O Boletín Oficial da Provincia é un servizo público de carácter provincial, competencia propia das Deputacións Provinciais, ás que lles corresponde a súa edición e xestión.
A dirección e coordinación do Boletín Oficial da Provincia da Coruña atribúese á Secretaría Xeral, correspondéndolle a súa xestión administrativa ao Servizo de Xestión Tributaria e a súa edición á Imprenta Provincial.
O BOP é o periódico oficial no que se publicarán as disposicións de carácter xeral e as ordenanzas, así coma os actos, edictos, acordos, notificacións, anuncios e demais resolucións das Administracións públicas e da Administración de Xustiza de ámbito territorial provincial, así como calquera outras administracións e particulares, cando así estea establecido en disposición legal ou regulamentaria, así como outros actos ou anuncios que aquelas remitan. Ademais, poderán publicarse os anuncios de particulares que deban ser inseridos de acordo coa lexislación vixente ou para información xeral.
Así pois, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña é unha publicación de carácter oficial que xestiona a Deputación da Coruña. O BOP é o instrumento de información pública que utilizan o conxunto das administracións que operan no ámbito xeográfico provincial para dar a coñecer a súa xestión, facela máis transparente e permitir a participación dos cidadáns.
A Deputación Provincial da Coruña implantou o BOP electrónico como único formato de edición oficial.
Dende a web do BOP centralízase toda a información referente ao Boletín e externalízanse os servizos de consulta, a tramitación telemática de anuncios e a notificación da súa publicación, mediante o uso da certificación dixital e outros medios seguros.
Os servizos que se ofrecen na páxina web do BOP son unha adaptación ás novas tecnoloxías e supoñen un avance cara a eficacia e axilidade na xestión da publicación de anuncios. O acceso universal e gratuíto da edición electrónica do BOP garante poder obter de maneira sinxela e inmediata todos os anuncios publicados dende o mesmo día da súa edición, e que o usuario poida reproducilos, se o desexa, en soporte tradicional.