Mércores, 17 de setembro de 2025 · Miércoles, 17 de septiembre de 2025 · Número 177
O contido mostrado a continuación é unha versión do BOP oficial, auténtico e asinado electrónicamente en PDF

ATENCIÓN: Esta páxina é unha tradución automática Traducción automática
Gallego - Castellano
2025_0000005947

Administración Local

Municipal

Oleiros

Persoal

Convocatoria e bases de selección para cubrir, por persoal laboral fixo, dúas prazas de axente de emerxencias e protección civil

Convocatoria e bases para cubrir -por persoal laboral fixo e quenda libre- dúas prazas de axente de emerxencias e protección civil, aprobada por resolución número 2025004518, do 11 de setembro de 2025.

Esta convocatoria específica constitúe o desenvolvemento das bases da convocatoria unitaria publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña nº 182, do 23 de setembro de 2022, para a provisión de prazas vacantes convocadas por esta Corporación para o ano 2022 e seguintes.

1. Características das prazas e retribucións

Número de prazas: 2

Denominación: Axente de emerxencias e protección civil

Nivel de titulación: Graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente

Retribucións: Asimiladas a funcionario do grupo C2, nivel de complemento de destino 18

Oferta de Emprego Público: Anos 2023 e 2025

2. Requisitos das persoas aspirantes

a) Ter a nacionalidade española ou algunha outra que, de acordo co disposto no artigo 52 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do Emprego Público de Galicia, permita o acceso ao emprego público.

b) Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente.

Así mesmo, estarase ao establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título a efectos profesionais.

c) Estar en posesión dos permisos de conducir das clases B e C.

d) Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das Comunidades Autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoa funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

e) No caso de nacionais doutros estados, non estar inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

f) Ter cumpridos os dezaseis anos e non exceder, de ser o caso, da idade máxima de xubilación forzosa.

g) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

3. Solicitudes

3.1. As solicitudes presentaranse unicamente por vía electrónica a través do rexistro na sede electrónica do Concello de Oleiros Sede electrónica -> Servizos xerais -> Rexistro electrónico -> Inscrición nos procesos de selección de persoal.

3.2. Tamén se poden presentar por vía telemática nas oficinas de Correos, mediante ORVE ao código dixital de destino “L01150584”.

3.3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica do Concello de Oleiros.

3.4. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.5. As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, no apartado «Idioma do exame», se o texto da proba de coñecementos se deberá entregar en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción. No caso de non indicarse ningunha das opcións entregarase a versión en lingua galega.

3.6. A participación neste proceso de selección é voluntaria, e implica que se presta consentimento para realizar as probas e os exercicios psicotécnicos, de existir, aceptando que o resultado desas probas sexa empregado como factor de valoración, de conformidade co previsto nestas bases.

4. Dereitos de exame

4.1. As taxas por dereitos de exame fíxanse nun importe de catorce euros e sesenta e seis céntimos de euro (14,66.€), de acordo coa ordenanza fiscal reguladora en vigor.

4.2. A carta de pagamento obterase seguindo o procedemento que aparece na sede electrónica do Concello de Oleiros Sede electrónica -> Autoliquidacións -> Expedicións de documentos – dereitos de exame.

Este procedemento permite realizar o pagamento na mesma sede de xeito electrónico ou imprimir o documento e pagalo nunha das entidades colaboradoras reflectidas no mesmo impreso. Neste último caso é necesario achegar, ademais da carta de pagamento, o correspondente xustificante de abono.

4.3. A non presentación deste impreso de autoliquidación co formulario de solicitude no proceso selectivo, determinará a exclusión provisional no dito proceso da persoa aspirante, sendo posible a súa emenda dentro do prazo conferido para o efecto.

4.4. A presentación do xustificante do aboamento das taxas non suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso selectivo.

4.5. De acordo coa ordenanza fiscal en vigor, gozarán dunha bonificación dun 25% do importe aqueles suxeitos pasivos que formen parte de unidades familiares ás que se lle recoñecese o título de familia numerosa de carácter xeral.

4.6. Así mesmo gozarán dunha bonificación dun 50%, aqueles suxeitos pasivos que formen parte de unidades familiares ás que se lle recoñecese o título de familia numerosa de carácter especial.

4.7. Considéranse familias numerosas de categoría xeneral e especial as reguladas polo artigo 4 da Lei 40/2003, de 18 de novembro, de Protección ás Familias Numerosas, ás que se recoñecese tal condición, conforme se establece polo artigo 5 da citada Lei.

4.8. Có fin de acreditar a condición de membro de familia numerosa, os suxeitos pasivos aos que corresponda a aplicación da bonificación, axuntarán ao impreso de pago das Taxas, o título oficial de familia numerosa.

5. Documentación a presentar

5.1. Documentación:

a) O DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) O DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.

c) A instancia normalizada, que figura na sede electrónica do Concello de Oleiros Sede electrónica -> Servizos xerais -> Rexistro electrónico -> Inscrición nos procesos de selección de persoal. Tamén poderase atopar na páxina web municipal Portada » Temas » Recursos Humanos » Procesos selectivos.

d) O título e permisos aos que se refiren as bases 2 b) e 2 c).

e) O certificado Celga 3 ou equivalente, no seu caso.

f) Unha relación circunstanciada dos méritos que se aleguen para avaliar na fase de concurso, unindo á dita relación os documentos xustificativos destes, xa que non se tomarán en consideración nin se avaliarán aqueles que non queden debidamente acreditados en todos os seus estremos, no momento da presentación da instancia e dentro do prazo establecido. O modelo de relación poderase atopar na páxina web municipal (Portada » Temas » Recursos Humanos » Procesos selectivos)

g) O xustificante do abono da taxa por dereitos de exame emitido pola sede en caso de pagamento electrónico, ou o impreso de autoliquidación da taxa coa xustificación do pagamento realizado nalgunha das entidades colaboradoras.

h) No caso de bonificación, a copia do título de familia numerosa.

5.2. Esta documentación presentarase unicamente por vía electrónica a través do rexistro na sede electrónica do Concello de Oleiros Sede electrónica -> Servizos xerais -> Rexistro electrónico -> Inscrición nos procesos de selección de persoal. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5.3. Tamén se poden presentar por vía telemática nas oficinas de Correos, mediante ORVE ao código dixital de destino “L01150584”.

5.4. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente nesta Administración. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

5.5. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5.6. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

5.7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5.8. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximo establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica do Concello de Oleiros, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica do Concello de Oleiros.

6. Sistema selectivo.

6.1. O sistema de selección será o de concurso-oposición por quenda libre.

6.2. A oposición consistirá na realización dos exercicios que se enumeran nestas bases, coa forma e sistema de cualificación nelas descritos.

6.3. O concurso consistirá na valoración dos méritos alegados polas persoas aspirantes, sempre que superen a fase de oposición.

7. Desenvolvemento dos exercicios.

7.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase pola letra que resulte do sorteo ao que se refire o Regulamento de selección do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia, vixente no momento da realización do exercicio que implique chamamento público.

7.2. O tribunal, unha vez rematado cada exercicio, establecerá por orde decrecente de puntuación o número de aspirantes que deberán desenvolver o resto das probas, por quendas consecutivas, de resultar necesario.

7.3. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas do DNI ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

7.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

7.5. As persoas aspirantes deberán acudir ás probas nas horas e datas dos respectivos chamamentos, sen posibilidade de aprazamento calquera que fose a causa que lles impida acudir, agás que a escusa sexa posible por ter amparo nun precepto legal así como o suposto que se describe a continuación

7.6. As mulleres embarazadas que prevexan que polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación e previsión de parto, ou, eventualmente, os primeiros días despois do parto, a súa coincidencia coas datas de realización de calquera dos exames ou probas previstos no proceso selectivo poderán poñelo en coñecemento do tribunal, achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse con tempo abondo e o tribunal determinará, con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo ou ben un aprazamento da proba, ou ben ambas as dúas medidas conxuntamente.

7.7. En ningún caso as probas de recoñecemento médico, de existir, estimarán como circunstancias negativas para os efectos do proceso selectivo calquera que fose derivada da situación de embarazo e lactación. Ante a solicitude da muller que acredite atoparse nestas circunstancias, os tribunais poderán determinar que estas probas se realicen en calquera outra fase ou momento do proceso selectivo. Tamén o tribunal poderá sinalar razoadamente de oficio, oída a afectada, unha data apropiada segundo as condicións da muller que se atope nestas circunstancias, achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse con tempo abondo e o tribunal determinará con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo ou ben un aprazamento da proba, ou ben ambas as dúas medidas conxuntamente.

7.8. Durante o tempo fixado para a realización das probas selectivas non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria, quedando prohibido o acceso ao recinto con tales dispositivos, constituíndo causa de inadmisión ao chamamento a simple tenza deles.

7.9. Os anuncios de realización dos exercicios publicaranse no taboleiro de anuncios da sede electrónica e na páxina web do Concello Portada » Temas » Recursos Humanos » Procesos selectivos con dous días de antelación, polo menos, a data sinalada para o seu inicio.

7.10.Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas interesadas poden presentar, anulase algunha ou algunhas preguntas incluídas na proba de coñecementos, anunciarao do mesmo xeito que o previsto no parágrafo anterior.

7.11.Neste suposto, e no caso que se ter realizado, serán tidas en conta as cuestións de reserva, que terán unha puntuación igual ás do resto de exercicio.

7.12.As cualificacións obtidas polas persoas aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no taboleiro de anuncios da sede electrónica e na páxina web Portada » Temas » Recursos Humanos » Procesos selectivos do Concello.

7.13.Concederase un prazo de dous días para os efectos de alegacións ás preguntas contidas no correspondente exercicio con carácter previo á súa corrección.

7.14.En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos esixidos nesta convocatoria, logo de audiencia do/a interesado/a, comunicarao ao Concello para que este lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

7.15.No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, suporá a súa exclusión do proceso selectivo.

8. Listaxes de agarda.

8.1. As persoas que superasen un ou varios exercicios e que non obtivesen praza pasarán a integrar unha listaxe de reserva para posibles contratos de natureza temporal, de acordo co establecido no punto 15 das bases xerais (BOP da Coruña nº 182, do 23 de setembro de 2022).

PROCESO SELECTIVO

FASE DE OPOSICIÓN. Puntuación máxima de 80 puntos:

Consistirá na realización das seguintes probas de carácter obrigatorio e eliminatorio, agás a proba de coñecemento de lingua galega, que unicamente terán que realizala as persoas aspirantes que no presenten a certificación esixida, e a proba final, que será obrigatoria pero non eliminatoria:

9. Probas físicas

9.1. No momento do chamamento para a realización da primeira proba física, as persoas aspirantes entregarán ao tribunal un certificado médico oficial –documento orixinal en formato papel- no que se faga constar expresamente que a persoa aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias para a realización dos exercicios físicos que se especifiquen na correspondente proba da oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicta no certificado médico.

9.2. Este certificado médico deberá ser expedido dentro dos 15 días inmediatamente anteriores á data de realización da primeira proba de aptitude física.

9.3. O desenvolvemento de cada unha das probas físicas deberá realizarse en lugares axeitados ao tipo de proba que se vai a executar.

9.4. As probas realizaranse de forma individual, agás as de fondo e natación, que poderán facerse de forma colectiva se así o considera o tribunal cualificador.

9.5. As persoas aspirantes deberán presentarse á realización das probas coa roupa e calzado que consideren adecuados.

9.6. Para a proba de natación as persoas aspirantes utilizarán traxe e gorro de baño (do modelo que desexen e que achegarán elas mesmas). Queda prohibida a utilización de traxes de neopreno ou similares e axudas para a flotabilidade e / ou incremento da velocidade de calquera tipo.

9.7. As probas físicas realizaranse nunha ou mais xornadas a criterio do tribunal.

9.8. Os exercicios a realizar descríbense a continuación, e realizaranse na orde na que se relacionan:

a) Levantamento de peso en press de banca. Puntuación máxima de 5 puntos.

Realizarase no ximnasio das instalacións do SMEPC ou en calquera outro ximnasio.

Na posición de decúbito supino sobre un banco, partindo da posición con brazos en extensión e abertos, agarrando a barra como máximo a anchura dos ombreiros, a persoa aspirante deberá levantar un peso de 40 Kg (con índice de desviación de +/- 1 Kg en orde a ter en conta o peso da propia barra) con flexión e extensión total de brazos en cada repetición, para o que as extensións deberan ser na súa máxima amplitude, e na flexión, a barra deberá de tocar o peito da persoa aspirante.

O tempo de realización será de 60 segundos. O número mínimo de repeticións válidas para superar o exercicio será 20 para os homes e 15 para as mulleres.

Outorgaranse as seguintes puntuacións de acordo co número de repeticións expresadas:

REPETICIÓNS HOMES

REPETICIÓNS MULLERES

PUNTUACIÓN

Menos de 20

Menos de 15

Non apto/a

Entre 20 e 25 repeticións

Entre 15 e 20 repeticións

0

Entre 26 e 30 repeticións

Entre 21 e 25 repeticións

1

Entre 31 e 35 repeticións

Entre 26 e 30 repeticións

2

Entre 36 e 40 repeticións

Entre 31 e 35 repeticións

3

Entre 41 e 45 repeticións

Entre 36 e 40 repeticións

4

Máis de 45 repeticións

Máis de 40 repeticións

5

b) Proba de fondo de 3 000 metros lisos. Puntuación máxima de 5 puntos.

Realizarase nunha pista de atletismo ou calquera zona totalmente chaira de terreo compacto.

Partindo da posición de pé, detrás da liña de saída, deberase percorrer unha distancia de 3 000 metros en pista.

O tempo máximo será de 11 minutos e 30 segundos para os homes e de 12 minutos e 30 segundos para as mulleres.

Outorgaranse as seguintes puntuacións de acordo cos tempos expresados:

TEMPO HOMES

TEMPO MULLERES

PUNTUACIÓN

11’ 31’’ ou máis

12’ 31’’ou máis

Non apto/a

Entre 11’00’’ e 11’30’’

Entre 12’00’’ e 12’30’’

0 puntos

Entre 10’45’’ e 10’59’’

Entre 11’45’’ e 11’59’’

1 punto

Entre 10’30’’ e 10’44’’

Entre 11’30’’ e 11’44’’

2 puntos

Entre 10’15’’ e 10’29’’

Entre 11’15’’ e 11’29’’

3 puntos

Entre 10’00’’ e 10’14’’

Entre 11’00’’ e 11’14’

4 puntos

Menos de 10’00’’

Menos de 11’00’’

5 puntos

c) Proba de natación de 100 metros. Puntuación máxima de 5 puntos.

Realizarase nunha piscina con vaso de 25 metros.

A sinal de saída darase por un membro do tribunal a voz de “preparados, xa”. A posición de partida será de pé, no borde do vaso da piscina. Despois do sinal, entrarase na auga coa técnica aberta sen afundirse (apropiada para lugares de escasa profundidade) mantendo a cabeza fóra da auga. Realizaranse 50 metros de nado CROL coa cabeza fóra da auga. Unha vez percorridos os 50 metros de nado CROL coa cabeza fora da auga, a persoa aspirante debera realizar outros 50 metros de nado libre e nesa distancia recoller 3 obxectos do fondo da piscina (aros). Estes 50 metros de nado libre serán empregados pola persoa aspirante para a busca e recollida dos aros de forma completamente libre. Logo de facer estes 50 metros, ao chegar ao borde do vaso da piscina colocara os obxectos (aros) fóra da auga, no bordo do vaso, no lugar indicado para iso.

Percorrerase una distancia total de 100 metros, nunha piscina con vaso de 25 metros de longo.

Soamente admitirase unha saída falsa, entendendo como tal entrar na auga antes da orde de saída.

O tempo máximo será de 2 minutos e 15 segundos para os homes e de 2 minutos e 25 segundos para as mulleres.

Outorgaranse as seguintes puntuacións de acordo cos tempos expresados- que comezarán a contar desde a posición de partida e ata a colocación dos obxectos no lugar indicado:

TEMPOS HOMES

TEMPOS MULLERES

AVALIACIÓN

2’16’’ ou máis

2’26’’ ou mais

Non apto/a

Entre 02’05’’e 2’15’’

Entre 02’15’’ e 2’25’’

0 puntos

Entre 01’55’’ e 2’04’’

Entre 02’05’’ e 2’14’’

1 puntos

Entre 01’45’’ e 1’54’’

Entre 01’55’’ e 2’04’’

2 puntos

Entre 01’35’’ e 1’44’’

Entre 01’45’’ e 01’54’’

3 puntos

Entre 01’25’’ e 01’34’’

Entre 01’35’’ e 01’44’’

4 puntos

Menos de 01’25’’

Menos de 01’35’’

5 puntos

d) Proba pseudo-táctico terrestre. Puntuación máxima de 5 puntos.

Consistirá en realizar un circuíto, composto por facer trepa de corda, proba de equilibrio, lanzamento de balón medicinal, subida a un banco, pasar por un tubo e exercicio de salvamento.

A proba desenvolverase do seguinte xeito:

A persoa aspirante partirá da posición de pe, coa corda diante dela:

Trepa de corda: A voz de “preparados, xa”, a persoa aspirante partirá da posición que escolla e deberá subir, sen realizar salto, por unha corda ata pasar coas dúas mans unha marca situada a 4 metros de altura. Cando pase por enriba da marca coas dúas mans, a persoa aspirante baixará a corda, sen saltar. Nesta proba non se permite usar os pes nin para o ascenso nin para o descenso, o uso de luvas, nin realizar salto ao inicio nin ao final da proba.

Proba de equilibrio: Unha vez a persoa aspirante baixe da corda, dirixirase cara o lugar onde se atopa o taboleiro de equilibrio. Unha vez situada no extremo do taboleiro de 8 cm de anchura, deberá de camiñar sobre o mesmo unha distancia de 390 cm, ata chegar ao outro extremo do taboleiro. A persoa candidata deberá de tocar cun pe a marca situada ao final do taboleiro para a continuación caer sobre o chan, na zona marcada ao efecto. Será motivo de eliminación cando a persoa aspirante caia do taboleiro dúas veces ou se axude das mans neste.

Lanzamento de balón medicinal: Unha vez rematada a proba de equilibrio, a persoa aspirante dirixirase cara o lugar onde se atopa o balón medicinal de 5 Kg. Unha vez situada diante deste, na posición de pe, na marca destinada ao efecto, que estará situada a aproximadamente 200 cm da parede, cos pes separados a altura dos ombreiros, collerá o balón medicinal suxeitándoo coas dúas mans fronte ao seu peito e lanzará o balón cara adiante co obxecto de que o balón medicinal toque unha parede, por enriba da marca situada ao efecto, que estará aproximadamente a 170 cm de altura. Este lanzamento repetirase 10 veces para homes e 7 veces para mulleres. Unha vez rematado o derradeiro lanzamento, deixarase o balón medicinal na súa posición inicial.

Subida a un banco: Unha vez rematada a proba de lanzamento de balón medicinal, a persoa aspirante dirixirase cara o lugar onde se atopa o banco. Unha vez situada diante deste, na posición de pe, na marca situada ao efecto, fronte ao banco, para a continuación, subir e baixar a este, con ambas pernas de forma alterna durante 15 repeticións, tanto homes como mulleres. O banco terá unha altura aproximada de 18 cm

Pasar por un tubo: Unha vez rematada a proba de subida a un banco, a persoa aspirante dirixirase cara o lugar onde se atopa o tubo, no que se deberá de introducir e avanzar reptando polo seu interior unha lonxitude aproximada de 12 metros e saír polo lado oposto ao de entrada.

Salvamento: Unha vez a persoa aspirante saia do tubo dirixirase cara o lugar onde se atopa o manequín que estará no chan en posición tendido prono. A persoa aspirante collerá o manequín e elevarao situando as costas do manequín na parte anterior do seu torso, abrazando o tronco por debaixo das axilas, deixando os brazos libres. A persoa aspirante transportará o manequín desprazándose de costas ata unha marca situada a aproximadamente 10 metros para os homes e a 7 metros para as mulleres. Unha vez chegada a marca, a persoa aspirante terá que traspasar esa marca de tal forma que pasen os seus dous pes e os talóns do manequín, momento no que xirará para cambiar o sentido da marcha e volverá ata a posición inicial onde colleu o manequín para colocalo na mesma posición que o atopou. O manequín terá un peso aproximado de 50 Kg.

O tempo máximo será de 1 minuto e 45 segundos para os homes e de 1 minuto e 55 segundos para as mulleres.

Outorgaranse as seguintes puntuacións de acordo cos tempos expresados:

TEMPO HOMES

TEMPO MULLERES

PUNTUACIÓN

1’46’’ ou mais

1’56’’ ou mais

Non apto/a

Entre 1’41’’ e 1’45’’

Entre 1’51’’ e 1’55’’

0 puntos

Entre 1’36’’ e 1’40’’

Entre 1’46’’ e 1’50’’

1 punto

Entre 1’31’’ e 1’35’’

Entre 1’41’’ e 1’45’’

2 puntos

Entre 1’26’’ e 1’30’’

Entre 1’36’’ e 1’40’’

3 puntos

Entre 1’21’’ e 1’25’’

Entre 1’31’’ e 1’35’’

4 puntos

Menos de 1’ 21’’

Menos de 1’ 31’’

5 puntos

9.9. As persoas aspirantes disporán dun intento para a realización de cada exercicio e para superalos deberase acadar a marca mínima sinalada para cada un deles. Unicamente pasarán a realizar o seguinte exercicio as persoas aspirantes que superen o anterior, quedando as restantes eliminadas.

10. Proba de coñecementos

10.1.Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 80 preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas cada unha, que serán propostas polo tribunal e deberán amosar o dominio dos contidos do temario que figura como anexo temario a estas bases.

10.2.Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do temario que no momento de publicación no BOP desta convocatoria conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior, esta mesma data terase en conta, igualmente, para todos aqueles datos do temario que se poidan valorar.

10.3.As persoas aspirantes disporán dun tempo máximo de 90 minutos para a súa realización.

10.4.O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que esta proba sexa corrixida sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes e que estes, sempre que sexa posible tecnicamente, poidan levarse unha copia coas respostas efectuadas. O modelo de corrección coas respostas correctas publicarase na páxina web Portada » Temas » Recursos Humanos » Procesos selectivos do Concello.

10.5.O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

10.6.As decisións e os acordos que afecten á cualificación e a valoración da proba (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás cales corresponden os resultados obtidos.

10.7.A proba será cualificada polo tribunal de 0 a 40 puntos, e será preciso acadar 20 puntos, como mínimo, para superala. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal se terá en conta que cada resposta incorrecta descontará un terzo do valor dunha pregunta correcta.

10.8.Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización da proba, sobre os criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nestas bases.

11. Proba práctica.

11.1.Consistirá na realización dunha proba práctica sobre as funcións e traballos a desenvolver no posto de traballo, tendo en conta o temario que figura no anexo as presentes bases (primeiros auxilios, excarceración de vehículos, incendios, manexo vehículos, manexo embarcacións, inundacións, rescate en altura, etc.). A realización destas probas non poderá ser observada polas restantes persoas opositoras.

11.2.As persoas aspirantes disporán de un intento para a realización deste exercicio.

11.3.Cualificarase de 0 a 15 puntos e para superala será necesario obter un mínimo de 7,5 puntos. As cualificacións adoptaranse sumando as puntuacións outorgadas por cada un dos membros do tribunal e dividindo o total polo número de asistentes a aquel, sendo o cociente resultante a cualificación definitiva.

12. Proba de coñecemento da lingua galega.

12.1.Consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego. Os textos serán elixidos polo tribunal inmediatamente antes de celebrarse a proba.

12.2.O exercicio terá unha duración máxima de trinta (30) minutos.

12.3.O exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a e para superalo será necesario obter o resultado de apto/a.

12.4.As persoas aspirantes que estivesen en posesión do Celga 3 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo) estarán exentos da realización desta proba.

13. Proba final.

13.1.Esta proba, no eliminatoria, consistirá en realizar unha entrevista profesional que versará sobre as tarefas a desenvolver no posto de traballo e a súa relación coa experiencia profesional para tal fin.

13.2.Valorarase de 0 a 5 puntos.

FASE DE CONCURSO. Puntuación máxima de 25 puntos:

14. Valoración de méritos.

14.1.Non terá carácter eliminatorio e para a avaliación xuntarase coa solicitude a relación circunstanciada dos méritos que se aleguen no xeito previsto no punto 5.1 f) destas bases.

14.2.A puntuación obtida nesta fase publicarase no taboleiro de anuncios da sede electrónica e na páxina web do Concello Portada » Temas » Recursos Humanos » Procesos selectivos e, en ningún caso, poderase aplicar coa finalidade de superar os exercicios da fase de oposición.

14.3.Valoraranse os seguintes méritos das persoas aspirantes que superasen a fase da oposición:

a) A experiencia profesional. Puntuación máxima de 15 puntos.

– Por cada mes completo de servizos prestados en calquera das administracións públicas ou en empresas públicas en postos de traballo da mesma categoría que os convocados: 0,40 puntos

– Non se computarán os servizos inferiores ao ano completo, entendéndose estes de doce meses sen solución de continuidade. Deduciranse proporcionalmente aqueles servizos prestados a tempo parcial.

b) A formación ou a participación en cursos. Puntuación máxima de 5 puntos.

– Por cada curso realizado, sempre que se atopen relacionados coas funcións propias a desenvolver e organizados ou avalados por unha Administración Pública, Universidade ou entidade de interese público:

o De 10 a 20 horas de duración: 0,20 puntos.

o De 21 a 40 horas de duración: 0,30 puntos.

o De 41 a 100 horas de duración: 0,40 puntos.

o De 101 a 200 horas de duración: 1,00 puntos.

o De duración superior a 200 horas: 2,00 puntos.

– No caso de estar en posesión de varios cursos ou accións formativas con materias ou contidos iguais ou similares, tomarase en consideración para os efectos de valoración o da data mais actual.

c) Outros méritos. Puntuación máxima de 5 puntos.

– Polo permiso de condución da clase D: 0,25 puntos.

– Polo permiso de condución C+E: 0,25 puntos.

– Estar en posesión da titulación que habilite para o manexo de embarcacións e motos acuáticas (PER ou superior): 0,50 puntos.

– Acreditar a titulación ou a formación actualizada no manexo de desfibriladores mediante a correspondente certificación individual recoñecida polo Consello Español de Resucitación Cardiopulmonar (CERCP) a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia (061) ou de outra entidade equivalente no caso de formarse noutra Comunidade Autónoma ou Estado (segundo o Decreto 38/2017, do 23 de marzo, polo que se regula a instalación e o uso de desfibriladores externos fora do ámbito sanitario, e se crea o seu rexistro: 0,30 puntos.

– Estar en posesión da cualificación profesional de extinción de incendios e salvamento (SEA676_2 - Prevención, extinción de incendios y salvamento.), que se acreditará coa presentación do certificado de profesionalidade SEAD0111: 0,40 puntos.

– Estar en posesión da cualificación profesional de operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural (SEA 595_2), que se acreditará coa presentación do certificado de profesionalidade SEAD0411: 0,30 puntos.

– Estar en posesión da cualificación profesional (SEA536_3), xestión e coordinación de protección civil e emerxencias, que se acreditará coa presentación do certificado de profesionalidade SEAD0311: 0,50 puntos.

– Estar en posesión da cualificación profesional (SEA596_3), coordinación de operacións en incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural, que se acreditará coa presentación do certificado de profesionalidade (SEAD0511): 0,40 puntos.

– Estar en posesión do título de técnico en emerxencias e protección civil: 0,60 puntos.

– Estar en posesión do titulo técnico superior de coordinación de emerxencias e protección civil: 0,80 puntos .

– Estar inscrito no Rexistro profesional do persoal socorrista, información e primeiros auxilios de Galicia (sección de socorristas en espazos acuáticos naturais): 0,70 puntos

15. Forma de acreditación dos méritos.

15.1.A través da presentación –dentro do prazo de presentación de solicitudes- dos seguintes documentos que os acrediten:

a) Os servizos prestados na Administración Pública, mediante unha certificación expedida pola autoridade ou funcionario competente, que reflicta o grupo profesional de pertenza os labores realizados.

b) Para a acreditación dos servizos prestados no Concello de Oleiros bastará con que a persoa aspirante solicite que se teñan en conta na avaliación de méritos da fase de concurso os servizos prestados a través do modelo que figura na páxina web municipal (Portada » Temas » Recursos Humanos » Procesos selectivos), incorporando a propia Administración o informe acreditativo ao expediente de selección.

c) Os servizos prestados en empresas privadas, mediante a presentación do modelo oficial de certificado de empresa ou do certificado de vida laboral aos que se deberán acompañar, inescusablemente, cada contrato de traballo e que se pretenda que se avalíe, e o seu rexistro no servizo público correspondente.

d) A formación e participación en cursos, a través dos correspondentes diplomas ou documentos que acrediten a súa realización e expresen a duración en horas ou xornadas completas e -con suficiente claridade- o seu contido básico. Os cursos nos que non se exprese duración horaria non serán valorados.

e) Os méritos aos que se refire o apartado de outros méritos, a través dos diplomas, títulos ou certificacións correspondentes.

 

RECURSOS

Contra a resolución que aproba estas bases, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do contencioso-administrativo da Coruña no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á publicación do anuncio da convocatoria (artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa), ou ben, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o órgano autor da disposición impugnada, no prazo dun mes (artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, procedemento administrativo común das administracións públicas), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercitar, no seu caso, calquera outro que estimen procedente.

ANEXO TEMARIO

Tema 1.- A Constitución española de 1978: Estrutura e contido. Título preliminar. Dereitos e deberes fundamentais. Organización territorial do Estado.

Tema 2.- O Estatuto de Autonomía de Galicia: Estrutura e contido. O Parlamento. A Xunta e o seu Presidente. As competencias de Galicia. A administración Pública Galega.

Tema 3.- Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local: O municipio. A provincia. Persoal ao servizo das Entidades locais.

Tema 4.- Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Actos administrativos. Requisitos. Eficacia. Nulidade e anulabilidade.

Tema 5.- Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia. Disposicións xerais. Organización y competencias.

Tema 6.- Coñecemento do termo municipal de Oleiros: Situación de edificios singulares, históricos e oficiais; situación de rúas, prazas, vías de comunicación e outros lugares de interese; percorridos (camiño a seguir entre dous puntos) e poboación.

Tema 7.- Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA). Definición. Obxectivos. Marco legal. Niveis de activación do Plan.

Tema 8.- Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia. Disposicións xerais.

Tema 9.- Lei 17/2015, de 9 de xullo, do Sistema Nacional de Protección Civil. Disposicións xerais. Planificación.

Tema 10.- Lei 31/1995, de 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais. Obxecto. Ámbito de aplicación. Definicións. Dereitos e obrigas. Servizos de prevención.

Tema 11.-.Teoría do lume: Combustións. Triángulo y tetraedro do lume. Tipos de lumes. Transmisión dos lumes.

Tema 12.-Teoría do lume. Técnicas: Mecanismos de extinción. Axentes extintores. Aplicacións, usos, vantaxes e inconvenientes dos axentes extintores.

Tema 13.- Hidráulica: Bombas centrífugas. Instalación hidráulica.

Tema 14.- Incendios de interior: Influencia do combustible. Influencia do recinto. Riscos do traballo en incendios de interior. Influencia da aplicación de auga sobre incendios. Influencia da ventilación.

Tema 15.- Incendios de interior. Técnicas de intervención: Aplicación de auga. Técnicas de control da ventilación. Traballos en espazos sen visibilidade.

Tema 16.- Incendios de vexetación: Transmisión de calor nos incendios forestais. Clasificación e identificación de alarma polo fume. Técnicas de intervención en incendios de interface urbana-forestal.

Tema 17.- Rescate en altura: Sistemas de ancoraxe de seguridade. Técnicas de intervención. Valoración.

Tema 18.- Rescate en accidentes de tráfico: Intervención en accidentes de tráfico. Técnicas de intervención.

Tema 19.- Técnicas de estabilización de sistemas construtivos e terreos: Técnicas de estabilización.

Tema 20.- Equipos operativos e ferramentas de intervención: Equipos de protección individual. Equipos e ferramentas de extinción. Ferramentas de extricaxe e excarceración. Ferramentas de arrastre e elevación.

Tema 21.¬- Rescate en ascensores: Tipos de ascensores. Partes comúns dos ascensores. Técnicas de intervención. Valoración e tácticas de intervención.

Tema 22.- Apeo e poda de arborado: Técnicas de intervención. Ferramentas. Fases e desenvolvemento da intervención. Técnicas de apeo de arborado.

Tema 23.- Risco eléctrico: Conceptos básicos sobre electricidade. Medidas de seguridade con risco eléctrico. Valoración e intervención en incidentes con risco eléctrico. Tácticas de intervención.

Tema 24.- NRBQ: Sustancias químicas, residuos tóxicos e mercadorías perigosas. Recoñecemento e identificación.

Tema 25.- Salvamento en medio acuático: Natación adaptada ao salvamento acuático. Salvamento acuático.

Tema 26.- Intervencións sanitarias en emerxencias: Valoración primaria e secundaria. Soporte vital básico en adultos e nenos. Atención inicial ao paciente politraumatizado. Traumatismos. Mobilización e inmobilización. Patoloxía por calor e frío.

Tema 27.- Intervencións sanitarias en emerxencias: Protección e prevención de riscos na emerxencia.

BIBLIOGRAFÍA

Área de documentación del CEIS Guadalajara:

https://www.ceisguadalajara.es/category/documentacion/

 

Oleiros, 11 de setembro de 2025

A segunda tenente de alcalde delegada de Persoal

Margarita Figueroa Vázquez

2025/5947

 

©2009 Deputación da Coruña