Xoves, 27 de decembro de 2018 · Jueves, 27 de diciembre de 2018 · Número 246
O contido mostrado a continuación é unha versión do BOP oficial, auténtico e asinado electrónicamente en PDF

ATENCIÓN: Esta páxina é unha tradución automática Traducción automática
Gallego - Castellano
2018_0000009654

Administración Local

Municipal

Cambre

Aprobación definitiva da modificación da ordenanza fiscal núm. 1 reguladora do imposto sobre bens inmobles

O Concello de Cambre en sesión ordinaria do Pleno de 25 de outubro de 2018 aprobou provisionalmente a modificación dos artigos 2 e 4.B da ordenanza fiscal nº 1 reguladora do imposto sobre bens inmobles.

Durante o período de exposición ao público non se formularon reclamacións, elevándose a definitivos os acordos provisionais adoptados relativos á modificación da ordenanza fiscal, de conformidade co establecido no artigo 17.3 do Real Decreto Legislativo 2/2004 de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, polo que entrará en vigor a partir do día seguinte á publicación do anuncio da súa aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia, e permanecerá vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa.

De conformidade co artigo 19 do Real Decreto Legislativo 2/2004 de 5 de marzo, contra ditos acordos poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da publicación destes acordos no Boletín oficial da provincia, sen prexuizo de calquera outro recurso que os interesados estimen procedente.

As ordenanzas fiscais vixentes na actualidade non sinaladas nos acordos precedentes continuarán vixentes ata que non se acorde a súa modificación ou derrogación.

O texto íntegro da ordenanza fiscal modificada é o seguinte:

« ORDENANZA FISCAL Nº 1

ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE BENS INMOBLES

Artigo 1º.

O imposto sobre bens inmobles esixirase neste Concello de conformidade co disposto nos artigos 60 a 77 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, aplicándose sobre ditas disposicións os elementos determinantes da cota tributaria que se regulan nos artigos seguintes da presente Ordenanza fiscal.

Artigo 2º. - Tipos de gravame.

1. O tipo de gravame xeral aplicable aos bens inmobles urbanos queda fixado no 0,50 por cento.

2. O tipo de gravame aplicable aos bens inmobles de carácter rústico queda fixado no 0,50 por cento.

3. O tipo de gravame aplicable aos bens inmobles de características especiais queda fixado no 1,3 por cento.

4. Aplicarase un tipo de gravame diferenciado aos bens inmobles urbanos de uso non residencial de maior valor catastral, co límite máximo do 10% dos inmobles de cada uso, como se recolle no arrtigo 72.4 do RDL 2/2004, de 5 de decembro.

1. Tipo de gravame aplicable aos bens inmobles urbanos de uso “industrial”: 0,70%

Umbral de valor catastral: 341.160,00 euros

2. Tipo de gravame aplicable aos bens inmobles urbanos de uso “comercial”: 0,70%

Umbral de valor catastral: 112.610,00 euros

3. Tipo de gravame aplicable aos bens inmobles urbanos de uso “oficinas”: 0,70%

Umbral de valor catastral: 222.300,00 euros

4. Tipo de gravame aplicable aos bens inmobles urbanos de uso “obras de urbanización e xardinería, solos sen edificar”: 0,90%

Umbral de valor catastral: 25.090,00 euros

5. Tipo de gravame aplicable aos bens inmobles urbanos de uso “sanidade”: 0,70%

Umbral de valor catastral: 627.750,00 euros

6. Tipo de gravame aplicable aos bens inmobles urbanos de uso “almacén”: 0,70%

Umbral de valor catastral: 83.490,00 euros

7. Tipo de gravame aplicable aos bens inmobles urbanos de uso “ocio-hostelería”: 0,70%

Umbral de valor catastral: 526.900,00 euros

Artigo 3º. - Exención por criterios de eficiencia e economía.

Ao abeiro do disposto no artigo 62.4 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, establécese unha exención a favor dos bens inmobles urbanos e rústicos nos que a cota tributaria líquida non exceda de tres euros.

Artigo 4º. – Bonificacións

A.- Terán dereito a unha bonificación do 50 por cento sobre a cota íntegra do imposto, sempre que así se solicite polos interesados antes do inicio das obras, os inmobles que constitúan o obxecto da actividade de empresas de urbanización, construcción e promoción inmobiliaria tanto de obra nova como de rehabilitación equiparable a esta e non figuren entre os bens do seu inmobilizado.

1. O prazo de aplicación desta bonificación abarcará desde o período impositivo seguinte ao correspondente ao inicio das obras e ata o posterior ao remate das mesmas, sempre que durante ese tempo se realicen obras de urbanización ou construción efectiva, sen que, en ningún caso, a bonificación poida aplicarse a máis de tres períodos impositivos.

2. Para o disfrute desta bonificación, os interesados deberán presentar escrito dirixido ao Sr. Presidente da Deputación Provincial de A Coruña durante o ano correspondente ao inicio das obras, debendo achegar a seguinte documentación:

a) Copia do recibo do Imposto sobre bens inmobles, correspondente ao inmoble ao que se refire a solicitude de exención. No caso de que non se dispoña do mesmo, certificación expedida pola Xerencia territorial do Catastro de A Coruña-Provincia, no que se faga constar a referencia catastral do referido inmoble.

b) Certificado da concesión da preceptiva licencia municipal que autorice a realización das obras.

c) Certificación do Técnico-Director das obras de construción, visado polo Colexio Oficial competente, no que se indique a data de inicio das obras.

d) Documentación que acredite que o inmoble para o que se solicita a bonificación non figura entre os bens do inmobilizado da empresa: cédula de calificación provisional, no caso de vivendas de protección oficial, fotocopia do derradeiro balance de situación presentado ante Facenda ou certificación do censor xurado de contas, no que se faga constar tal circunstancia.

e) Documentación pola que se acredite que os inmobles aos que afectan as obras constitúen o obxecto da empresa de urbanización, construción ou promoción inmobiliaria: fotocopia dos Estatutos sociais ou fotocopia da declaración de alta no Imposto sobre Actividades Económicas.

3. Á vista da documentación presentada, a Deputación Provincial dictará resolución concedendo ou denegando a bonificación solicitada. A bonificación concedida só surtirá efectos para o período impositivo seguinte ao inicio das obras, debendo solicitarse expresamente a súa prórroga para os dous períodos impositivos seguintes, achegando a documentación que acredite que se seguen a cumprir os requisitos establecidos anteriormente. En calquera caso, a presentación da solicitude fóra do prazo establecido no apartado 2, dará lugar a inadmisión da mesma e a conseguinte denegación da bonificación.

B.- Terán dereito a unha bonificación de entre o 50 e o 90 por cento na cota íntegra do imposto, aqueles suxeitos pasivos que ostenten a condición de titulares de familia numerosa, de acordo coas seguintes categorías:

· Bonificación do 50 por cento para aqueles suxeitos pasivos titulares da condición de familia numerosa xeral.

· Bonificación do 90 por cento para aqueles suxeitos pasivos titulares da condición de familia numerosa especial.

Esta bonificación concederase a petición do interesado, exclusivamente para a súa vivenda habitual, e sempre que a renda neta da unidade familiar non supere a cantidade resultante de multiplicar o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), polo número de membros da familia numerosa. Os ingresos acreditados dun exercicio compararanse co IPREM do mesmo exercicio que ditos ingresos. O número de fillos acreditarase mediante a presentación do carné de familia numerosa.

Para o disfrute desta bonificación en cada exercicio, os interesados deberán presentar escrito dirixido ao Sr. Presidente da Deputación Provincial de A Coruña do 1 de xaneiro ao 31 de marzo do ano correspondente, debendo achegar a seguinte documentación:

· Acreditación de categoría de familia numerosa, por medio do título oficial.

· Xustificante de empadroamento do titular da familia numerosa, referido a 31 de decembro do ano inmediatamente anterior, no que consten os membros da unidade familiar e todos os membros da familia numerosa, que conviven con él no inmoble para o que se solicita a bonificación.

· Xustificación documental dos ingresos da unidade familiar: copia compulsada da última declaración da renda dos membros da unidade familiar, xustificante de pensións, prestacións sociais, e demais ingresos polos que non estén obrigados a declarar.

Á vista da documentación presentada, a Deputación provincial ditará resolución concedendo ou denegando a bonificación solicitada. A bonificación concedida só surtirá efectos para o período impositivo no que se insta a súa concesión, debendo solicitarse de novo nos seguintes períodos impositivos, aportando a documentación que acredite que se seguen a cumprir os requisitos para o seu disfrute. En calquera caso, a presentación da solicitude fóra do prazo establecido dará lugar a súa inadmisión e a conseguinte denegación da bonificación instada. »

Cambre, 20 de decembro de 2018

O alcalde

Óscar A. García Patiño

2018/9654

©2009 Deputación da Coruña