Miércoles, 3 de mayo · Número 82
O contido mostrado a continuación é unha versión do BOP oficial, auténtico e asinado electrónicamente en PDF

ATENCIÓN: Esta páxina é unha tradución automática Traducción automática
Gallego - Castellano
2017_0000003514

Administración Local

Municipal

Cabanas

Bases convocatoria provisión praza de policía local

ANUNCIO

Bases da convocatoria para a provisión en propiedade dunha praza de policía local, funcionario/a de carreira.

Por Resolución da Alcaldía 196/2017, de data 17 de abril de 2017, acordouse aprobar as bases que a continuación se reproducen para a provisión en propiedade dunha praza de policía local, funcionario/a de carreira, en desenvolvemento da Oferta de Emprego Público do Concello de Cabanas para o ano 2016, aprobada por Resolución da Alcaldía 543/2016, do 7 de novembro de 2016, e publicada no DOG número 230, de data 1 de decembro de 2016, así como ordenar a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, de conformidade co establecido nos artigos 97, da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e 204.4 da Lei 2/2015, de 29 de abril, do Emprego Público de Galicia, publicándose o anuncio da súa convocatoria no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado.

Tal e como se indica na base quinta da presente convocatoria, as solicitudes para tomar parte neste proceso selectivo faranse mediante instancia dirixida ao Sr. Alcalde, no modelo que se engade como Anexo I, nas que se fará constar que se reúnen todos e cada un dos requisitos establecidos na Base Terceira desta convocatoria. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Cabanas (de luns a venres de 09:00 horas a 14:00 horas) durante o prazo de vinte días naturais (20), cómputo que se iniciará ao día seguinte ao da publicación do Anuncio da convocatoria no Boletín Oficial do Estado. Tamén se poderán presentar na forma que se determina no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Neste caso, as persoas interesadas deberán comunicalo ao Concello, durante o mesmo prazo que o de presentación de instancias, á dirección de correo electrónico rexistro@cabanas.gal, co fin de que, rematado o prazo de presentación de instancias, sen telas recibido, se pospoña a elaboración da relación de admitidos/as e excluídos/as até recibir a documentación remitida pola persoa aspirante.

Os sucesivos actos e comunicacións que se deriven da celebración deste proceso selectivo faranse públicos de conformidade co disposto na base sexta desta convocatoria.

Contra as presentes bases e o acordo que as aproba, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ferrol, no prazo de dous meses, contado desde o seguinte ao da súa publicación.

Con carácter potestativo e previo, poderase interpoñer recurso de reposición, ante o mesmo órgano que adoptou o acordo de aprobación, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación. Neste caso, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo até que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto. Neste último suposto, o prazo para a interposición do recurso contencioso-administrativo será de seis meses, contado desde o día seguinte a aquel no que se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto. Todo isto sen prexuízo de que poida exercitar calquera outro que estime procedente.

BASES DA CONVOCATORIA PARA A PROVISIÓN EN PROPIEDADE DUNHA PRAZA DE POLICÍA LOCAL, FUNCIONARIO/ A DE CARREIRA.

A presente convocatoria constitúe o desenvolvemento da oferta de emprego público do Concello de Cabanas para o ano 2016, aprobada por Resolución da Alcaldía 543/2016, do 7 de novembro de 2016 e publicada no DOG nº 230, de data 1 de decembro de 2016, e réxese polas seguintes normas:

Primeira. Número, denominación, características e lexislación de aplicable.

Procédese á convocatoria para a provisión en propiedade dunha praza de policía local, pertencente ao cadro de persoal de funcionarios/as de carreira, encadrada na Escala de Administración Especial, Subescala de Servizos Especiais, Clase Escala Básica, Categoría Policía Local: Garda, Grupo C, Subgrupo C1.

As retribucións básicas, complementarias e extraordinarias que corresponden ao posto de traballo, son as que figuran no orzamento municipal aprobado para o actual exercicio económico, coas actulizacións que procedan para as seguintes anualidades, no seu caso, establecidas na Relación de Postos de Traballo do Concello de Cabanas.

As función a realizar na praza convocada son as establecidas na Relación de Postos de Traballo do Concello de Cabanas.

A lexislación aplicable está constituída polas seguintes normas:

1. Normas específicas do Corpo da Policía Local, de aplicación á Comunidade Autónoma de Galicia:

Lei 4/2007, do 20 de abril, de Coordinación de policías locais de Galicia.

Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a lei de coordinación de policías locais, modificado mediante Decreto 77/2010, do 29 de abril.

Orde do 29 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixiantes, para o acceso como vixiantes municipais e a contratación de auxiliares de policía local de tempada.

2. Normas reguladoras dos principios e procedementos de acceso ao emprego público con carácter xeral (normativa básica e de desenvolvemento autonómico que resultarán aplicables en aquilo non previsto pola lexislación específica do corpo de policías locais):

Constitución Española de 1978.

Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público.

Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.

Real Decreto Lexislativo 784/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local.

Real Decreto 896/1991, do 7 de xuño, polo que se aproban as regras básicas e programas mínimos ao que se debe axustar o procedemento de selección dos funcionarios da Administración Local.

Lei 2/2015, do 29 de abril, do Emprego Público de Galicia.

Decreto Lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma en materia de Igualdade.

Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Comunidade Autónoma de Galicia.

Real Decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da Administración Xeral do Estado e de provisión de postos e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración Xeral do Estado.

Segunda. Sistema de provisión.

Oposición, por quenda libre.

Terceira. Requisitos dos aspirantes.

Para poder tomar parte no proceso selectivo de acceso, as persoas aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española.

b) Superar os 18 anos de idade.

c) Posuír a estatura mínima de 1,65 metros os homes e 1,60 metros as mulleres.

d) Estar en posesión do título de Bacharelato, Técnico de formación profesional ou calquera outro equivalente, segundo as disposicións educativas sobre a materia. Así mesmo, e aos únicos efectos de acceso a empregos públicos, a superación das probas de acceso á Universidade para maiores de 25 anos, homologadas polo órgano competente, considérase equivalente á obtención do título de Bacharel, sempre que se acredite algún dos requisitos establecidos no artigo 4.3 da Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño.

e) Ser titular dos permisos de conducir das clases A2 e B na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, comprometéndose, mediante declaración, a mantelos vixentes mentres permanezan en situación de servizo activo no Corpo da Policía Local.

f) Non ter sido condenado/a por delito doloso, nin estar inhabilitado/a para o exercicio das función públicas, nin separado/a do servizo das Administracións Públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial firme. Será aplicable, non obstante, o beneficio da rehabilitación, segundo as normas penais e administrativas, que a persoa aspirante deberá acreditar mediante o correspondente documento oficial.

g) Compromiso por escrito de portar armas durante o servizo e, se é o caso, chegar a utilizalas nos casos e circunstancias legalmente establecidas, que o aspirante presentará en forma de declaración xurada.

h) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas, acreditado mediante declaración xurada.

i) Certificado médico expedido en impreso oficial e asinado por colexiado en exercicio e, que non superará un máximo de tres meses desde a súa expedición, no que se faga constar expresamente que o aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias necesarias para a realización das probas físicas que figuran nas presentes bases, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicte no certificado médico.

O certificado axustarase ao seguinte modelo:

“Don/dona ……………………………………………………………………………… reúne as condicións físicas e sanitarias necesarias e suficientes para a realización das probas de aptitude física esixidas no Anexo III da convocatoria para a provisión en propiedade dunha praza de Policía Local do Concello de Cabanas.”

l) Presentación do xustificante de aboamento dos dereitos de exame.

Todos estes requisitos deberán acreditalos na data en que remate o prazo de presentación de instancias da convocatoria.

Cuarta. Dereitos de exame.

As persoas interesadas deberán ingresar a cantidade de 30,00 euros, de conformidade co disposto no artigo 7 da Ordenanza Fiscal nº 28, Reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos. Dito importe deberá facerse efectivo mediante ingreso na conta ES13-2080-0201-98-3110000052, da entidade Abanca, da que é titular o Concello de Cabanas, no que se deberá expresar os datos persoais da persoa interesada e praza á que opta.

Este importe unicamente será devolto no caso de que a persoa interesada non sexa admitida ao proceso selectivo por falta dos requisitos esixidos para participar no mesmo ou por presentar a solicitude fóra de prazo . En ningún caso a presentación e pago da taxa por dereito de exame suporá a substitución do trámite de presentación da instancia.

Quinta. Presentación de solicitudes.

As solicitudes para tomar parte no proceso selectivo faranse mediante instancia dirixida ao Sr. Alcalde, no modelo que se engade como Anexo I, nas que se fará constar que se reúnen todos e cada un dos requisitos establecidos na Base Terceira desta Convocatoria.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Cabanas (de luns a venres de 09:00 horas a 14:00 horas) durante o prazo de vinte días naturais (20), cómputo que se iniciará ao día seguinte ao da publicación do Anuncio da convocatoria no Boletín Oficial do Estado.

Tamén se poderán presentar na forma que se determina no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Neste caso, as persoas interesadas deberán comunicalo ao Concello, durante o mesmo prazo que o de presentación de instancias, á dirección de correo electrónico rexistro@cabanas.gal, co fin de que, rematado o prazo de presentación de instancias, sen telas recibido, se pospoña a elaboración da relación de admitidos/as e excluídos/as até recibir a documentación remitida pola persoa aspirante.

Se conforme a este precepto se presentan a través das oficinas de correos, deberá aparecer o selo na propia solicitude. Doutro modo, a data de anotación no Rexistro Xeral será a que se teña en conta a tódolos efectos.

Xunto coa solicitude para tomar parte neste proceso selectivo as persoas aspirantes deberán achegar, inescusablemente, a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Fotocopia compulsada do título académico esixido na convocatoria.

c) Xustificante de ingreso dos dereitos de exame.

d) Fotocopia compulsada dos permisos de condución que constitúen requisitos de participación, así como declaración xurada comprometéndose a mantelos vixentes mentres se permaneza en situación de servizo activo, como funcionario/a de carreira, no corpo da Policía Local.

e) Certificado médico no que se faga constar expresamente que a persoa aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias necesarias para a realización das probas físicas que se especifican no Anexo III. O certificado deberá axustarse ao modelo descrito na Base Terceira, letra i) e deberá presentarase o documento orixinal, non admitíndose fotocopia do mesmo.

f) Declaración xurada do compromiso de portar armas e, de ser o caso, de chegar a utilizalas.

g) Certificado favorable do Rexistro Central de Penados e declaración xurada de non ter sido separado/a do servizo das administración públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial firme.

h) Fotocopia compulsada certificado acreditativo de estar en posesión do CELGA 4, ou equivalente, ou estar en condicións de obtelo antes do remate do prazo de presentación de instancias.

A acreditación do coñecemento da lingua galega realizarase de conformidade ao previsto na normativa de aplicación; con arranxo ao Sistema de Certificación de Lingua Galega (Celga) actualmente vixente, ou ás certificacións equivalentes, debidamente homologadas polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia (nos termos do previsto na Orde de 16 de xullo de 2007 e Orde de 10 de febreiro de 2014, que modifica a anterior, ao respecto dos certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da linga galega).

En todo caso, e de acordo co previsto no artigo 51.2 da Lei de Emprego Público de Galicia, as persoas aspirantes que non acrediten dito coñecemento da Lingua Galega requirido (Celga 4, ou equivalente), ou de estar en condicións de obtelo dentro do prazo de presentación de instancias, deberán obter, para a definitiva superación do proceso selectivo, a cualificación de apto/a na proba específica de coñecemento da lingua galega que deberán realizar, de conformidade ao previsto na base décimo primeira da presente convocatoria.

i) Declaración xurada en relación ca posesión da capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto.

l) Declaración xurada de posuír unha estatura mínima esixida nas bases da convocatoria.

Para que teñan validez neste proceso selectivo os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de se tratar de documentos expedidos noutras Comunidades Autónomas do Estado español, para que teñan validez deberán estar redactados na lingua castelá ou traducidos polo organismo competente da respectiva comunidade, debidamente validados e depositados polo organismo competente.

Coa presentación da instancia para tomar parte no proceso selectivo entenderase que as persoas aspirantes aceptan e acatan todas e cada unha das Bases desta convocatoria.

Sexta. Publicidade, presentación, notificacións e comunicación.

A convocatoria correspondente ás presentes bases, efectuarase a través de anuncios no BOP, DOG e BOE, conxuntamente coa súa publicación na páxina web e no taboleiro de anuncios do Concello.

As demais comunicacións efectuaranse no BOP, cando así conste de forma expresa nas presentes bases, na páxina web e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello.

As relativas á resolución ou a actos do Tribunal faranse públicas a través da páxina web e taboleiro de anuncios.

A presentación de instancias farase a través do Rexistro municipal, ou a través de calquera dos xeitos admitidos na lexislación xeral de procedemento administrativo, tal e como se especifica na Base quinta desta convocatoria.

As publicacións na páxina web do Concello faranse a título informativo e complementario, e non terán validez a efectos de cómputo de prazos e a información de carácter persoal contida na mesma será posible baixo a consideración de que as persoas aspirantes, coa sinatura da instancia solicitando a súa participación no proceso selectivo, se someten e aceptan todo o clausulado establecido na presente convocatoria e bases reguladoras. Os restantes usos dos datos persoais contidos nas solicitudes serán de carácter interno e uso restrinxido.

Sétima. Admisión de aspirantes.

Unha vez rematado o prazo de presentación de instancias a Alcaldía ditará Resolución no prazo máximo dun mes, declarando aprobada a lista provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación, se é o caso, das causas de exclusión. Na lista deberán constar, en todo caso, os apelidos, nome e número de documento nacional de identidade.

Esta Resolución publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello. Así mesmo, e sempre que sexa posible, poderá publicarse, a título informativo e complementario na web municipal do Concello (www.cabanas.gal).

As persoas aspirantes excluídas dispoñen dun prazo de 10 días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación da antedita Resolución no Boletín Oficial da Provincia para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión e presentar nova documentación.

Posteriormente a Alcaldía declarará aprobada a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas, que se publicará no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello. Así mesmo, e sempre que sexa posible, poderá publicarse a título informativo e complementario na web oficial do Concello de Cabanas (www.cabanas.gal). Na mesma Resolución a Alcaldía determinará o lugar, data e hora do comezo do proceso selectivo, así como a composición do Tribunal de selección.

Oitava. Composición do Tribunal.

Os membros do Tribunal Cualificador serán designados pola Alcaldía segundo o disposto no artigo 60 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, en atención ao principio de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros.

Estará constituído por cinco persoas titulares e cinco suplentes, presidente/a, tres vogais e secretario/a.

Os membros do Tribunal Cualificador deben pertencer a un corpo, escala ou categoría profesional para o ingreso no cal se requira unha titulación de nivel igual ou superior ao esixido para participar no proceso selectivo.

Deberá tenderse na súa composición a paridade entre home e muller.

Non poderán formar parte do Tribunal o persoal de elección ou de designación política, o persoal interno ou o persoal laboral temporal e o persoal eventual, nin tampouco as persoas que nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria realizasen tarefas de preparación a aspirantes a probas selectivas ou colaborasen durante ese período con centros de preparación de opositores.

A pertenza ao mesmo será sempre a título individual, sen que se poida desempeñar esta en representación ou por conta de ninguén.

O Tribunal de selección poderá dispoñer a incorporación de asesores especialistas, para todas ou algunha das probas, que colaborarán co órgano de selección exclusivamente no exercicio das súas especialidades técnicas, sen que sexan integrantes do tribunal, correspondéndolle o asesoramento e ilustración do parecer dos seus membros.

A súa composición farase pública na mesma Resolución da Alcaldía pola que se aproba a lista definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas.

Os membros do Tribunal deberán absterse de intervir, notificándoo á autoridade convocante, cando concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do Réxime Xurídico do Sector Público.

Igualmente, as persoas aspirantes poderán recusar aos membros do Tribunal cando concorra algunha das circunstancias ás que se refire o parágrafo anterior.

O Tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros (sexan titulares ou suplentes indistintamente). En todo caso, será precisa a asistencia do/a Presidente/a e do/a Secretario/a.

Todos os membros do Tribunal Cualificador que se designen para xulgar as respectivas probas selectivas actuarán con voz e voto.

As decisións do Tribunal Cualificador adoptaranse por maioría de votos dos membros presentes, resolvendo, en caso de empate, o voto de calidade do seu Presidente.

O Tribunal Cualificador queda autorizado para resolver as dúbidas que se presenten e para tomar os acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo, en todo o non previsto nestas Bases.

Aos efectos de percepción de dietas por asistencias por parte dos membros concorrentes ás sesión que celebre o Tribunal Cualificador, estarase ao disposto nos artigos 29 e seguintes do Real Decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo.

Novena. Realización das probas.

As probas da presente convocatoria que se determinan na base décimo primeira, faranse na orde nela establecida.

A orde de actuación dos aspirantes nas distintas probas selectivas virá determinada pola Resolución ditada pola Consellería de Facenda, pola que se fai público o resultado do sorteo ao cal se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, Resolución do 20 de xaneiro de 2017, publicada no DOG nº 20, de data 30 de xaneiro de 2017, determinando que a orde de actuación das persoas aspirantes nos procesos selectivos empezarán por aquelas persoas cuxo primeiro apelido comece pola letra K.

Entre o remate dunha proba e a realización da outra deberá transcorrer como mínimo 48 horas.

Os horarios serán determinados polo Tribunal e non se celebrarán en días festivos, podendo ser en horario de mañá ou de tarde.

Décima. Obriga dos aspirantes a concorrer ás probas.

De conformidade co artigo 12 do Decreto 243/2008, as persoas aspirantes deberán acudir ás probas nas hora e datas dos respectivos chamamentos, sen posibilidade de aprazamento calquera que fose a causa que lles impida acudir, agás que a escusa sexa posible por ter amparo nun precepto legal así como o suposto que se describe a continuación.

Nos casos de aspirantes embarazadas, ou en período de parto ou postparto, debidamente acreditados, poderase aprazar para as aspirantes nas que concorra a devandita circunstancia até seis meses o desenvolvemento das probas físicas que lles correspondese realizar, prazo que podería prorrogarse como máximo outros seis meses en caso xustificado. Este aprazamento das probas físicas non afectará por si só ao resto das probas.

En calquera caso, se dará por superado o proceso selectivo a aquelas persoas aspirantes que obtivesen unha puntuación final que non puidese ser alcanzada, aínda coa obtención da máxima puntuación posible nas probas físicas aprazadas, polas aspirantes que se acollesen ao dereito de aprazamento.

As presentes bases establecen que as mulleres embarazadas que prevexan que polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación e previsión de parto, ou eventualmente os primeiros días despois do parto, a súa coincidencia coas datas de realización de calquera dos exames ou probas previstas no proceso selectivo poderán poñelo en coñecemento do Tribunal, achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse con tempo de abondo e o Tribunal determinará con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo ou ben un aprazamento da proba, ou ben ámbalas dúas medidas conxuntamente.

En ningún caso as probas de recoñecemento médico estimarán como circunstancias negativas para os efectos do proceso selectivo, calquera que fose derivada da situación de embarazo ou lactancia.

Á solicitude da muller que acredite atoparse nestas circunstancias, o Tribunal poderá determinar que estas probas se realicen en calquera outra fase ou momento do proceso selectivo. Tamén o Tribunal poderá sinalar razoadamente de oficio, oída a afectada, unha data apropiada segundo as condicións da muller que se atope nestas circunstancias.

Décimo primeira. Contido do proceso selectivo, forma de desenvolvemento e sistema de cualificación.

O procedemento de selección constará de cinco exercicios, obrigatorios e eliminatorios cada un deles, de xeito que non poderán pasar ao seguinte as persoas aspirantes que non tivesen alcanzado a cualificación mínima establecida para cada un deles e pola orde que se sinala a continuación, tendo en conta que desde a finalización dunha proba até o comezo da seguinte deberá transcorrer o prazo establecido na cláusula novena.

Primeiro exercicio. Proba de coñecementos.

A proba de avaliación dos coñecementos das persoas aspirantes deberá amosar a súa preparación intelectual e o dominio dos contidos do temario que se inclúe no Anexo II destas bases.

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 100 preguntas tipo test, con catro alternativas de resposta cada unha, que serán propostas polo Tribunal. As persoas aspirantes disporán dun tempo máximo de dúas horas para a súa realización.

A proba cualificarase polo Tribunal de cero a dez puntos, sendo preciso acadar cinco puntos como mínimo. A cualificación farase atendendo á seguinte fórmula:

N = (A-F/3)/10

Sendo N= Nota final da proba

Sendo A= Preguntas acertadas

Sendo F= Preguntas falladas ou non contestadas.

Segundo exercicio. Proba de coñecemento da lingua galega.

A proba de coñecemento da lingua galega estará dirixida á comprobación, por parte do Tribunal, de que os aspirantes comprenden, falan e escriben correctamente o galego. Para estes efectos deberán realizar con carácter obrigatorio e eliminatorio a seguinte proba: consistirá na tradución directa e/ou inversa dun ou varios textos, en castelán ou galego, nun tempo máximo de 1 hora. Os textos serán elexidos polo Tribunal inmediatamente antes de celebrarse a proba, correspondéndolle ao Tribunal determinar o nivel de coñecementos esixidos para superar a proba.

Esta proba será cualificada como “Apto/a” ou “Non apto/a”.

Para esta proba o tribunal poderá asesorarse con persoal especializado.

Quedarán exentas da realización desta proba aquelas persoas que acrediten estar en posesión do Celga 4 ou equivalente.

Terceiro exercicio. Probas de aptitude física.

Irán dirixidas á comprobación das capacidades de forza, resistencia, axilidade, flexibilidade e velocidade das persoas aspirantes.

Previa comprobación da estatura das persoas aspirantes, consistirá en realizar tódalas probas físicas que se indican no Anexo III. A non superación de calquera das probas na forma indicada dará lugar á eliminación da persoa aspirante.

As probas de aptitude física terán a cualificación de Apto/a ou Non apto/a.

Cuarto exercicio. Probas psicotécnicas.

Estas probas están dirixidas a determinar as actitudes e aptitudes persoais das persoas aspirantes e a súa adecuación ás función policiais que deberán desempeñar, comprobando que presentan un perfil psicolóxico axeitado. Terán que efectuarse e valorarse por persoal especialista.

A cualificación global será de Apto/a ou Non apto/a.

A) Proba de intelixencia.

Realizarase unha valoración do nivel intelectual e doutras aptitudes específicas, explorando todos ou varios dos aspectos seguintes: intelixencia xeral, comprensión e fluidez verbal, comprensión de ordes, razoamento cognitivo, atención discriminativa e resistencia á fatiga intelectual.

B) Probas de personalidade.

As probas de personalidade orientaranse a avaliar os trazos de personalidade máis significativos e relevantes para o desempeño da función policial, así como o grao de adaptación persoal e social das persoas aspirantes. Así mesmo, deberá descartarse a existencia de síntomas ou trastornos psicopatolóxicos e/ou de personalidade.

Exploraranse os aspectos que a continuación se relacionan: estabilidade emocional, autoconfianza, capacidade empática e interese polos demais, habilidades interpersoais, control axeitado da impulsividade, axuste persoal e social, capacidade de adaptación ás normas, capacidade de afrontamento ao estrés e motivación polo traballo policial.

Os resultados obtidos nas probas deberán ser obxecto de contraste mediante a realización dunha proba individual, que consistirá na contestación a un cuestionario, formulado verbalmente, coa finalidade de valorar tamén o estado psicolóxico actual das persoas aspirantes. Deste modo, á parte das características de personalidade sinaladas anteriormente, exploraranse ademais os seguintes aspectos: existencia de niveis disfuncionais de estrés ou de trastornos do estado de ánimo; problemas de saúde; consumo excesivo ou de risco de alcohol ou outros tóxicos e grado de medicación; expectativas de respecto da función policial.

Quinto exercicio. Recoñecemento médico.

O recoñecemento médico será efectuado por facultativos especialistas e o seu fin é garantir que as persoas aspirantes estean en condicións idóneas para o exercicio das función policiais propias do posto de traballo.

Cualificarase como Apto/a ou Non apto/apta.

Para os efectos da exclusión da persoa aspirante, terase en conta o seguinte:

1. Obesidade-delgadeza.

Obesidade ou delgadeza manifestas que dificulten ou incapaciten para o exercicio das funcións propias do cargo.

Índice de Masa Corporal (IMC) non inferior a 18,5 nin superior a 29,9. Considerando o IMC como a relación resultante de dividir o peso da persoa expresado en quilos polo cadrado da estatura expresada en metros.

2. Calquera enfermidade, padecemento ou alteración de carácter físico, psíquico ou sensorial, que, a xuízo dos facultativos médicos, impida, limite ou dificulte o exercicio das función policiais.

As exclusións garantiranse coas probas complementarias necesarias para a diagnose, así como os criterios dos especialistas médicos correspondentes.

Décimo segunda. Cualificación final.

A orde de prelación das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuaranse de acordo coa suma das puntuacións obtidas, non podendo superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

No suposto de empate na puntuación final do proceso selectivo de dúas ou máis persoas aspirantes se fosen de distinto sexo e tendo en conta o dato obxectivo de que no Corpo, Escala e Categoría do posto a cubrir neste proceso selectivo existe infrarrepresentación do sexo feminino, de acordo co artigo 49 do Decreto Lexislativo 2/2016, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Texto Refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de Igualdade, resolverase a favor das mulleres. Sendo do mesmo sexo, resolverase tendo en conta o menor tempo acadado na proba de velocidade, carreira de 50 metros lisos, apartado A.1.1 das probas físicas e, se isto non fose posible, polo menor tempo acadado na proba A.1.4. de resistencia xeral, carreira de 1.000 metros lisos, apartado A.1.4. das probas físicas.

Décimo terceira. Relación de aprobados.

Rematado o proceso selectivo, o Tribunal proporá ao órgano convocante e fará pública a relación de aprobados, por orde decrecente de puntuación, cuxo número máximo deberá coincidir co de prazas convocadas.

O Tribunal elaborará, tamén por orde decrecente de puntuación, unha lista de reserva, cun número de aspirantes que será como máximo igual ao de aprobados, en que figurarán aquelas persoas aspirantes que, aínda que superen o proceso selectivo, non resulten aprobados por obter unha puntuación de ordinal inferior ao número de prazas convocadas.

No caso de renuncia, falecemento, falta de xustificación dos requisitos para o nomeamento, incapacidade absoluta sobrevida, ou outros supostos en que o aspirante aprobado non chegue a tomar posesión e, sempre con aterioridade ao desenvolvemento do curso correspondente, o órgano convocante, ao abeiro do disposto no artigo 61.8 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, deberá substituílo polo seguinte na orde de puntuación da lista complementaria de reserva, segundo a orde de puntuación acadada.

Décimo cuarta. Presentación de documentos.

A persoa aspirante proposta presentará na Secretaría Xeral do Concello, no prazo de 10 días naturais (contado a partir da publicación do resultado da selección), os documentos que acrediten que cumpren todos e cada un dos requisitos esixidos na Base 3ª desta convocatoria, no caso de quen non foran xa presentados xunto coa solicitude para tomar parte neste proceso selectivo.

Se a persoa aspirante proposta tivera a condición de funcionario/a público/a ou de traballador/a laboral fixo/a ao servizo de calquera das Administracións Públicas, estará exento/a de xustificar documentalmente as condicións ou requisitos xa demostrados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo neste caso presentar certificado do Organismo do que dependa, acreditando a súa condición e cantas circunstancias consten na súa folla de servizos.

Se dentro do prazo indicado, salvo casos de forza maior, o aspirante proposto non presentara a súa documentación ou non acreditara reunir os requisitos esixidos, non se poderá proceder ao seu nomeamento, quedando anuladas todas as actuacións, sen prexuízo das responsabilidades en que puideran ter incorrido por falsidade na instancia o una documentación presentada para tomar parte neste proceso selectivo.

Décimo quinta. Nomeamento de funcionario/a en prácticas.

A persoa aspirante que supere a fase de oposición e, en cumprimento dos demais requisitos esixidos, será nomeado/a funcionario/a en prácticas e percibirá, con cargo á Corporación, as retribucións correspondentes.

Así mesmo, para poder ser nomeado/a policía e, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de Coordinación das Policías Locais e o artigo 16 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a citada lei, será requisito indispensable para acceder á condición de persoal funcionario de carreira na categoría correspondente, a superación dun curso selectivo de formación teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Só estarán dispensadas de realizar o devandito curso aquelas persoas que xa o superasen con anterioridade na Academia Galega de Seguridade Pública.

No caso da non incorporación ao curso ou de abandono deste sen rematalo, salvo por causas excepcionais, considerarase que o aspirante non superou o proceso selectivo.

O alumnado que non supere o curso teórico-práctico na Academia, incluídas as probas de carácter extraordinario, perderá todos os dereitos acanzados no proceso selectivo.

Durante o período de prácticas o/a alumno/a non poderán desfrutar vacacións ou permisos, salvo os que lle corresponda polas libranzas do servizo que estea desenvolvendo. Os días de vacacións que corresponden tanto ao curso teórico como ao período de prácticas, desfrutaranse ao remate de ámbolos dous, aínda no caso de que este feito se producise no seguinte ano do comezo do curso.

Décimo sexta. Nomeamento de funcionario/a de carreira.

Unha vez superadas as probas selectivas, o curso de formación e o período de prácticas, a persoa aspirante será nomeada funcionario/a de carreira, nomeamento que será publicado no boletín e diario oficial correspondente.

A toma de posesión como funcionario/a de carreira terá lugar dentro do prazo dun mes a partires da publicación do nomeamento.

Previamente á toma de posesión e, de conformidade co disposto no artigo 60 d) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do Emprego Público de Galicia, o/a aspirante nomeado deberá cumprir co requisito de acto de acatamento da Constitución, do Estatuto de Autonomía de Galicia e do resto do ordenamento xurídico, así como de compromiso de exercer con imparcialidade as súas función.

O/a funcionario/a estará obrigado/a a prestar a súa xornada de traballo na medida e forma requiridas polo interese e necesidades do servizo, con horario de mañá, tarde, noite ou fraccionado a xornada se fora preciso, de acordo coa lexislación de aplicación.

Décimo sétima. Normas finais.

Para todo o non previsto nestas Bases, ou naquilo que as contradigan, será de aplicación supletoria o establecido no Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba a Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, Lei 7/85, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, Lei 2/2015, do 29 de abril, do Emprego Público de Galicia, Lei 4/2007, do 20 de abril, de Coordinación de Policías Locais, Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007 do 20 de abril de Coordinación de Policías Locais, Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, Lei 40/2015, de 1 de outubro, do Réxime Xurídico do Sector Público e demais lexislación vixente que sexa de aplicación.

Todos os actos administrativos derivados desta convocatoria, así como da actuación do Tribunal, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e forma establecidos na Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e normas vixentes concordantes.

A presentación de reclamacións non suspenderá a prosecución do proceso selectivo, salvo que así o decida o órgano convocante do mesmo.

Contra as presentes Bases e a Resolución que as aproba, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso Administrativo de Ferrol, no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.

Con carácter potestativo e previo poderán interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano que adoptou o acordo de aprobación, no prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo até que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto. Neste último suposto, o prazo para a interposición do recurso contencioso-administrativo será de seis meses contado desde o día seguinte a aquel no que se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Cabanas, 27 de abril de 2017.

O Alcalde,

Asdo. Germán Castrillón Permuy

ANEXO I

MODELO DE SOLICITUDE

Don/Dona ……………………………………………………, con DNI número ……………………… e domicilio a efectos de notificación en ………………………………………………………………………………………………………. con número de teléfono………………………………………………… e dirección de correo electrónico……………………………………………

EXPÓN:

Enterado/a da convocatoria para a provisión dunha praza de Policía Local do Concello de Cabanas, funcionario/a de carreira, segundo a Oferta de Emprego Público para o ano 2016 e, considerando que se reúnen todos e cada un dos requisitos establecidos na Base 3ª da convocatoria.

SOLICITA:

A súa admisión ás probas de referencia, para o que acompaña a documentación prevista na Base 5ª da convocatoria, declarando coñecer as Bases que rexen a presente convocatoria, polo que se compromete ao seu cumprimento.

Cabanas, ………...............………de ……...………… de 2017.

Asdo:

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE CABANAS

Cláusula xeral: De acordo co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, informámolo/a de que os datos persoais facilitados se incorporan e manteñen nun ficheiro titularidade do Concello, coa finalidade de poder atender a súa solicitude. Os devanditos datos serán tratados de xeito confidencial, podendo ser cedidos só nos casos previstos na Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal. Comunicámoslle que pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, na medida en que a lei o permita, dos seus datos, comunicándollo por escrito ó Concello, achegando copia de documento que acredite a súa identidade.

ANEXO II

TEMARIO

Tema 1.- O Estado. Concepto. Elementos. A división de poderes. Funcións. Organización do Estado español. Antecedentes constitucionais en España. A Constitución española de 1978. Estrutura e contido. A reforma da Constitución Española. O Estado español como Estado social e democrático de dereito. Dereitos e deberes constitucionais; clasificación e diferenciación.

Tema 2.- Dereitos fundamentais e liberdades públicas I: Dereito á vida e integridade. Liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto. Dereito á liberdade e seguridade. Dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. A inviolabilidade do domicilio e o segredo das comunicacións. A liberdade de residencia e de circulación. O dereito á liberdade de expresión recoñecido no artigo 20 da Constitución.

Tema 3.- Dereitos fundamentais e liberdades públicas II: Dereito de reunión. Dereito de asociación. Dereito á participación nos asuntos públicos e ao acceso a funcións e cargos públicos. A tutela xudicial efectiva e a prohibición de indefensión. A imposición de condena ou sanción do artigo 25 da Constitución, sentido das penas e medidas de seguridade. Prohibición de tribunais de honra. O dereito á educación e a liberdade de ensino. Dereito á sindicación e á folga, especial referencia aos membros das Forzas e Corpos de Seguridade. Dereito de petición.

Tema 4.- Dereitos e deberes dos cidadáns. Os principios reitores da política social e económica. As garantías dos dereitos e liberdades. Suspensión xeral e individual destes. O Defensor do pobo.

Tema 5.- A Coroa. As Cortes Xerais. Estrutura e competencias. Procedemento de elaboración das leis. Formas de Goberno. O Goberno e a Administración. Relacións do Goberno coas Cortes Xerais. Funcións do Goberno.

Tema 6.- O poder xudicial. Principios constitucionais. Estrutura e organización do sistema xudicial español. O Tribunal Constitucional.

Tema 7.- Organización territorial do Estado. As Comunidades Autónomas. O Estatuto de Autonomía de Galicia. Estrutura e disposicións xerais. Institucións: Parlamento. Presidente e Consello de Goberno. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Valedor do Pobo.

Tema 8.- Relacións da Xunta de Galicia coa Administración do Estado e con outras Comunidades Autónomas. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. A reforma do estatuto de Autonomía de Galicia.

Tema 9.- O dereito administrativo. Fontes e xerarquía das normas.

Tema 10.- O acto administrativo. Concepto. Elementos. Clases. A validez dos actos administrativos; nulidade e anulabilidade. Notificación dos actos administrativos. Cómputo de prazos. Recursos administrativos. Alzada e reposición; o recurso extraordinario de revisión.

Tema 11.- O procedemento administrativo. Concepto e principios xerais. Clases. Os interesados. A estrutura do procedemento administrativo.

Tema 12.- O réxime local español. Principios constitucionais e regulación xurídica. Tipos de entidades locais.

Tema 13.- O municipio. Concepto e elementos. Competencias municipais. A provincia: concepto, elementos e competencias. A organización e funcionamento do municipio. O Pleno. O Alcalde. A Xunta de Goberno Local. Outros órganos municipais.

Tema 14.- Ordenanzas, regulamentos e bandos. Clases e procedemento de elaboración e aprobación.

Tema 15.- A licenza municipal. Tipos. Actividades sometidas a licenza. Tramitación.

Tema 16.- Función pública local. A súa organización. Adquisición e perda da condición de funcionario. Dereitos, deberes e incompatibilidades dos funcionarios. Situacións administrativas.

Tema 17.- A Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade. Funcións da Policía Local.

Tema 18.- Lei de Coordinación das Policías Locais de Galicia e normas de desenvolvemento. Réxime disciplinario: disposicións xerais e faltas disciplinarias.

Tema 19.- A actividade da policía local como policía administrativa I: Consumo. Abastos. Mercados. Venda ambulante. Espectáculos e establecementos públicos.

Tema 20.- A actividade da Policía Local como policía administrativa II: Urbanismo. Infraccións e sancións. A protección ambiental: prevención e calidade ambiental, residuos e disciplina ambiental.

Tema 21.- A Lei de Emerxencias de Galicia; aspectos fundamentais.

Tema 22.- Dereitos e faltas. Circunstancias modificativas da responsabilidade criminal. Persoas responsables: autoras e cómplices. Graos de perfección do delito.

Tema 23.- Delitos cometidos con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas garantidos pola Constitución. Delitos cometidos polos funcionarios públicos contra as garantías constitucionais.

Tema 24.- Delitos contra a Administración Pública. Atentados contra a autoridade e os seus axentes. Desordes públicas.

Tema 25.- Homicidio e as súas formas. Faltas contra as persoas. Delitos e faltas contra o patrimonio e a orde socioeconómica.

Tema 26.- Delitos contra a seguridade viaria. Faltas cometidas con ocasión da circulación de vehículos de motor. Lesións e danos imprudentes.

Tema 27.- O atestado policial na Lei de enxuizamento criminal. Concepto e estrutura.

Tema 28.- Detención: concepto, clases e supostos. Prazos de detención. Obrigas do funcionario que efectúa unha detención. Contido da asistencia letrada. Dereito do detido. Responsabilidades penais nas que pode incorrer o funcionario que efectúa unha detención. O procedemento de habeas corpus.

Tema 29.- Lei de seguridade viaria. Regulamento de desenvolvemento. Estrutura e conceptos xerais.

Tema 30.- Normas xerais de circulación: lugar na vía, velocidade, prioridade de paso, cambios de dirección e sentido. Adiantamentos. Parada e estacionamento. Vehículos e transportes especiais. Cinto e casco de seguridade.

Tema 31.- Circulación por zonas peonís. Comportamento en caso de emerxencia. Sinais de circulación. Clasificación e orden de prioridade.

Tema 32.- Procedemento sancionador por infraccións á normativa de circulación. Actuacións complementarias. Inmobilización e retirada de vehículos da vía pública. Carencia do seguro obrigatorio.

Tema 33.- Accidentes de circulación: definición, tipos e actuacións da policía local. Alcoholemia. Datos. A súa consideración segundo a normativa vixente. Procedemento de indagación do grao de impregnación alcohólica.

Tema 34.- Estrutura económica e social de Galicia: demografía, economía, servizos públicos, sociedade civil, novas tecnoloxías, patrimonio ecolóxico, social e cultural.

Tema 35.- Vida en sociedade. Proceso de socialización. Formación de grupos sociais e masas. Procesos de exclusión e inclusión social. A delincuencia: tipoloxías e modelos explicativos.

Tema 36.- Comunicación: elementos, redes, fluxos, obstáculos. Comunicación con superiores e compañeiros. Equipos de traballo e atención á cidadanía.

Tema 37.- Minorías étnicas e culturais. Racismo e xenofobia. Actitude policial ante a sociedade intercultural.

Tema 38.- Igualdade de oportunidades de homes e mulleres en Galicia: conceptos básicos; socialización e igualdade; políticas públicas de igualdade de xénero. Violencia contra as mulleres: descrición, plans de erradicación e atención coordinada ás vítimas.

Tema 39.- A Policía na sociedade democrática. O mandato constitucional. Valores que propugna a sociedade democrática. A dignidade da persoa. Sentido ético da prevención e a represión.

Tema 40.- Deontoloxía policial. Normas que a establecen. A policía como servizo público.

ANEXO III

PROBAS FÍSICAS

A.1- Comprobación da estatura e probas físicas.

Comprobación da estatura.

Antes de comezar as probas físicas efectuarase o control da estatura das persoas aspirantes, quedando eliminadas as que non acaden a estatura mínima de 1,65 metros para os homes e 1,60 metros para as mulleres.

Probas físicas

As probas de aptitude física Terán a cualificación de “APTO/NON APTO” OU “APTA/NON APTA”. Para obter a cualificación de “apto/a” é necesario non superar as marcas establecidas como máximas para as probas A.1.1, A.1.4. e A.1.5, e alcanzar ou superar os mínimos das probas A.1.2. e A.1.3. Os exercicios realizaranse pola orde en que están relacionados e cada un é eliminatorio para realizar o seguinte.

Establécense diferentes marcas para cada sexo. As probas realizaranse de forma individual, agás a de velocidade, resistencia xeral e natación, que poderán facerse de forma colectiva se así o considera o tribunal cualificador. Nas probas de resistencia xeral e natación, disponse dunha soa posibilidade de execución; no resto permitirase unha segunda realización cando na primeira proba non se obteña a cualificación de “apto/a”.

O desenvolvemento de cada unha das probas físicas deberá realizarse en lugares axeitados ao tipo de proba a executar. En todas as probas deberase empregar un sistema de medición que garanta a exactitude e certeza das marcas individuais obtidas por cada opositor/a.

A.1.1. Proba de velocidade: carreira de 50 metros lisos.

Realizarase nunha pista de atletismo ou calquera zona totalmente chaira de terreo compacto.

A persoa aspirante colocarase na pista no lugar sinalado, podendo realizar a saída de pé ou agachado, sen utilizar tacos da saída.

As marcas máximas (en segundos) esixidas para a superación da proba son:

Categoría

Tempos

Homes

7,40 seg.

Mulleres

8,20 seg.

A.1.2. Proba de potencia de tren superior: os homes realizarán flexións de brazos e as mulleres suspensión en barra.

A.1.2.1. Flexións de brazos.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes.

Iniciarase dende a posición de suspensión pura, agarrando a barra coas palmas das mans núas, á fronte, e cos brazos totalmente estendidos.

A flexión completa realizarase de maneira que o queixo asome por enriba da barra. Antes de iniciar outra nova flexión será necesario estender totalmente os brazos. Non se permite o balanceo do corpo ou a axuda con movementos das pernas.

Contaranse soamente as flexións completas e realizadas correctamente. O número mínimo de flexións é de 10.

A.1.2.2. Suspensión en barra.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes.

O exercicio consiste en quedar, o maior tempo posible, na posición que se describa: brazos flexionados, collendo a barra coas palmas da man cara atrás, pernas completamente estendidas e sen tocar o chan, queixo situado por enriba da barra e sen ter contacto con ela.

O tempo mínimo esixido para a superación da proba é de 52 segundos.

A.1.3. Proba de potencia de tren inferior: salto horizontal.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes, con chan horizontal e coa superficie adecuada para efectuar a medición das marcas.

A persoa aspirante colocarase de pé detrás dunha liña sen pisala, cos pes separados, paralelos entre si e á mesma altura.

Realizará un salto horizontal caendo cos dous pes ao chan. Mediranse a distancia entre a liña de saída ata a marca do apoio de caída máis próximo á liña.

As marcas mínimas esixidas (en centímetros) para a superación da proba son:

Categoría

Marcas

Homes

210 cm

Mulleres

185 cm

A.1.4. Proba de resistencia xeral: carreira de 1.000 metros lisos.

Realizarase nunha pista de atletismo ou en calquera zona totalmente chá de terreo compacto.

A persoa aspirante colocarase na pista no lugar indicado. A saída realizarase en pé.

Será eliminada a persoa corredora que abandone a pista durante a carreira.

As marcas máximas (en minutos e segundos) esixidas para a superación da proba son:

Categoría

Marcas

Homes

3 minutos e 30 segundos

Mulleres

4 minutos e 10 segundos

A.1.5. Proba de natación.

Realizarase nunha piscina que permita efectuar o percorrido sen facer viaxes.

A persoa aspirante poderá colocarse para a saída, ben sobre a plataforma, ben no bordo da piscina, ou no interior do vaso, debendo permanecer neste último caso en contacto co bordo da saída.

Unha vez que se dea o sinal de saída, as persoas aspirantes, ben en mergullo ou por impulsión sobre a parede, segundo a situación de partida adoptada, iniciarán a proba empregando calquera estilo para a súa progresión.

As marcas máximas (en segundos) para a superación da proba son:

Categoría

Marcas

Homes

24 segundos

Mulleres

28 segundos

2017/3514

©2009 Deputación da Coruña