Miércoles, 25 de abril · Número 78
O contido mostrado a continuación é unha versión do BOP oficial, auténtico e asinado electrónicamente en PDF

Traducción automática
Gallego - Castellano

Administración Local

Municipal

Cabanas

Regulamento servizo acceso a internet

E D I C T O

O pleno da Corporación na sesión realizado o 25 de abril de 2011, aprobou inicialmente o establecemento do servizo municipal de acceso a internet a través da rede sen fios municipal (wifi), e forma de explotación mediante contrato de xestión de servizos públicos, así como o Regulamento do servizo, publicado no BOP nº 95 do 20 de maio de 2011. Transcorrido o prazo de información pública sen que se presentasen alegacións, o devandito acordo elévase a definitivo, en virtude do disposto no apartado terceiro do artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril e procédese á publicación do devandito regulamento.

REGULAMENTO DO SERVIZO MUNICIPAL DE ACCESO A INTERNET A TRAVES DE REDE SEN FIOS (WIFI).

Artigo 1. Finalidade do Regulamento

1 As presentes condicións de uso dos servizos de acceso da rede municipal de acceso a internet sen fíos (WIFI) teñen como finalidade regular a súa utilización e determinar as condicións de acceso ós contidos e servizos que, a través de internet, se poñen a disposición do usuario.

2. O Concello de Cabanas poderá en calquera momento e sen previo aviso modificar as condicións de uso dos seus contidos e servizos e introducir novas condicións, respectando en todo caso as adquiridas polos usuarios con anterioridade a estas modificacións, salvo aquelas que se refiran ós prezos establecidos na correspondente ordenanza municipal e que poderán ser revisados coas formalidades que a lexislación de Réxime Local establece.

Artigo 2. Usuario e aceptación.

2.1. Usuarios maiores de idade. Ó acceder á rede WIFI municipal adquire a condición de usuario. Esta condición de usuario implica obrigatoriamente a aceptación sen reservas de ningunha clase de todos e cada un dos termos das presentes condicións de uso así como das condicións específicas aplicables, no seu caso, ó contido o servizo seleccionado e as determinacións contidas na Ordenanza Municipal correspondente. En todo caso, calquera uso da rede WIFI municipal está subordinado ó cumprimento estrito das presentes condicións, das condicións específicas e de calquera aviso legal e recomendación que fora de aplicación.

2.2. Usuarios menores de idade: Os menores de idade para acceder e usar a rede WIFI municipal necesitarán obrigatoriamente autorización dos seus pais, nais e/ou representantes legais. O Concello de Cabanas considera que si se producise un acceso ou utilización por un menor, este conta coa correspondente autorización do seu pai, nai e/ou representante legal.

Serán os pais, nais, titores ou representantes legais dos menores responsables do uso que aqueles fagan deste servizos, no ben entendido caso da rede WIFI municipal facilita un acceso libre e transparente a internet, o cal permite o acceso a contidos ou servizos que poden non ser axeitados ou que poidan estar prohibidos para os menores.

A efecto do control que aqueles poidan facer do uso responsable de internet polos menores, existen aplicacións informáticas que permiten bloquear e filtrar o acceso ós contidos e servizos que consideren non pertinentes para os menores o seu cargo.

Artigo 3. Características do servizo WIFI municipal

3.1. O Concello de Cabanas facilítalle como usuario ó acceso ós servizos de internet, garantindo un ancho de banda axeitado para unha correcta navegación.

3.2. O Concello de Cabanas garantirá a dispoñibilidade e accesibilidade do servizo de acceso WIFI con continuidade. Non obstante, pode acontecer que os cambios de dirección, o establecemento de novas conexións ou a actualización da rede WIFI municipal ocasionen interrupcións polo tempo que resulte necesario para realizar ditas tarefas.

3.3. O Concello de Cabanas resérvase a facultade de alterar sen aviso previo e en calquera momento a presentación e configuración do portal de acceso no seu caso, así como os seus servizos. Como usuario, recoñece e acepta que en calquera instante o Concello de Cabanas poida suspender, desactivar ou suprimir este servizo; téndose nestes dous supostos en conta o establecido na correspondente Ordenanza Municipal respecto ó prezo do servizo.

Artigo 4. Obrigas do usuario.

4.1. Os usuarios deberán utilizar o servizo de acceso WIFI de forma dilixente e correcta, e comprométese a non empregalo para a realización de actividades contrarias á Lei, á moral, ás boas costumes aceptadas e/ou con fins ou efectos ilícitos, prohibidos ou lesivos de dereitos e intereses de terceiros. O Concello de Cabanas non se fará responsable do incumprimento desta obriga polos usuarios.

4.2. Como usuario, debe absterse de alterar ou manipular as mencións de © e demais datos identificativos de dereitos de dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial do Concello de Cabanas ou de calquera dos contidos incorporados ó portal de acceso no seu caso e demais titulares de propiedades intelectuais, sendo da exclusiva responsabilidade do usuario a infracción e consecuencias de todo orde que conleve o incumprimento destas obrigas.

Artigo 5. Exclusión de garantías.

5.1. Dada a gran cantidade de factores externos a súa responsabilidade na prestación dun servizo deste tipo, o Concello de Cabanas non garante, nin implícita nin explicitamente, os servizos que o usuario pretenda en toda circunstancia obter de internet. Así, a título só enunciativo, o Concello de Cabanas non garantirá:

a) A dispoñibilidade e continuidade en todo momento e desde calquera lugar do funcionamento do servizo.

b) O acceso sen interrupcións e en todo momento dos servizos de internet.

c) Os niveis de calidade, interoperabilidade, velocidade e funcionalidade dos servizos de internet ós que o usuario accede desde a rede WIFI municipal.

d) A adecuación, idoneidade para un propósito particular e/ou específico dos servizos ofrecidos desde a rede WIFI municipal.

e) A veracidade, exactitude, exhaustividade, licitude, fiabilidade, actualidade e utilidade dos servizos de internet ós que se queira acceder desde a rede WIFI municipal.

f) A ausencia de virus ou outros elementos lesivos nos contidos ou servizos facilitados a través do servizo de acceso facilitado pola rede WIFI municipal.

g) O acceso non autorizado e/ou alteración de datos almacenados e transmitidos sobre sitios de internet accedidos a través da rede WIFI municipal.

5.2. O Concello de Cabanas, salvo que expresamente se indique nas condicións específicas, non intervén na prestación dos contidos e/ou servizos subministrados por terceiras partes a través do portal de acceso WIFI. Este Concello tampouco supervisa nin exerce control sobre a súa licitude, exactitude, veracidade, idoneidade, calidade, fiabilidade, autenticidade e/ou utilidade, non ofrecendo polo tanto ningunha clase de garantía sobre os mesmos.

Artigo 6. Responsabilidade.

O usuario coñece e acepta de forma voluntaria que a utilización da rede WIFI municipal ten lugar, en todo caso, baixo a súa responsabilidade. Así e salvo nos casos en que a lei prohiba de forma imperativa limitar a responsabilidade, o Concello fronte o usuario non asume responsabilidade algunha respecto dos usos que faga deste servizo, nin dos datos ou informacións transferidas de ou desde internet. En todo caso, se por calquera razón, algunha das exoneracións de responsabilidade son consideradas inválidas e o Concello puidera ser declarado legalmente responsable dalgún dano ou perda en relación co servizo, esta responsabilidade estará limitada á cantidade efectivamente pagada polo usuario polo citado servizo.

Artigo 7. Altas de usuarios.

7.1. Para empregar o servizo de acceso a internet a través da rede WIFI municipal, os interesados deberán cumprimentar o correspondente documento de alta do servizo WIFI municipal nas oficinas do Concello. Os datos proporcionados polos peticionarios de alta no servizo serán tratados polo Concello de conformidade cos termos publicados na normativa de protección de datos persoais. Ó completar e enviar os citados formularios, como usuario é consciente e autoriza expresamente ó Concello de Cabanas para que colecte e trate automaticamente os datos de carácter persoal que se lle solicitaron con arranxo ás finalidades e baixo as condicións detalladas na citada política de protección de datos persoais.

7.2. O Concello de Cabanas adoptou e adoptará as medidas técnicas e organizativas de seguridade que sexan de obrigado cumprimento de conformidade co estipulado na lexislación vixente, e incluso comprométese a implantar medidas de seguridade adicionais que excedan dita normativa, buscando un servizo fiable e de alta calidade. Non obstante, como usuario, recoñece e acepta que as medidas de seguridade en internet non son inexpugnables, non podendo o Concello de Cabanas garantir a plena seguridade do uso de internet a través deste servizo.

Artigo 8. Duración e terminación do servizo.

A extinción da prestación do servizo de acceso a internet mediante tecnoloxía sen fíos WIFI terá lugar:

a) Por renuncia expresa do seu titular.

b) Por incumprimento das condicións e obrigas establecidas na Ordenanza que regulará o servizo.

c) Por razóns de interese público.

d) Por impago do prezo público establecido nos termos indicados na correspondente Ordenanza Municipal.

e) Por imposibilidade de prestación do servizo por parte do Concello, por condicións técnicas ou outras circunstancias.

Artigo 9. Dereitos do aboado.

Os dereitos do aboado son:

a) Recibir as claves que lle posibiliten o acceso a internet, desde o seu domicilio, sempre que tecnicamente isto sexa viable.

b) Recibir en depósito o kit necesario para o correcto acceso a internet, nos termos establecidos na correspondente Ordenanza Municipal.

Artigo 10. Deberes do aboado.

Os deberes do aboado son:

a) Pago do prezo público establecido na correspondente Ordenanza Municipal.

b) Notificación de baixa: O aboado que desexe causar baixa no subministro estará obrigado a solicitar por escrito ó Concello, con 15 días de antelación, causando baixa o primeiro día do seguinte mes no que se efectúe dita solicitude.

c) Non manipulacións dos kits de usuario: O usuario terá absolutamente prohibido a manipulación dos kits, para obter calquera fin, sen que o Concello teña coñecemento diso. De ter o Concello constancia desta circunstancia, dará lugar á baixa do servizo, sen que se deriven dereitos de reclamación algún, incluída a devolución da fianza.

Artigo 11. Recomendacións técnicas.

Para unha conexión segura á rede WIFI, recoméndase a utilización do SSID con cifrado WPA2, que o servizo dispón. En calquera caso, unha vez asociado á rede, o envío do usuario e contrasinal entre o dispositivo portátil e o servidor de autenticación realizase mediante un protocolo seguro (SSL) sobre HTTPS.

O outro SSID dispoñible non emprega cifrado, non sendo aconsellable a súa utilización para os servizos de navegación, correo ou comunicacións que conteñan datos ou informacións sensibles. En calquera caso tanto para a conexión mediante WPA2 como en aberto recoméndase a utilización de protocolos seguros como SSL e IPSec para seguridade da transmisión da información.

Artigo 12. Lexislación aplicable. Xurisdición.

O contido do presente Regulamento e as relacións derivadas da súa aplicación réxense pola vixente Lei 32/2003, de 3 de novembro, lei xeral de telecomunicacións, Regulamento de desenvolvemento da Lei xeral de telecomunicacións, aprobado por Real Decreto 803/2008, de 23 de maio, Circular 1/2010 da Comisión do Mercado de Telecomunicacións, (BOE 9-8-2010) pola que se regulan as condicións de explotación de redes e a prestación de servizos de comunicacións electrónicas polas Administracións Públicas e demais normas de aplicación.

Para resolver calquera controversia que puidera derivarse da prestación de servizos de acceso á rede WIFI municipal, como usuario sométese ós Tribunais de ámbito local, con renuncia expresa a calquera outro foro que puidera corresponderlle.

Disposición final.

Este regulamento aprobado polo Pleno da Corporación en sesión realizada o 25 de abril de 2011, entrará en vigor logo de que se publique enteiramente no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de quince días a que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, continuando vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación.

Cabanas, 9 de abril de 2012.

O Alcalde.

Asdo. Germán Castrillón Permuy.

2012/4861

©2009 Deputación da Coruña