Administración Local
Municipal
Oleiros
Convocatoria de subvenciones y ayudas públicas
CONVOCATORIA DO CONCURSO DE DISFRACES DE ENTROIDO 2026.
BDNS (Identif.): 884198
De conformidad con lo previsto en los artículos 17.3.b y 20.8.a de la Ley 38/2003, de 17 de noviembre, General de Subvenciones, se publica el extracto de la convocatoria cuyo texto completo puede consultarse en la Base de Datos Nacional de Subvenciones (https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/884198)
CONVOCATORIA DO CONCURSO DE DISFRACES DO ENTROIDO 2026
Ao abeiro da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Ordenanza reguladora das bases de subvencións do Concello de Oleiros, convócase polo Departamento de Cultura do Concello un concurso de disfraces de Entroido, que se rexerá polas seguintes normas:
1º.- Obxecto
É obxecto desta convocatoria premiar aos mellores disfraces individuais, de parellas ou grupais que se presenten ao concurso, que se celebrará o venres 20 de febreiro de 2026 no Pavillón Municipal Arsenio Iglesias, de Santa Cruz.
2º.- Importe da convocatoria e aplicación orzamentaria
O importe da convocatoria ascende a 5.200 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 80.3340.48001. (Cultura. Promoción Cultura. Premios Entroido).
3º.- Requisitos dos participantes
Na modalidade individual poderá participar calquera persoa que teña cumpridos 18 anos ou ben 16 anos, con autorización asinada de pai/nai/titor.
Na modalidade de parella permitirase a participación de persoas menores de 18 anos, sempre e cando o outro membro teña como mínimo 18 anos.
Na modalidade de grupo permitirase a participación de persoas maiores de 16 anos, sempre e cando o representante do grupo teña como mínimo 18 anos. No caso de participación de menores de 16 anos non poderán supoñer máis do 50% do total do grupo.
As idades sinaladas anteriormente deberán estar cumpridas no intre da inscrición.
Poderase participar nunha das seguintes categorías:
“INDIVIDUAL-PARELLAS” (1 ou 2 persoas).
“GRUPOS” (entre 3 e 25 persoas).
Deberá elixirse só unha das categorías, de xeito que un mesmo disfrace non poderá participar en máis dunha categoría. De detectarse esta situación eliminarase da categoría individual.
En caso de que ao cubrir o formulario se marcase a categoría equivocada, se lle atribuirá de oficio a que lle corresponda.
4º.- Características e limitacións dos disfraces:
Non se permitirá a participación no concurso nin o acceso ao recinto de ningún elemento ou estrutura como carrozas, vehículos, carromatos ou similares, tanto flexibles como ríxidas, que funcionen a motor ou con mecanismos similares.
As dimensións do disfrace que porte a persoa e as súas estruturas accesorias non deberán superar en ningún caso as seguintes medidas: 1,20 m de ancho x 2,00 m de longo e 2,50 m de alto.
Non poderán utilizar ningunha substancia que poida ser inflamable ou perigosa.
O xurado resérvase o dereito de valorar a aceptación no concurso daqueles disfraces que xa participaran en edicións anteriores.
Poderán ser excluídos disfraces que pola súa temática ou elaboración podan resultar vexatorios ou discriminatorios, a criterio do órgano convocante.
5º.- Inscricións.
As inscricións deberán facerse no formulario que se publicará na web municipal e deberán presentarse:
A través da Sede Electrónica Municipal (https://sede.oleiros.org/portal/sede), no formulario de inscrición habilitado ao efecto.
Presencialmente no Rexistro sito no Edificio a Fábrica, Rúa do Inglés, 13. 15172-Perillo, Oleiros.
O prazo de presentación iniciarase o día seguinte á publicación do anuncio desta convocatoria no BOP e rematará o 18 de febreiro de 2026, ás 14:00 horas.
Na modalidade Individual/parellas só poderá presentarse unha solicitude por participante (sexa persoa ou parella). No caso de que un/ha solicitante presente varias inscricións nesta categoría, darase por válida a última presentada.
En todas as categorías, será obrigatorio que a persoa que figure na solicitude de participación no concurso tome parte no mesmo, considerándose representante dos participantes a todos os efectos.
En caso de que o grupo participante sexa unha ENTIDADE VECIÑAL, SOCIAL OU CULTURAL, deberán constar os datos do representante legal (Presidente/a) xunto cos da propia entidade.
En función da orde de inscrición asignaráselles aos solicitantes un número de dorsal.
O dorsal deberá ser recollido polo solicitante:
- na conserxería do edificio A Fábrica, sito en Rúa do Inglés, 13. 15172-Perillo, Oleiros, o venres 20 de febreiro en horario de 8.30 a 12.00 horas
- no Pavillón Municipal Arsenio Iglesias o venres 20 de febreiro, entre as 16:30 e as 18:00 horas.
A participación do concurso levará implícita a aceptación das bases.
6º.- Desenvolvemento do concurso.
O concurso terá lugar o venres 20 de febreiro de 2026, no Pavillón Municipal Arsenio Iglesias, de Santa Cruz.
O número do dorsal que lle fora asignado determinará a orde de presentación no escenario.
No desfile seguirase a seguinte orde, subindo en primeiro lugar os participantes da categoría individual/parellas e a continuación os participantes da categoría grupal.
Os disfraces participantes realizarán un desfile subindo ao escenario a partir das 19:00 horas, debendo estar preparados no lugar indicado pola organización a partir das 18.45 horas.
As persoas participantes poderán estar ata 2 minutos enriba do escenario e ao baixar pararán diante do xurado para que este poida observar os disfraces.
Durante o desfile soará a música seleccionada pola organización, sen prexuízo de que os participantes utilicen o acompañamento sonoro que estimen conveniente, o cal será levado e xestionado integramente por eles e conforme ás normas do concurso.
Durante a celebración do concurso poderán efectuarse gravacións e fotografías, incluíndo ás persoas participantes e asistentes; estas imaxes poderán ser utilizadas nos medios que o Concello de Oleiros estime oportuno.
Ao remate do desfile as persoas compoñentes do xurado reuniranse para fallar o resultado e comunicalo publicamente.
Os criterios que o xurado deberá ter en conta para outorgamento dos premios serán os seguintes:
orixinalidade e creatividade
posta en escena
estética (detalles de maquillaxe, vestiario, máscaras e demais complementos)
elaboración propia e artesanal.
Cada membro do xurado outorgará un máximo de 10 puntos a cada un dos criterios, outorgando un máximo de 40 puntos a cada unha das propostas.
O xurado deberá emitir unha acta coas valoracións e a proposta de gañadores, no modelo que lle será proporcionado pola Concellería de Cultura, e deberá ser asinada polo secretario e polo Presidente do xurado.
Á vista da acta, a Alcaldía resolverá o outorgamento dos premios.
7º.- Xurado
O xurado estará composto por:
Presidente: Alcalde ou persoa en quen delegue
Secretario/a: un/ha traballador/a municipal
Vocais: tres vogais designados pola Alcaldía.
O/A Secretario/a non terá dereito a voto.
8º.- Premios
Establécense os seguintes premios:
Modalidade Individual-Parellas
1º premio: 400 €
2º premio: 300 €
Dous 3º premios: 200 €
Dous accésit : 100 €
Modalidade Grupos
1º premio: 1.500 €
2º premio: 1.000 €
Dous 3º premios : 500 €
Un accésit : 400 €
Os accésits serán adxudicados polos xurado ese así o considera conveniente, atendendo á calidade global de todos os disfraces participantes, ás características do disfrace ou da súa posta en escena, debendo o xurado argumentar os motivos do seu fallo.
As persoas premiadas subirán ao escenario para recoller o premio co disfraz gañador da categoría correspondente.
O pago dos premios efectuarase con posterioridade ao concurso, a través de transferencia bancaria.
O aboamento dos premios realizarase a nome da persoa que formulara a solicitude de participación, ou ben da entidade, cando se trate de persoa xurídica.
A estes efectos, as persoas ou entidades gañadoras deberán achegar ao Concello con data límite do 2 de marzo a seguinte documentación:
CIF da entidade, no eu caso.
DNI do/a representante ou persoa física gañadora (en caso de que non o presentara xa coa solicitude)
Certificado da conta bancaria onde desexa percibir o importe do premio, na que deberá constar como titular a persoa ou entidade gañadora, segundo o caso.
Esta documentación deberá achegarse a través da Sede Electrónica Municipal (https://sede.oleiros.org/portal/sede) ou ben presencialmente no Rexistro sito no Edificio a Fábrica, Rúa do Inglés, 13. 15172-Perillo, Oleiros.
Os premios ás persoas físicas estarán suxeitos á retención do IRPF correspondente.
Antes do pago deberá acreditarse que a persoa ou entidade gañadora non ten débedas coa Seguridade Social, AEAT ou co Concello. A estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización ao Concello para comprobar de oficio estes extremos nas Administracións correspondentes.
10º .- Concurso deserto e exclusións
O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios en caso de que considere que ningunha das propostas presentadas acada un nivel de calidade mínimo.
A organización e o xurado poderá descualificar en calquera momento do proceso, aqueles disfraces que incumpran as normas recollidas nestas bases.
O xurado poderá excluír do concurso a aqueles participantes que se comporten indecorosamente ou exhiban condutas que poidan considerarse ofensivas, vexatorias ou de mal gusto, tanto cara ao público como cara á organización.
11º.- Normativa reguladora e interpretación.
A presente convocatoria rexerase, ademais de polas normas expresadas na mesma, pola Ordenanza reguladora das bases de subvencións do Concello de Oleiros; pola Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, nos preceptos que constitúen lexislación básica do Estado, de acordo co disposto na súa Disposición final 1ª; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en todo o demais; o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e demais normas de dereito administrativo e, no seu defecto, aplicaranse as normas de dereito privado.
Compete ao órgano convocante a prerrogativa de interpretar esta convocatoria.
Corresponderá ao presidente do xurado resolver calquera circunstancia non prevista nestas bases e que poida alterar o normal desenvolvemento do concurso.
12º.- Autorizacións
A presentación das solicitudes supón a aceptación íntegra da convocatoria e das condicións, requisitos e obrigas contidas nela, e ademais implica polos participantes a aceptación incondicionada da seguinte cláusula:
A autorización ao concello para a publicación na páxina web, redes sociais e publicacións da súa titularidade do nome e apelidos dos concursantes e premiados, así coma fotografías e vídeos dos mesmos nos actos de entrega de premios ou na participación no acto obxecto do concurso.
13º.-Protección de datos
O responsable do tratamento é o Concello de Oleiros, que tratará os datos con finalidade de xestionar a inscrición e participación no concurso ou certame. Os datos conservaranse mentres sexa necesario para cumprir coa finalidade prevista e durante os prazos de prescrición legal. Os datos non serán cedidos, agás se é necesario para a xestión ou entrega do premio, e salvo obrigación legal. Non haberá transferencia internacional de datos. Poderase exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición e limitación na sede electrónica do Concello de Oleiros, presencialmente no Concello ou en dpd@oleiros.org. Poderase contactar co Delegado de Protección de Datos no mesmo correo ou dirixirse ante a Axencia de Protección de Datos (C. de Jorge Juan, 6, 28001 Madrid, www.aepd.es). Máis información na política de privacidade na web municipal e no Rexistro de Actividades de Tratamento no Portal de Transparencia
Oleiros.
30/1/2026
María José Santos Zas.
Sétima Tenenta de Alcalde, delegada de Cultura e Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude.
2026/559