Viernes, 21 de marzo de 2014 · Número 55
O contido mostrado a continuación é unha versión do BOP oficial, auténtico e asinado electrónicamente en PDF

ATENCIÓN: Esta páxina é unha tradución automática Traducción automática
Gallego - Castellano

Administración Local

Municipal

Cabanas

Ordenanza da taxa por utilización de instalacións deportivas

EDICTO

Non presentándose alegación durante o prazo de exposición ao público, queda elevado a definitivo o acordo do Pleno do Concello adoptado en data 15 de novembro de 2013, sobre modificación da taxa por utilización de instalacións deportivas municipais, así como da correspondente ordenanza fiscal reguladora, cuxo texto íntegro faise público no cumprimento do establecido no artigo 17.4 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

Contra a aprobación definitiva poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo nos termos establecidos na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

ORDENANZA FISCAL N.º 19, REGULADORA DA TAXA POR UTILIZACIÓNS DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

Artigo 1.–Fundamento e natureza.

Conforme ó autorizado polo artigo 133.2 e 142 da Constitución Española e artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de acordo co previsto nos artigos 15 a 27 e 57 do texto Refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece a taxa por utilización de instalacións deportivas municipais, que se rexerá pola presente ordenanza, redactada conforme ó disposto no artigo 16 do referido texto refundido.

Artigo 2.–Feito impoñible.

Está constituído pola utilización de inmobles e instalacións deportivas municipais.

Artigo 3.–Obriga de contribuír.

A obriga de contribuír nace no momento de presenta-la solicitude de utilización das instalacións.

Artigo 4.–Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos desta taxa en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas, e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria, que resulten autorizadas ou as beneficiadas polos aproveitamentos especiais a que se refire esta ordenanza, incluso cando non obtivesen a oportuna autorización.

Artigo 5.–Base impoñible e a liquidar.

A base impoñible do tributo estará constituida polo tempo de utilización e tipo de actividade a desenvolver nas instalacións.

Artigo 6.–Cota tributaria.

A cota tributaria a aplicar pola taxa reguladora nesta ordenanza será a fixada nas tarifas seguintes:

a) Utilización de calquera das instalacións para adestramento, partidos amistosos, ou de competición con entrada gratuíta: no pavillón de Porto ou campo de fútbol de A Veiga 26 €/hora, e no pavillón polideportivo de Lavandeira, 15 €/hora.

b) Utilización de calquera das instalacións para adestramento, partidos amistosos, ou de competición con cobro de entrada: no pavillón de Porto ou campo de fútbol de A Veiga 41 €/hora, e no pavillón polideportivo de Lavandeira 26 €/hora.

c) Utilización de pistas de pádel de A Veiga, 9 €/hora. Establécese un mínimo de unha hora, a partir da cal poderase fraccionar por períodos de media hora.

d) Utilización da iluminación nas pistas de pádel de A Veiga, 1,50 €/hora. Establécese un mínimo de unha hora, a partir da cal poderase fraccionar por períodos de media hora, cun custo de 0,50 € cada período. Sobre esta tarifa non se aplicarán as bonificacións previstas nesta ordenanza.

Nas tarifas dos apartados a) e b) enténdese incluído o uso do resto das instalacións, como duchas e vestiarios.

Artigo 7.–Exencións e bonificacións.

De conformidade co disposto no artigo 9 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, non se recoñece beneficio tributario algún, agás os que sexan consecuencia do establecido nos tratados ou acordos internacionais, ou os previstos expresamente en normas con rango de Lei, así como os establecidos nesta ordenanza.

Non obstante, de acordo co sinalado no artigo 24.4 do referido texto refundido, establecénse as seguintes exencións e bonificacións:

A) Estarán exentos do pagamento da taxa:

a) Os colexios públicos do municipio que carezan de instalacións deportivas suficientes e demanden a utilización de instalacións deportivas.

b) Os alumnos das escolas deportivas municipais pertencentes a unidades familiares que non superen o importe do IPREM de renda anual.

c) As actividades deportivas organizadas polo propio Concello de Cabanas, ben directamente ou en colaboración con outras institucións ou entidades (persoas físicas ou xurídicas), pero sempre baixo a organización municipal e con aprobación da Alcaldía.

d) As asociacións deportivas que asinen convenios para o desenvolvemento dun programa de colaboración e utilización das infraestructuras deportivas municipais, segundo o establecido no artigo 5.º do Regulamento de utilización de instalacións deportivas municipais.

B) Bonificacións:

a) Establécese unha bonificación do 25 por 100 da tarifa establecida no artigo 6, a favor de persoas inscritas no padrón municipal de habitantes no Concello de Cabanas para utilización de pistas de pádel de A Veiga.

b) O Concello, mediante resolución da Alcaldía, poderá establecer bonificacións de ata ó 50% das tarifas cando se trate de escolas deportivas ou clubes deste municipio, sempre e cando a maioría dos participantes figuren inscritos no padrón municipal de habitantes e se xustifique o interese social da actividade.

Artigo 8.–Normas de xestión.

A utilización de instalcións deportivas municipais rexerase polo establecido no Regulamento de utilización de instalacións deportivas municipais deste Concello, aprobado polo Pleno da Corporación en data 27 de marzo de 2013.

O persoal necesario para o desenvolvemento da actividade, como porteiros, vixiantes e outros, será de conta do organizador, sendo responsable do mesmo as obrigas laborais, fiscais e outras que se deriven da actividade. As necesidades de persoal serán fixadas pola Alcaldía ou concelleiro delegado tendo en conta a actividade a realizar.

Artigo 9.–Responsables.

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo establecidas nesta Ordenanza as persoas físicas ou xurídicas que sexan causantes ou colaboren na realización dunha infracción tributaria. A responsabilidade esixirase en todo caso, nos termos e consonte co procedemento previsto na Lei xeral tributaria.

Os copartícipes ou cotitulares das herencias, comunidades de bens e demais entidades que, carentes de personalidade xurídica constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado, susceptible de imposición, responderán solidariamente e en proporción ás súas respectivas participacións das obrigas tributarias de ditas entidades.

Serán responsables subsidiarios das infraccións simples e da totalidade da débeda tributaria no caso de infraccións graves cometidas por persoas xurídicas, os administradores daquelas que non realicen os actos necesarios da súa competencia, para cumpri-las obrigas tributarias infrinxidas, consintan o incumprimento por aqueles que dependan deles ou adopten acordos que fagan posibles as infraccións. Os referidos administradores responderán subsidiariamente das obrigas tributarias que estean pendentes de cumprimentar polas persoas xurídicas que fosen destituídas nas súas actividades.

Os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, serán responsables subsidiarios cando por mala fe non realicen as xestións necesarias para o total cumprimento das obrigas tributarias producidas con anterioridade ás referidas situacións e que sexan imputables ós respectivos suxeitos pasivos.

Artigo 10.–Liquidación e recadación.

O pagamento das tarifas desta taxa realizaráse, por ingreso directo na Tesourería Municipal ou en entidade bancaria na conta a nome do Concello, pero sempre antes de retira-la correspondente licencia.

Este ingreso terá carácter de depósito previo, consonte co disposto no artigo 26.1.a) do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, quedando elevado a definitivo ó concede-la licencia correspondente.

As débedas non satisfeitas nos períodos non voluntarios esixiránse pola vía de constrinximento, de acordo co que dispón a Lei xeral tributaria e o Regulamento xeral de recadación, computándose no seu caso, como pagamentos a conta as cantidades pagadas fora de prazo.

Artigo 11.–Infraccións e sancións tributarias.

En todo o relativo a infraccións e sancións tributarias, ademais do previsto nesta ordenanza, aplicaráse o disposto no artigo 181 e seguintes da Lei xeral tributaria e disposicións concordantes.

Disposición final.

A presente Ordenanza aprobada polo Pleno da Corporación en sesión realizada o .... de novembro de dous mil trece, entrará en vigor despois da aprobación definitiva, o día seguinte de publicada no Boletín Oficial da Provincia, e será de aplicación a partir da súa entrada en vigor, continuando vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación.

Disposición derrogatoria.

A partir da entrada en vigor desta Ordenanza fiscal queda derrogada a anterior publicada no B.O.P. n.º 4, do 7 de xaneiro de 2013, aprobada polo Pleno da Corporación en sesión do 8 de novembro de 2012.

Cabanas, 13 de marzo de 2014.

O alcalde

Asdo.: Germán Castrillón Permuy

2014/2919

©2009 Deputación da Coruña