs-tancias que poidan atentar contra a súa saúde, excepto cando sexa por prescrición facultativa.

n) A non vacinación ou o non tratamento obrigatorio dos animais.

o) A venda de animais enfermos, salvo que se trate dun vicio oculto, non coñecido polo vendedor.

p) A cría ou comercialización de animais sen cumprir os requisitos correspondentes.

q) A tenza de animais perigosos sen as medidas de protección que se fixen.

r) O incumprimento de calquera outra das condicións impostas nas autorizacións administrativas.

s) Considerase así mesmo, como infracción grave a reincidencia en infracción leve.

5. Terán a consideración de infraccións administrativas moi graves, as previstas no artigo 13.1 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, do Estado, así como as establecidas no artigo 22 da Lei 1/1993, do13 de abril, da Comunidade Autónoma de Galicia, que son as seguintes:

a) Abandonar un animal potencialmente perigoso de calquera especie e calquera can, entendéndose por animal abandonado tanto aquel que vaia preceptivamente identificado como os que non leven ningunha identificación sobre a súa orixe ou propietario, sempre que non vaian acompañados de persoa ningunha.

b) Ter cans ou animais potencialmente perigosos sen licenza.

c) Vender ou transmitir por calquera título un can ou animal potencialmente perigoso a quen careza de licenza.

d) Adestrar animais para activar a súa agresividade ou para finalidades prohibidas.

e) Adestrar animais potencialmente perigosos por quen careza do certificado de capacitación.

f) A organización ou celebración de concursos, exercicios, exhibicións ou espectáculos de animais potencialmente perigosos, ou a súa participación neles, destinados a demostrar a agresividade dos animais.

g) O maltrato dos animais que lles cause a morte.

h) A organización e celebración de espectáculos, pelexas ou outras actividades con animais que impliquen crueldade ou maltrato ou poidan ocasionarlles sufrimentos.

i) A venda de animais con enfermidade infecto-contaxiosa coñecida.

j) A venda de animais para experimentación sen a debida autorización ou a centros non autorizados.

k) A esterilización ou sacrificio de animais sen control facultativo.

l) A reiteración en faltas graves.

Artigo 41. Sancións.

1. As infraccións tipificadas no artigo anterior serán sancionadas con multas cuxas contías serán as fixadas no artigo 13.5 da Lei 50/1999 do Estado e no artigo 24 da Lei 1/1993 da Comunidade Autónoma de Galicia, que son as seguintes:

Infraccións leves, con multa de 30,05 euros a 300,51 euros.

Infraccións graves, tipificadas nos apartados a) a f) do artigo 40.4) da presente ordenanza, con multa de 300,52 euros a 2.404,05 euros, e as dos apartados g) a s) do mesmo artigo, con multa de 300,52 euros a 3.005,06 euros.

Infraccións moi graves, tipificadas nos apartados a) a f) do artigo 40.5) da presente ordenanza, con multa de 2.404,06 euros a 15.025,30 euros, e as dos apartados g) a l) do mesmo artigo, con multa de 3.005,07 euros a 15.025,30 euros.

2. En todo caso, as infraccións graves e moi graves tipificadas no artigo anterior desta ordenanza, poderán levar aparelladas como sancións accesorias a confiscación, comiso, esterilización ou sacrificio dos animais potencialmente perigosos, a clausura do establecemento e a suspensión temporal ou definitiva da licenza para tenza de animais potencialmente perigosos ou do certificado de capacitación do adestrador.

3. A imposición das sancións contempladas graduarase conforme os seguintes criterios:

a) a transcendencia social ou sanitaria e o prexuízo causado pola infracción.

b) o ánimo de lucro e a contía do beneficio obtido na comisión da infracción.

c) a importancia do dano causado ó animal

d) a reiteración ou reincidencia na comisión de infraccións.

Artigo 42. Responsable.

1. A responsabilidade administrativa será esixíbel sen prexuízo do que corresponda no ámbito civil ou penal.

2. Nos casos de espectáculos prohibidos, incorrerán en infracción administrativa non só os seus organizadores senón tamén os donos dos locais ou terreos en que se realicen, a título oneroso ou gratuíto, así como terceiras persoas que dun xeito ou outro participen.

3. Considéranse responsables das infraccións os que por acción ou omisión participaran na comisión das mesmas, ó propietario ou posuidor dos animais, ou no seu caso, ó titular do establecemento, local ou medio de transporte no que se produzan os feitos, e neste último suposto, así mesmo, o encargado do transporte.

Artigo 43. Procedemento sancionador

O procedemento sancionador aplicable rexerase polo establecido na disposición adicional terceira da Lei 50/1999, do 23 de decembro, de tenza de animais potencialmente perigosos, artigo 24 da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade de Galicia, e artigos 68 e 69 do seu Regulamento, artigo 20 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, que regula a tenza dos potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e crea os rexistros galegos de identificación de animais de compañia e potencialmente perigosos, así como pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento administrativo común e normas de desenvolvemento.

Artigo 44. Exercicio da potestade sancionadora

1. Os órganos competentes para sancionar, de acordo cos artigos 24.2 da Lei 1/1993, do 13 de abril, da Comunidade Autónoma de Galicia serán:

a) Por infraccións leves, o alcalde.

b) Por infraccións graves, o director xeral de conservación da natureza da Consellaría de Medio Ambiente.

c) Por infraccións moi graves, o conselleiro de Medio Ambiente.

2. A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións tipificadas como leves correspóndelle ó Concello. Non obstante, o alcalde porá en coñecemento de xeito fidedigno, do director xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Ambiente, toda acción ou omisión que poida ser tipificable como infracción grave ou moi grave.

3. Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen, o alcalde poderá proceder á retirada ou custodia dun animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitación dun expediente sancionador.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza, aprobada polo pleno da Corporación en data 14 de novembro de 2011, conforme ao disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, entrará en vigor despois de quedar aprobada definitivamente e así que transcorra o prazo de quince días hábiles desde a publicación do seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e permanecerá vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa.

Cabanas, 31 de decembro de 2011.

O Alcalde.

Asdo. German Castrillón Permuy.

2012/76