Administración Local

Municipal

Cabanas

Modificación Regulamento réxime interno PAI das Viñas

E D I C T O

O pleno da Corporación na sesión realizado o 25 de abril de 2011, aprobou inicialmente a modificación do regulamento de réxime interno do Punto de Atención a Infancia de As Viñas publicado no BOP nº 168 do 30 de agosto de 2010. Transcorrido o prazo de información pública sen que se presentasen alegacións, o devandito acordo elévase a definitivo, en virtude do disposto no apartado terceiro do artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril e procédese á publicación do devandito regulamento.

REGULAMENTO DE REXIME INTERNO DO PUNTO DE ATENCIÓN A INFANCIA DE AS VIÑAS NO CONCELLO CABANAS.

ÍNDICE:

Capítulo I. Datos do Centro.

Artigo 1. Definición do centro.

Artigo 2. Datos identificativos.

Capítulo II: Funcionamento.

Artigo 3. Obxectivo.

Artigo 4. Capacidade de beneficiarios.

Artigo 5. Servizos que oferta.

Artigo 6. Período de adaptación.

Artigo 7. Procedemento de ingreso.

Artigo 8. Documentación.

Artigo 9. Situación a ter en conta previa a baremación.

Artigo 10. Baremación de admisión.

Artigo 11. Relación admitidos e lista espera.

Artigo 12. Baixas.

Artigo 13. Réxime de saídas.

Artigo 14. Horario de titorías.

Capítulo III. Estrutura organizativa.

Artigo 15. Organización interna.

Capítulo IV. Normativa referente o persoal.

Artigo 16. Relación de persoal. Dereitos e obrigas.

Artigo 17. Funcións e responsabilidades do persoal.

Capítulo V. Normativa referente aos usuarios.

Artigo 18. Dereitos dos usuarios.

Artigo 19. Obrigas dos usuarios.

Capítulo VI. Normas de funcionamento..

Artigo 20. Do funcionamento do centro..

Artigo 21 Participación e relación cos pais/nais, titores/titoras ou responsables legais.

Capítulo VII. Réxime económico

Artigo 22. Pagamento.

Artigo 23. Aplicación de tarifas.

Capítulo VIII. Normativa sobre infraestructura do centro.

Artigo 24. Plan de prevención de riscos.

Artigo 25. Outras esixencias.

Disposición adicional.

Disposición final.

O presente regulamento ten por obxecto establecer o funcionamento interno do Punto de Atención Infantil (PAI) “As Viñas” do Concello de Cabanas, segundo as determinacións do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os Centros de Menores e os Centros de Atención a Infancia.

CAPÍTULO I Datos do centro.

Artigo 1. Definición do centro.

O Punto de Atención a Infancia, (PAI AS VIÑAS) do Concello de Cabanas constitúese coma un centro diúrno de titularidade municipal que depende da Área de Servizos Sociais; de carácter social e educativa que ten como finalidade prestar atención de apoio os pais, nais, titores/as ou representantes legais dos nenos/as de entre 3 meses ate 3 anos, ambos inclusive.

Presta as súas funcións a través de xestión indirecta no centro sito en lugar das Viñas nº13, Parroquia de San Andrés de Cabanas.

Artigo 2. Datos identificativos.

Entidade titular: Concello de Cabanas (rúa do concello, nº 3 CP 15621, Cabanas).

Permiso de inicio de actividade de data 14 de febreiro de 2011

Número de rexistro da entidade prestadora de servizos sociais: E-820

Representante legal: Don Germán Castrillón Permuy, Alcalde-Presidente do Concello de Cabanas.

Tipo de xestión: xestión indirecta mediante concesión.

CAPITULO II: Funcionamento.

Artigo 3. Obxectivos.

Son obxectivos do PAI :

- Promover e fomentalo desenvolvemento integral dos nenos/as e a aprendizaxe das habilidades cognitivas e creativas do neno/a.

- Facilitalo desenvolvemento de valores individuais e sociais básicos: cooperación, solidariedade, respecto, etc.

- Facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

- Lograr un equilibrio afectivo satisfactorio.

- Respeta-la singularidade e diversidade de cada neno/a.

- Facilitar a integración dos nenos/as con necesidades socioeducativas especiais.

- Potenciar a coordinación cos recursos sociais, educativos, sanitarios..., do ámbito municipal.

- Posibilita-la integración progresiva dos nenos/as na cultura do seu medio.

- Crear un ambiente que favoreza o desenvolvemento individual e grupal nas actividades diarias.

- Facilitala adquisición progresiva de hábitos de orde, limpeza e conservación dos materiais, facendo uso axeitado deste.

- Facilitar a integración dos nenos/as con necesidades educativas especiais (acomodar as estratexias de ensino ás necesidades dos alumnos, poñendo especial interese naqueles nenos/as que teñan necesidades educativas especiais, en función do que, razoablemente, permitan os recursos).

- Potenciar a coeducación para eliminar as manifestacións máis evidentes de sexismo na escola como: a relacións interpersoais, a distribución de tarefas entre o alumnado e o profesorado, utilización de tempos, espazos e recursos, e o uso non sexista da linguaxe.

Artigo 4. Capacidade e beneficiarios.

- A capacidade máxima do centro son 20 menores.

- Resérvase previa valoración do departamento de Servizos Sociais 2 das 20 prazas.

- A idade mínima de novo ingreso establécese nos tres meses na data de ingreso, agás aquelas situacións excepcionais que deberán estar acompañadas dos informes dos Servizos Sociais de atención primaria do Concello.

- A idade máxima será de tres anos e poderán permanecer no PAI aqueles menores que non teñan cumpridos os tres anos o 31 de decembro do ano anterior o que se presenta a solicitude.

- No momento do seu ingreso abrirase un expediente persoal no que constarán, con carácter confidencial, os datos persoais, familiares, sanitarios, o enderezo e os teléfonos de avisos en caso de emerxencia, de autonomía e conduta de nivel madurativo, así como aquelas circunstancias que aconsellen unha atención diferenciada.

- Poderanse integrar nenos/as con eivas físicas, psíquicas ou sensoriais, en función das dispoñibilidades dos recursos humanos e materiais adecuados.

- Os destinatarios serán nenos/as que teña a súa residencia no Concello de Cabanas ou en algún dos limítrofes ou os seus pais/nais titores/ras ou representantes legais traballen no termino municipal do Concello de Cabanas, aínda que os primeiros sempre terán preferencia respecto ós outros casos.

Artigo 5. Servizos que oferta.

O PAI “As Viñas” permanecerá aberto 12 meses ó ano, agás os días declarados inhábiles; de luns a venres ámbolos dous inclusive.

O horario de apertura será dun mínimo de oito horas diarias.

Tanto o calendario anual como o horario de apertura e peche figurarán no taboleiro de anuncios do PAI. Estes poderán ser variados por razón de adecuacións ás necesidades de usuarios, á matricula dos nenos/as e recursos dispoñibles.

O horario de entrada e saída dos nenos/as no PAI débese caracterizar pola flexibilidade que requiran as necesidades da familia, sempre que non leve consigo alteracións das actividades dos demais nenos/as e do normal funcionamento do centro.

Os usuarios poderán asistir ó centro un máximo de 11 meses dentro do período de setembro a agosto do ano seguinte.

Por causas debidamente xustificadas, pódese admitir a asistencia do neno/a os 12 meses. Ante tales circunstancias deberán formular unha solicitude cunha antelación mínima dun mes, que será autorizada pola comisión de coordinación e control.

Inclúese a administración de biberóns e comidas que deberán ser aportadas polos pais.

Actividades complementarias como: obradoiros, saídas o exterior, celebración de festas estacionais e tradicionais así como o aniversario dos nenos/as.

Estas actividades poderán supoñer gastos para as familias e función das necesidades e da existencia ou non de subvencións para as actividades concretas (transporte, comida, entradas......).

Artigo 6. Período de adaptación.

Farase unha incorporación progresiva dos nenos/as de novo ingreso no PAI, sempre que as posibilidades profesionais o permitan. A primeira semana o neno/a permanecerá como máximo unha hora diaria no centro.

A partires da primeira semana, será o educador/ra responsable o/a que indique os incrementos do horario.

Artigo 7. Procedemento de ingreso.

O prazo para a presentación da nova matrícula farase do 15 ó 30 de maio. O primeiro ano de funcionamento fixarase un prazo extraordinario de presentación de solicitudes, dándolle publicidade suficiente para o seu coñecemento polos usuarios.

Artigo 8. Documentación.

As devanditas solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello en horario de oficina, achegándose con ela: fotocopias compulsadas ou orixinais dos seguintes documentos:

a) Documentación xustificativa da situación familiar:

- Libro de familia.

- Documento Nacional de Identidade dos pais, nais ou titores/ras ou representantes legais.

- Certificado de convivencia expedidos polo Concello.

- Título de familia numerosa, de se-lo caso.

b) Documentación xustificativa da situación económica dos pais, nais, titores/ras ou representantes legais:

- Declaración do IRPF ou certificación de exención.

- Os/as solicitantes de devolución rápida presentarán a copia de comunicación que lles enviou a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

- As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan a devolución rápida presentarán certificación negativa de Facenda.

- Certificación positiva ou negativa de percepción económica do INEM.

- Certificación de ingresos por pensións emitido polo organismo pagador.

- Os/as profesionais autónomos acreditarán tamén os pagamentos fraccionados do ano correspondente.

- No caso de nulidade matrimonial, separación ou divorcio considéranse a renda de quen exerza a patria potestade.

c) Outros documentos acreditativos de todas aquelas situacións que, por baremo, sexan susceptíbeis de puntuación:

- Xustificante de ocupación ou desemprego de ambos proxenitores (a última nómina ou xustificación da situación laboral no momento da solicitude con especificación da xornada laboral, certificado de desemprego).

- Certificado expedido polo organismo competente sobre o grao de minusvalía, se é o caso, do menor, pai, nai, titores/as, representantes legais ou membros da unidade de convivencia; ou certificado médico de enfermidade ou deficiencia alegada polos membros da unidade familiar.

- Informe dos Servizos Sociais nos supostos nos que sexan necesarios por razón da especial situación socioeconómica ou sociofamiliar.

- No caso de cursar estudos oficiais, certificación que acredite tal circunstancia.

No caso de que a solicitude non reúna os requisitos esixidos, o Concello de Cabanas requirirá ó interesado por un prazo de 10 días que emende a falta ou axunte os documentos necesarios, con indicación de que, si non se fixera, darase por desestimada a súa petición arquivándose sen máis.

d) Documentación complementaria: os interesados terán que presentar dentro dos 15 días seguintes á notificación de admisión, a seguinte documentación complementaria:

- Certificado médico do neno/a.

- Fotocopia do caderno sanitario.

- Número de conta bancaria.

- 2 Fotos tamaño carné.

- Autorización por escrito das persoas que poden recoller o neno/a.

Os pais, nais, titores/ras ou representantes legais dos nenos/as matriculados e con praza no PAI presentarán solicitude de reserva de praza tamén no Rexistro Xeral do Concello de Cabanas.

Os alumnos que fosen admitidos terán garantido o acceso ós novos cursos, sen necesidade dun proceso de admisión, debendo acreditar, en todo caso, o mantemento das condicións económicas e familiares que deron lugar á súa admisión.

Calquera indicio de cambio non declarado, distorsión ou falseamento da situación sociofamiliar, da situación laboral, da situación da vivenda ou da situación económica reflectidas na solicitude, poderá dar lugar a que se inicie de oficio un expediente de comprobación dos datos referidos; poderase requirir ó solicitante os documentos que se consideren precisos para a resolución do expediente.

Artigo 9. Situación previa aplicación baremo.

Os nenos/as que xa teñan un irmán/á no PAI entran automaticamente.

Artigo 10. Baremo de admisión.

1. Situación sociofamiliar:

1.1. Por cada membro menor de 18 anos a cargo da unidade familiar incluído o neno/na para o que se solicita praza: 4 puntos.

1.2. Por cada membro maior de 18 anos a cargo da unidade familiar, sen ingresos económicos, agás os pais, nais, titores/ras ou representantes legais do neno/a para o que se solicita praza: 4 puntos.

1.3. Por discapacidade física, psíquica ou sensorial, enfermidade crónica que requira internamento periódico ou en situación de risco social:

Pai: 5 puntos.

Nai: 5 puntos.

Os membros da unidade familiar: 5 puntos.

1.4. En situación de risco social do pai, nai, titor/ra ou representante legal: 5 puntos.

1.5. Por ausencia do fogar familiar de ámbolos dous membros parentais: 12 puntos.

1.6. Pola condición de familia monoparental: 6 puntos

2. Situación laboral familiar:

2.1. Situación laboral de ocupación de ámbolos 2 membros parentais: 6 puntos.

2.2. Situación laboral de desemprego sen prestación económica:

Pai: 2 puntos.

Nai: 2 puntos.

2.3. Situación laboral de desemprego con presentación económica:

Pai: 1 puntos.

Nai: 1 puntos.

2.4. Situación laboral dun dos membros parentais con ocupación laboral:

Pai: 1 puntos.

Nai: 1 puntos.

No caso de familias monoparentais, adxudicaráselle a puntuación do epígrafe correspondente computado por dous, exceptuando o punto 2.1, no que a puntuación da familia monoparental se asimila á forma por 2 membros.

2.5. Contrato laboral: se traballan no termino municipal do Concello de Cabanas

Pai: 0,25 puntos.

Nai: 0,25 puntos.

3. Situación Económica:

Renda per cápita mensual da unidade familiar, referida ó salario mínimo interprofesional vixente:

Inferior ó 50% do SMI: máis 3 puntos.

Entre o 50% e o 75% do SMI: máis 2 puntos.

Superior ó 75% e inferior ó 100% do SMI: máis 1 punto.

Entre o 100% e o 125% do SMI: menos 1 punto.

Superior ó 125% e inferior ó 150% do SMI: menos 2 puntos.

Superior ó 150% do SMI: menos 3 puntos.

No caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita mais baixa.

Calquera indicio de cambio non declarado, distorsión ou falseamento da situación sociofamiliar, da situación da vivenda ou da situación económica reflectidas na solicitude, podería dar lugar a que se inicie de oficio un expediente de comprobación dos referidos actos.

Artigo 11. Relación de admitidos e lista de espera.

A comisión será competente para efectuar a proposta inicial da selección, e fará pública a relación provisional, coa puntuación obtida, de admitidos e excluídos. Esta relación expoñerase no taboleiro de anuncios do PAI e do Concello de Cabanas.

No prazo de 10 días contados a partir da data de exposición da relación provisional de admitidos, os solicitantes poderán presentar no rexistro do Concello as reclamacións que coiden oportunas, dirixidas ó presidente da comisión de coordinación e control, ao abeiro do establecido na sobredita Lei 30/92 de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común.

Unha vez estudadas  e resoltas pola comisión todas as reclamacións presentadas, procederase á publicación da relación definitiva de admitidos e da lista de espera coa puntuación obtida en cada caso.

As solicitudes presentadas fora do prazo da convocatoria por circunstancias sobrevidas, serán tramitadas e puntuadas para a súa inclusión na lista de espera, segundo a puntuación obtida.

As vacantes que se vaian producindo ó longo do curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre os solicitantes en lista de espera.

Unha vez esgotada a lista de espera e se quedan aínda prazas vacantes, poderán ser cubertas por aqueles alumnos que soliciten a súa incorporación ó centro unha vez comezado o curso escolar.

Os novos alumnos que se incorporen ó PAI unha vez comezado o curso escolar, deberán presentar a mesma documentación que o resto dos alumnos xa matriculados.

Artigo 12. Baixas.

Será causa de baixa no PAI algunha das seguintes circunstancias:

- Cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia na escola; con excepción de nenos/as con necesidades educativas especiais sempre que exista informe dos Servizos Sociais, podendo permanecer un ano mais no centro.

- Solicitude dos pais, nais, titores/as ou representantes legais.

- Non pagamento da cota mensual establecida.

- Por comprobación da falsidade nos documentos ou datos achegados.

- Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

- Por falta de asistencia continuada durante 15 días sen causa xustificada.

- Por incumprimento reiterado das normas do PAI.

As baixas por incompatibilidade serán resoltas pola comisión de coordinación e control unha vez oído o interesado.

En todo caso, antes de decretar unha baixa, agás que esta sexa voluntaria, daráselle un trámite de audiencia ós pais/nais, titores/as ou representantes legais do neno/a de 10 días, e seralle comunicada, no caso de que se produza, cunha antelación de 10 días hábiles.

Artigo 13. Réxime de saídas.

Os nenos/as poderán realizar as saídas establecidas na programación do curso. Requisitos:

- Autorización por escrito por parte dos pais, nais, titores/as ou representantes legais.

- Información sobre a toma de medicamentos, alerxias en xeral, etc.....

- Procurar a colaboración dos pais, nais, titores/as e representantes legais en relación coa puntualidade e os requisitos esixidos.

Estas saídas teñen por obxecto:

- Establecer relacións sociais nun ámbito cada vez máis amplo.

- Establecer vínculos fluídos de relación cos adultos/as e cos seus iguais.

- Observar e explorar o contorno inmediato cunha actividade de curiosidade.

- Coñecer algunhas manifestacións culturais do entorno.

Artigo 14. Horario de titorías.

Os pais/nais, titores/as ou representantes legais dos nenos/as poderán ser recibidos de conformidade co horario establecido para tal fin e sempre e cando non dificulten a boa marcha do centro.

CAPITULO III. Estructura organizativa.

Artigo 15. Organización interna.

a) Órgano de xestión e dirección do PAI (empresa adxudicataria):

É un órgano unipersoal coas seguintes funcións:

- Elaborar a programación xeral e a memoria anual, xunto co equipo técnico.

- Dinamizar a elaboración do proxecto educativo do centro e a proposta pedagóxica en colaboración directa co persoal educativo e responsabilizarse de presentar os documentos perante a comisión de coordinación e control.

- Organizar e supervisar o traballo do persoal do PAI.

- Autorizar actuacións extraordinarias para o normal desenvolvemento do PAI.

- Convocar e presidir reunións do persoal, así como executar e facer cumprir os acordos adoptados nestas.

- Prestar atención personalizada ós usuarios/as, tanto a través do desempeño da función educativa como directiva.

- Canalizar e coordinar as relacións coas familias estimulando e garantindo a súa participación na vida do PAI.

- Comunicar a coordinadora dos servizos sociais as incidencias relativas ás necesidades de mantemento do PAI, baixas de persoal, necesidades materiais e calquera outra circunstancia que afecte ó ordinario funcionamento do centro.

- Supervisar, coordinar e facer cumprir o correcto desenvolvemento das actividades programadas.

- Cumprir e facer cumprir o marco lexislativo vixente para a infancia, e de xeito específico de ámbito educativo, así como o regulamento de réxime interior do PAI

- Participar en actividades de formación e promover a formación continua do persoal.

- Representar o PAI

b) Comisión de coordinación, control e aplicación de baremo:

Para tal fin constituirase unha comisión coa seguinte composición:

- Presidente: Alcalde do concello de Cabanas..

- Vogais:

Director/a do PAI.

Traballador/a social

Técnico de servizos sociais.

- Secretario: Secretario do concello de Cabanas.

Esta comisión configurase como órgano de coordinación, control e baremación do PAI de Cabanas, sendo as súas funcións as seguintes:

Supervisar o funcionamento do PAI da cordo co estipulado neste regulamento e na normativa sectorial aplicable.

Resolver os posibles conflictos que poidan xurdir no ámbito educativo ou de xestión do centro.

Aplicar os criterios de admisión de alumnos de acordo coa norma establecida, e interpretar e resolver aqueles casos conflictivos ou dubidoso.

Velar polo cumprimento do proceso do ingreso.

Aplicar a contía a aboar ou exención en cada caso en función do que dispoña a Ordenanza Fiscal Reguladora.

Fará pública a relación provisional coa puntuación obtida de admitidos/as e excluídos/as. Esta relación expoñerase no PAI e no Concello de Cabanas.

Co fin de resaltar o carácter de titularidade municipal do PAI, toda a documentación emitida incorporará o membrete do Concello de Cabanas e o propio do PAI.

O PAI deberá adaptarse na súa organización e funcionamento ó disposto neste regulamento.

O Regulamento de réxime interno poderá ser modificado a proposta da comisión ou da Corporación e terá que ser aprobado posteriormente polo Pleno da Corporación.

O PAI terá:

1 copia do Regulamento de Réxime Interno a disposición dos usuarios/as nun lugar visible.

1 libro de reclamacións a disposición dos usuarios/as, que poderá ser solicitado para a súa consulta polas administracións competentes na materia, tanto municipal como autonómica, así como o chamado libro de rexistro de usuarios/as.

CAPÍTULO IV. Normas relativas o persoal.

Artigo 16. Relación de persoal. Dereitos e obrigas.

1. Relación de persoal.

a) Como persoal de atención directa aos nenos e nenas:

Licenciado/da en pedagoxía ou psicopedagoxía; mestre/a especialista en educación infantil ou equivalente; ou técnico superior en educación infantil ou equivalente.

A dirección pedagóxica do centro desempeñará as funcións descritas no presente regulamento e recaerá nalgún dos membros do persoal coa titulación de licenciado/da ou mestre/a especialista en educación infantil ou equivalente

b) Como persoal de apoio:

1 auxiliar con curso de coidado de nenos de 3 meses a 3 anos. Ademais das titulacións anteriores, poderá estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: técnico en atención sociosanitaria, técnico superior en animación sociocultural, técnico en coidados auxiliares de enfermaría, diplomado/a en puericultura recoñecido pola consellería de sanidade ou aqueloutras recoñecidas como apropiadas polo órgano competente na autorización do centro.

A mesma titulación esixirase no caso de substitución por vacacións ou imprevistos.

2. Dereitos do persoal:

- Recibir regularmente información da marcha e do funcionamento do centro, a través do director/a responsable.

- Presentar propostas que contribúan a mellorar o funcionamento do centro e a atención prestada aos menores.

- Desenvolver as súas funcións educativas segundo o seu criterio persoal, sempre que se axusten ao proxecto educativo e á programación anual do centro.

- A que se lle proporcionen dentro das posibilidades do centro os instrumentos e medios precisos para desenvolver as súas funcións axeitadamente en beneficio dos menores atendidos.

3. Obrigas do persoal:

- Cumprir e facer cumprir de acordo coas súas funcións o presente regulamento.

- Velar polo respecto aos dereitos dos menores recollidos no presente regulamento e aqueles outros recoñecidos na lexislación vixente.

- Gardar estricta confidencialidade sobre os datos persoais dos menores aos que teñan acceso en razón das súas funcións.

- Cumprimento das tarefas e responsabilidades derivadas do seu posto de traballo.

Artigo 17. Funcións e responsabilidades do persoal.

O persoal educativo terá as seguintes funcións:

- Colaborar coa dirección na elaboración e actualización do proxecto educativo e da proposta pedagóxica do centro.

- Fixar os criterios para o seguimento e a avaliación destes documentos.

- Realizar as funcións educativas incluídas na lexislación vixente para o ciclo educativo, no referente ao desenvolvemento dos nenos e das nenas, á preparación e o deseño de propostas pedagóxicas, coordinación coas familias, hixiene, alimentación e sono dos menores, organización dos espazos e materiais pedagóxicos, etc..

- Establecer criterios xerais aos que deben adaptarse as intervencións educativas de cada un dos grupos de idade.

- Participar nas actividades de formación permanente

- Prestar especial atención ao período de adaptación.

- Avaliar o funcionamento e a organización do PAI e propor iniciativas para a mellora do seu funcionamento ante a dirección desta.

- No marco destas funcións os/as mestres/as exercerán un papel de coordinación e animación da acción educativa.

CAPÍTULO V. Normas relativas os usuarios.

Artigo 18. Dereitos dos usuarios.

Os dereitos serán os seguintes:

- Teñen dereito a non seren discriminados por razón de nacemento, raza, sexo, capacidade económica, nivel social, conviccións políticas, morais ou relixiosas, así como por discapacidades físicas, sensoriais e psíquicas, ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

- A consideración no trato, debida á dignidade da persoa, tanto por parte do persoal do centro como dos demais usuarios e usuarias.

- Ao sixilo profesional sobre os datos do seu historial sanitario e sociofamiliar.

- A realizar saídas ao exterior, sempre e cando os menores vaian acompañados por unha persoa adulta responsable, e sempre con autorización escrita por parte dos seus pais, nais, titores/as ou representantes legais.

- Á intimidade persoal en función das condicións estructurais do centro.

- A unha asistencia individualizada acorde coas súas necesidades específicas.

- A que se lle facilite o acceso a todas as necesidades persoais que sexan precisas para acadar o seu desenvolvemento integral.

- A deixar de utilizar os servizos ou abandonar o centro por vontade propia.

- A que se lle facilite o acceso á atención social, sanitaria, educación, cultural e, en xeral a todas as necesidades persoais que sexan precisas para acadar o seu desenvolvemento integral.

- A seren informados de xeito comprensible das medidas adoptadas respecto deles e a pediren explicación de canto afecte á súa propia educación.

- A seren educados para a comprensión, a tolerancia e a convivencia democrática, posibilitándolles que poidan facer uso das súas opcións de xeito libre e persoal.

- A participación dos pais/nais, titores/as ou representantes legais nas actividades educativas como festas escolares (Magostos, Nadal, Entroido, etc..), ou colaboración para preparar actividades dos nenos e nenas.

Artigo 19. Obrigas dos usuarios.

- Cumprir as normas que estableza o centro para o bo funcionamento recollidas no presente regulamento.

- Manter e observar unha conducta inspirada no mutuo respecto, tolerancia e colaboración, encamiñada a facilitar unha mellor convivencia.

- Participar na vida do centro, de acordo co que se dispoña neste regulamento.

CAPITULO VI. Normas de funcionamento.

Artigo 20. Do funcionamento do centro.

1. Normas de saúde e hixiene persoal:

- Non serán admitidos no PAI os nenos/as que padezan enfermidades infectocontaxiosas. A aparición destas enfermidades deberá ser comunicada polos pais, nais, titores/as ou representantes legais á dirección do centro, mediante informe médico.

- No caso de enfermidade ou accidente sobrevido no PAI, despois das primeiras atencións “in situ” e, á maior brevidade posíbel, poñerase a dita circunstancia en coñecemento dos pais, nais, titores/as ou representantes legais do neno/a e, se é o caso, garantirase que o neno/a reciba a atención médica axeitada. En caso de maior consideración avisarase os pais/naís, titores/as ou representantes legais e o mesmo tempo ó 061 por si se require un traslado a un centro hospitalario.

- No caso do apartado anterior, non poderá trasladarse,baixo ningunha circunstancia, os/as nenos/as en transporte particular.

- Cando se produza a falta de asistencia ó PAI por un período superior a 3 días, debido a enfermidade ou outras circunstancias, os pais, nais, titores/as ou representantes legais deberán comunicar este feito á dirección do PAI.

- Nos casos nos que se deban administrar medicinas aos nenos/as, deberán ir acompañados da receita médica, actualizada á data do tratamento, na que constará o nome do neno/a, o nome do medicamento, forma, dose e periodicidade na administración. Non se lles administrará ningunha medicación que non veña acompañada da autorización por escrito dos pais/nais, titores/as ou representantes legais indicando as horas de administración da dose correspondente.

- Todos os nenos/as que usen cueiros deberán traer un paquete e un bote de toalliñas, que deberán repoñerse cando sexa preciso. Serán cambiados na medida que o precisen.

- Os nenos/as terán sempre unha muda de reposto, para cambialos por motivos de hixiene.

- En caso de enfermidade, deberá deixar á nena/o na casa, cando teña febre, diarrea, vómitos ou enfermidade contaxiosa (rubéola, orellóns, xarampón, etc.). No caso de ter piollos a nena/o quedará na casa ate que queden eliminados. De aparecerlle calquera destes síntomas no propio centro, será posto en coñecemento dos pais/nais titores/as ou representantes legais.

- As nenas/os deberán vir ó PAI con roupa que lles permita moverse con comodidade, evitando en todo caso obxectos perigosos como cadeas, pulseiras, etc. Os nenos/as mudaranse unicamente, nos casos en que o precisen por condicións de hixiene.

- Os pais/nais, titores/as ou representantes legais, deberán entregar no PAI para cada neno e nena:

Unha muda completa, interior e exterior marcada co nome ou iniciais

Panos de papel.

Cueiros, toalliñas e crema balsámica, no caso de empregala.

Soros nasais, no caso de precisalos.

Un chupete, no caso de empregalo.

Biberón, de selo caso.

Cepillo e pasta de dentes, a partir dos dous anos.

- No momento en que precise de reposición será comunicado aos pais/nais, titores/as, ou representantes legais.

2. Normas de alimentación:

- O PAI non dispón do servizo de comedor, polo que os pais/nais, titores/ras ou representantes legais se farán responsables de aportar diariamente a comida dos seus fillos.

- A dieta alimentaria dos bebés e as horas de toma deberán comunicarse diariamente.

- Os horarios de almorzos e de xantar distribuiranse da seguinte forma:

Almorzos de 7:30 a 9:00 am

Xantar de 12:30 a 13:30 pm

Agás os lactantes

- Se o neno/a é alérxico a algunha comida débese facer constar por escrito no centro.

- Os nenos/as non poderán levar lambetadas ó PAI.

3. Normas de convivencia.

- Respecto e trato educado a cada unha das persoas que integran a comunidade educativa, favorecendo un clima de convivencia cordial.

- Respectar os bens e as instalacións do centro.

- As familias novas poderán coñecer o PAI antes da incorporación do seu fillo/a ó centro.

- Os nenos /as de novo ingreso incorporaranse no mes de setembro. O día concreto comunicarase na entrevista persoal co director/ra, que se realizará previamente.

- Os nenos/as traerán ó centro o material que se solicita.

- Se ocasionalmente tivera que chegar máis tarde ó centro ou vir a buscar ó neno/a fora do horario, comunicarase con anterioridade. Ó principio do curso entregarase ás familias unha ficha onde autorizan ás persoas que poden recoller ós seus fillos.

- Si tivera que ser recollido por outra persoa, avisarase ó centro e achegarase autorización escrita e firmada polo pai/nai, titor/ra ou representante legal con DNI do/a persoa que se fará cargo do neno/a.

- Para as actividades de saídas, será preciso que as familias firmen unha autorización para que os seus fillos/as poidan asistir.

- A reproducción fotográfica, vídeo, etc.. deberá estar autorizada polas familias.

- Non se admiten visitas ós nenos/as durante o horario escolar sen previo acordo.

- Os nenos/as non deben traer ó centro obxectos de valor ou que poidan resultar perigosos.

4. A lingua.:

- A lingua utilizada será a lingua materna predominante entre os nenos/as e coidarase que adquiran o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. Como norma xeral de funcionamento tratarase de potenciar a lingua galega, que será tamén a do normal funcionamento do centro. Por lingua predominante enténdese o galego.

- Non obstante, atenderase de xeito individualizado a aqueles nenos/as do grupo que non teñan coñecemento suficiente da lingua materna predominante.

5. Fomento da igualdade dos nenos/as:

- O PAI programará actividades para promover a igualdade entre os nenos/as e evitar os comportamentos e as actividades discriminatorias por razón de sexo.

- O PAI poñerá especial coidado en revisar aqueles materiais e ilustracións que se utilicen como instrumentos de traballo.

- O PAI utilizará unha linguaxe non sexista nin discriminatoria, tanto na atención os usuarios/as, como en toda a documentación interna e/ou externa.

- O PAI prestará especial atención ao fomento da interculturalidade como instrumento de superación das desigualdades, inxustizas, prexuízos e racismo.

Artigo 21. Participación e relación cos pais/nais, titores/titoras ou responsables legais.

A dirección poñerá en coñecemento dos pais, nais, titores/ras ou representantes legais de cada neno/a información sobre a súa evolución integral.

Os pais, nais, titores/as ou representantes legais dos nenos/as poderán solicitar reunión coa dirección de conformidade co horario establecido para tal fin, sempre e cando non dificulte a boa marcha do PAI.

Realizaranse dúas reunións xerais coincidindo co inicio e remate do curso, onde deberán estar presentes os pais, nais, titores/ras ou representantes legais, así como o persoal do centro. Ó comezo do curso farase unha reunión individual con cada pai, nai, titor/ra ou representante legal para obter a maior información posible sobre o neno/a (alerxias, enfermidades, hábitos de alimentación, etc.…).

CAPÍTULO VII. Réxime económico.

Artigo 22. Pagamento.

O pagamento das tarifas regulado pola ordenanza fiscal correspondente será mensual e deberanas aboar os interesados/as nos 10 primeiros días de cada mes.

No caso en que o ingreso no centro se produza con posterioridade o día primeiro do mes, a cota correspondente a dito mes se aboará nos dez (10) días seguintes a fecha de ingreso

Artigo 23. Aplicación de tarifas.

A utilización do PAI do Concello de Cabanas conlevará o pagamento en concepto de asistencial infantil (estancia).

Non se aboará a tarifa que corresponda ó mes de vacacións.

Se por calquera motivo o centro tivera que permanecer pechado durante un período superior a quince días, contando co correspondente permiso da Secretaría Xeral, non se aboará a tarifa en relación a ese período.

A non asistencia do usuario/a durante un período determinado non supón redución da tarifa.

A non asistencia do usuario/a o centro durante un período determinado non supón redución ningunha, nin extinción da tarifa mentres non se formalice a baixa correspondente.

A solicitude da suspensión da cota xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante a Comisión de coordinación, control e baremación, que resolverá sobre a procedencia da suspensión.

A ampliación de horario levará consigo o abono da diferenza da tarifa mensual.

CAPÍTULO VIII. Normas sobre infraestrutura do centro.

Artigo 24. Plan de prevención de riscos.

O PAI elaborará un Plan de prevención de risco, emerxencia e saúde, baseado na normativa vixente co asesoramento técnico dunha empresa, especialista na materia, que se complementará con medidas a adoptar nos casos de emerxencia.

Este Plan garantirá unha metodoloxía preventiva fundamentalmente, que manterá dispositivos contrastados e activados periodicamente para comprobar a súa operatividade.

Artigo 25. Outras esixencias.

Ademais o centro contará con:

- Unha póliza de responsabilidade civil e de accidentes.

- Un libro de reclamacións a disposición dos usuarios/as.

- Un proxecto educativo que está a disposición dos pais/nais, titores/as ou representantes legais.

- Un libro de rexistro de usuarios.

- Un expediente individualizado para cada un dos menores matriculados no centro.

Disposición adicional.

Este regulamento completarase ca ordenanza fiscal reguladora de tarifas do PAI que será aprobada por acordo plenario do Concello de Cabanas.

Facúltase ó Sr. Alcalde- Presidente do Concello de Cabanas a ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do presente regulamento.

Disposición final.

Este regulamento aprobado polo pleno da Corporación en data 25 de abril de 2011, entrará en vigor a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e unha vez trascorrido o prazo a que se refire o artigo 70.2 en relación co artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e permanecerá en vigor ata que se acorde a súa modificación ou derrogación.

Cabanas, 30 de decembro de 2011.

O Alcalde

Asdo. Germán Castrillón Permuy.

2012/384