¿É oficial e auténtico o BOP en Internet?

Si, a edición electrónica do Boletín Oficial da Provincia publicada na sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña, a partir do 22 de xuño de 2009, ten carácter de oficial e auténtica.
A edición electrónica publicada incorpora firma dixital avanzada garantindo a autenticidade, integridade e inalterabilidade do seu contido.

¿Que días se publica o BOP?

O BOP da Coruña publicarase de luns a venres, excepto festivos nacionais, autonómicos da Comunidade de Galicia e locais do concello da Coruña.

¿Que pode publicarse no BOP?

No BOP publicaranse as disposicións de carácter xeral e as ordenanzas, así como os actos, edictos, acordos, notificacións, anuncios e demais resolucións das administracións públicas e da administración de xustiza de ámbito territorial provincial, ademais de calquera outras administracións e particulares, cando así estea previsto nunha disposición legal ou regulamentaria, así como outros actos ou anuncios que aquelas remitan.

¿Quen pode publicar no BOP?

-Con carácter xeral os anunciantes terán que estar dados de alta na nosa “Zona de anunciantes” e deberán autorizar, con carácter previo, a través da sección “Xestión de usuarios e permisos”, ás persoas que poderán enviar anuncios para a súa publicación.
-Excepcionalmente os anunciantes que non teñan que publicar habitualmente no BOP e non desexen darse de alta na “Zona de anunciantes” poderán enviar un máximo de 4 anuncios por ano natural a través da sección “Alta de anuncios para anunciantes/usuarios non rexistrados.

¿Como podo darme de alta na zona de anunciantes?

Para darse de alta na zona anunciantes ten que acceder á sección “Xestión de usuarios e permisos“ e cubrir o formulario.
Se vostede non é a persoa competente da súa entidade para autorizar a alta de novos usuarios, debe cubrir e xuntar a correspondente autorización.
Unha vez xuntada a autorización, accederemos ao formulario, cubriremos todos os campos obrigatorios e darémoslle a “asinar e enviar”.

¿Que tipo de permisos existen?

Existen tres tipos de permisos, podendo acumularse estes en cada usuario segundo se desexe.
Consultor: Este perfil de usuario outorga permisos para consultar os anuncios dunha ou varias entidades anunciantes.
Tramitador: Este perfil de usuario outorga permisos para incorporar anuncios no sistema. Asociarase a unha soa entidade anunciante, e dentro desta poderase asociar a un ou varios departamentos. Un usuario con este perfil terá acceso soamente aos anuncios incorporados por este.
Asinante: Este perfil de usuario outorga permisos para ordenar a inserción de anuncios dunha ou varias entidades anunciantes.

¿Como podo publicar un anuncio sen darme de alta na zona de anunciantes?

Se a entidade non está dada de alta na zona de anunciantes, poderán enviarse anuncios ao BOP accedendo á ligazón Alta de anuncios para anunciantes/usuarios non rexistrados. Mediante esta opción poderanse enviar un máximo de catro anuncios por ano natural.
Unha vez dentro, debe seleccionar o tipo de administración anunciante e acceder ao formulario. A continuación debe cubrir os campos marcados como obrigatorios e finalmente picar en asinar e enviar.
O documento que se xunte para publicar deberá cumprir os requisitos establecidos nas normas de desenvolvemento, debendo prestar especial atención en que figure, despois do texto a publicar, a poboación, data, cargo e nome e apelidos de quen asine o anuncio.

¿Como enviar un anuncio a publicar a través da zona de anunciantes?

Unha vez que o usuario está dado de alta, deberá acceder a través da opción Acceso á zona de anunciantes e identificarse. Para iso deberá dispoñer dun certificado electrónico.
Os usuarios das entidades locais da provincia da Coruña, se non son asinantes, tamén poderán acceder con usuario e contrasinal.
Seleccione a opción “Crear un novo anuncio”, no panel lateral esquerdo, e cubra os campos que se lle mostran.
Teña en conta o seguinte:
-Se en “Tipo de publicación” selecciona urxente, a publicación será de pago, mentres que se selecciona ordinaria, o anuncio será gratuíto. Pode consultar a ordenanza fiscal na seguinte ligazón.
-No campo “Sumario” deberá incluír unha breve descrición do contido do anuncio. O que se cubra neste apartado será publicado tanto no encabezamento do anuncio como no sumario do BOP.
-A data exacta de publicación só deberá cubrirse cando exista unha disposición legal que obrigue a publicar o anuncio na dita data.
-No apartado “Comunicacións” poderán incluírse varias direccións de correo electrónico, separadas entre si polo signo punto e coma.

¿Que requisitos debe cumprir o documento que envíe para publicar?

Os requisitos a ter en conta veñen establecidos nas Normas de desenvolvemento.
Recoméndase prestar especial atención, entre outras cuestións, ao seguinte:
-O arquivo deberá enviarse nalgún dos formatos admitidos, tendo en conta que, con carácter xeral, non se admitirán arquivos PDF.
-Deberá figurar un pé de firma no que conste a poboación, a data, o cargo e o nome e apelidos de quen asine o anuncio.
-Se o texto a publicar contén datos de carácter persoal, deberá cumprirse a correspondente normativa, non podendo figurar o nome e o NIF completo das persoas físicas.
-O arquivo non deberá ter nin encabezamentos nin pés de páxina.

¿As publicacións no BOP son gratuítas ou de pago?

Actualmente os anuncios que se envíen polo trámite ordinario son gratuítos, non obstante os enviados polo trámite de urxencia son de pago.
As tarifas dos anuncios publicados con carácter urxente están regulados no artigo 7 da Ordenanza Fiscal Nº 2 reguladora da taxa por servizo de publicacións do Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

¿Como podo dar de baixa un anuncio?

Unha vez que xa se enviou o anuncio a publicar a través da zona de anunciantes, o tramitador terá que entrar na dita zona e ir ao apartado “Esperando a ser publicados”. Nese apartado poderá ver todos os anuncios que están pendentes de publicar e terá que picar en “Baixa telemática” do anuncio que quere dar de baixa.
Logo, calquera das persoas que teña permiso de “Asinante” na entidade ou departamento correspondente, terá que ir á bandexa de “pendentes de sinatura electrónica” e asinar electronicamente a baixa.
Para máis información, pode consultar a seguinte nota informativa.
No caso dos anuncios enviados a través da opción “Alta de anuncios para anunciantes/usuarios non rexistrados”, terá que poñerse en contacto coa administración do BOP coa maior brevidade posible, a través dos teléfonos 981080025 ou 981080023.

¿Como podo recibir avisos sobre as publicacións no BOP que sexan do meu interese?

Para recibir avisos debe acceder ao apartado “Subscricións ao BOP” e darse de alta como novo subscritor. Unha vez que estea dado de alta debe seleccionar o anunciante e/ou temática da que quere recibir os avisos de publicación.